18 may. 2010

NOVONEYRA


A personalidade de Uxío Novoneyra, logo xa do décimo cabodano do seu pasamento, é toda unha paráfrase do día tan especial que se viviu hoxe en Galicia. Un día das letras distinto, moi afastado do espírito fundacional do centenario da publicación de Cantares Gallegos. Terra e lingua simbolizadas nunca mellor que hoxe na figura do poeta do Courel.
Morreu o home, pero emerxeu o símbolo. A Galicia dos devanceiros que xacen na longa ringleira de camposantos que van desde a súa terra ata Compostela e que nos esixen manter o facho da nosa identidade. Do noso pobo que, alén doutras diferencias, ten lingua e terra. A terra dos eidos que os labregos traballaron arreo. E da lingua que defenderon coa fala, súa e nosa.
Hoxe non estiven en Compostela. Porque hai prioridades nun mundo de pequenas renuncias. Quizáis porque a miña paixón militante é baixa nunha conxuntura na que un ten que escoller sempre entre un modelo de sociedade e un modelo de nación. Porén, un ten que conter as bágoas diante do testemuño da súa vida, a de Novoneyra. Para el todo foi coherencia, no sentimento social e nacional, no seu mundo dialéctico.
Con seguridade, en poucos anos lembraremos nun 17 de maio ao outro gran bardo galego, Manuel María. As dúas almas xemelgas que deixaron  un inmenso baleiro no noso mundo poético. Que daquela o 17 maio sexa menos reivindicativo será sinal de esperanza. De que algo mudou para ben. Polo de agora, Novoneyra é un símbolo da loita pola nosa lingua. Hoxe e sempre. Nos eidos e nos fogares nos que existirá para sempre.

3 comentarios:

  1. No noso recordo o poeta do Courel:
    "COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
    Eiquí síntese ben o pouco que é un home..."
    Como ven decía Paul Valéry: "A poesía ten deber de facer algunha aplicación perfecta do idioma dunha nación"
    Nestes días tan importantes para a universidade de Vigo e o seu futuro, recibe Xaime unha aperta. Os meus mellores desexos para tí o día 20.

    ResponderEliminar
  2. "Aturula a curuxa e canta o cuco medindo o tempo quedo que se para no cor,
    e tornándose contra ún, ven cravarse no sitio onde máis se sinte..." Uxío Novoneyra

    Un agarimoso saúdo para os que sentimos Galicia no máis profundo do ser.
    Fagamos Galicia desde a Universidade.
    Sr. Cabeza lembre a responsabilidade e o compromiso que terá a partires do día 20. Penso que vai gañar.

    ResponderEliminar
  3. Hola,

    Son galego falante dende que teño uso de razón. Xa os meus pais tiñan unha especial celebración do dia 17 de maio desde de que acordo. Gostame este dia como un dia de homenaxe a aqueles que coa sua creación literaria difunden a miña lingua (que para min é algo familiar, de amizade e de compañeiros).

    Por iso, lamentandoo moito, non podo entender o comentario que hai neste post acerca de "hoxe non estiven en Compostela" e "a miña paixón militante é baixa". A miña paixón pola miña lingua non esta suxeita a militancia, e francamente, este post que debería ser, como o é en algúns momentos, un recordatorio da excelencia de Novoneyra convirtese nun non sei que de explicación de militancias.

    Non me interesa onde estivo... nin as suas renuncias para poñer no sitio que corresponde un ilustre das letras galegas como Novoneyra.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.