18 oct. 2012

MENTIRÁN, TRAMPÓN!




               Que en campaña se digan moitas parvadas é algo ao que xa estamos afeitas e resignadas as persoas que temos que ir ás furnas. Que Mr. Bean e os seus mariachis tiren de argumentario cutre-pepero xa se da por suposto. Ao fin, tamén os outros candidatos din cousas que mellor que quedasen calados. O que ten de diferencial o noso presidentiño é esta especial facilidade de mentir “impasible-el-ademán” que non teñen os demáis. Esa especie de parálise facial no rictus –por certo, tamén a ten Mario Conde, esqueceume, asemade candidato pola provincia de Pontevedra- propia destes charlatáns de feira, taberneiros, poxadores, frades mendicantes, concelleiros ourensáns-baltarianos, directivos de caixas e demáis “xentalla de aquí e de acolá” que se espalla pola nosa xeografía ou mesmo exportamos a Madrid –que non se me esqueza Romay Becaria, padriño de rufiáns-alcaldiños-.
               Digo isto como apertura desta mensaxe de hoxe, relativa á entrevista que lle fixeron hoxe á mañá na SER ao tocaio do Principiño de Mónaco, noso sempre Albertiño. Preguntoulle Pepa Bueno polo desemprego e, poñéndose á defensiva, dixo trouladas á esgalla e afirmacións impropias das nove da mañá dalguén que non almorzou con augardente. Dixo que o desemprego estaba por debaixo da media española no que a el lle importaba, que eran os desempregados e demandantes de emprego. E que subira moito máis no último ano do goberno bipartito. Olé!!!!!! Quen fixo o argumentario do Papo? Ou improvisou noso meniño Feijóo?
               Non é xusto sacarlle agora ao axente 009-Frijol seu programa do 2009. A fin de contas, tamén o esqueceu seu xefe Madiano Dazoy e iso que as eleccións españolas foron no 2011. O que é xusto –e necesario- é lembrarlle un par de cousiñas ao noso inquilino de Monte Pío. É xusto e necesario, e tamén o meu deber –non a miña salvación, agás que estes trapalleiros non gañen con maioría absoluta no domingo-. Sería unha marca propia de Usain Bolt que o desemprego galego se achegase ao español, cando a Mr. Bean únicamente lle interesan os desempregados demandantes de emprego. É dicir, na Galiza temos o record de persoas non activas de todo o mundo mundial. Por certo, hai que dicirlles que non lle interesan nada ao presidente da Xunta, porque non son demandantes de emprego. Nesas condicións, estamos en inferioridade cos nosos irmáns andaluces –aos que Feijóo chama lacazáns- porque teñen menos xente en situación non activa. Ademáis, nos logros de Mr. Bean está reactivar algo tan galego como a emigración, que creceu exponencialmente do 2009 ao 2012, neste aspecto Mr. Bean á certo que espallou a “galeguidade”. Tanto que, por máis que un amigo meu peruano fala de “euracas” para definir aos emigrantes de España a Latinoamérica destes anos, non ten éxito en Arxentina, Uruguay, Chile, Venezuela…onde os chaman, cada vez máis, galegos.
               É dicir, creceu a poboación pasiva –a pasiva, a total diminuiu-, creceu a emigración e creceu o desemprego. Iso si que é un Sudoku imposible que logrou Feijóo. O desemprego, segundo datos que me pasaron hoxe –o oficial, o rexistrado- subiu do 12’22 por cento ao 21’07 por cento. Por certo, estaba máis por debaixo da media no 2009. O número de persoas ocupadas baixou de 1168500 no 2009 a 1033700 no 2012. É decir, perdemos 135000 activos en 3 anos e medio. Estos son os datos. Pero Frijolito non fai caso da baixada da poboación activa, “porque iso non lle interesa”. O dixo ou non o dixo? Que lle pregunten a Pepa Bueno.
               En fin, vou aforrar máis comentarios porque alguén me vai dicir que son un derrochón. Ou mellor, vou gardar outras ideas nun caixón para deixalas para o exercicio seguinte, que iso está moi de moda na Xunta. E hai que estar cos tempos.

9 oct. 2012

CASTELAO BRAGAÑA: O PARTIDO POPULAR ACUBILLA A UN ACOSADOR




Levo dous días querendo redactar unhas liñas verbo do comentario deste personaxe. Pero o noxo xigante que me produciu seu comentario aconselloume agardar un pouco, para non incurrir no insulto, que é o único que merece, desde logo, Castelao Bragaña, que non é quen, desde logo, de que se lle chame “señor”, nen “home”, nen “persoa”. O asunto é que o seu comentario ten o cheiro indecente de ser mainstreaming no partido que, para desgraza colectiva, nos Goberna. Onte, noso presidente interino, Mr. Alberto Bean salientou, en defensa de Castelao Bragaña, que “dimitiu ás horas”, en tanto que “xente imputada do PSOE paséase polos mítines imputados ou procesados”.

Afórrolle á xente que lea estas liñas a penalidade de ter que ler outra vez a expresión proferida por Castelao Bragaña. Unicamente lembro que é un dos máis paradigmáticos casos de acoso sexual e de acoso por mor de sexo. Que alguén lea o art. 7 da Lei Orgánica de Igualdade para comprobalo. En España e en toda Europa, a expresión de Castelao Bragaña constitúe un exemplo agravado de acoso sexual e sexista. A comparación que fai Mr. Bean presidente da Xunta entre o comportamento de C.B. e o doutros imputados do PSOE é unha agresión á dignidade das mulleres. Sen máis e sen atenuantes.

O máis salientable do caso é que a Castelao Bragaña, que se saiba, non o expulsaron do Partido Popular, nen lle abriron expediente. É dicir, os seus comentarios encaixan perfectamente no ideario do Partido Popular. A conduta omisiva dos seus órganos internos así o expresa sen marxe de dúbida. Os líderes deste partido discriminatorio coas mulleres non fixeron senón aplaudir a súa conduta de dimitir. Xa está, segundo os seus comentarios, alén dunha reprobación tópica do comentario. É dicir, o castigo que merece C.B. é ningún.

Nestas condicións, o único que lle queda a alguén é facerlle ás mulleres, pero sobre todo aos homes galegos, unha súplica: que amosen co seu voto o seu desprezo por Castelao Bragaña e polo partido no que milita. A expresión do Partido Popular posta en boca deste suxeito é a discriminación máis indignante que sufriron as mulleres nos últimos tempos. Os galegos somos, desde logo, un pobo decadente, que perdeu a banzos xigantes a súa identidade, en particular nos últimos catro anos. Que perdeu o rumo da historia da man dun goberno mesquiño. Pero debemos ser un pobo que manteña a súa dignidade. Que desaparezan do espazo público os acosadores sexuais é unha cuestión de hixiene pública. Pensar que Castelau Bragaña foi o noso representante non pode ser senón a lembranza repugnante dunha historia que non se pode repetir xamáis.

Galegos e galegas: temos o perigo de renovar como presidente da Xunta a alguén cómplice de acoso sexual e sexista.