28 oct. 2017

A BAIXA CALIDADE DO ESTADO DAS AUTONOMÍAS. REFLEXIÓN DUN EXAFILIADO AO BNG







Ser afiliado non é o meso que ser militante. Nunca fun militante. Paguei a cota á organización política durante lustros, pero xamáis participei da súa vida interna. Deime de baixa o ano pasado, xusto cando Ana Pontón accedeu á condición de voceira nacional. Trabuqueime. Marchei cando ela cambiou as dinámicas para ben. Teño que voltar. Ela vai ser a primeira muller en presidir noso país. Pero esa é outra historia. Agora o asunto é outro, nestas datas de reflexión identitaria.

Non quero escribir de conceptos nacionais, nen de política prospectiva, se se me permite o pleonasmo. Quero saír ao paso desta onda de defensa “do modelo do 78” escrita desde unha posición progresista, que eu recoñezo no seu progresismo, para falar con ela afectivamente. A outra defensa, a feita desde a adscrición a un monarca neo-autoritario e desde a afección a unha simboloxía nacional-católica, non me interesa, Con eles, as pontes non existen, habitamos en galaxias diferentes.

Eu son o que se entende desde esa outra orela como un nacionalista. Quérolle á miña lingua, que hai séculos foi a cultivada neste recuncho do mundo e hoxe é marxinal, nun pobo de xente diglóxica por mor dunhas políticas de promoción do castelán e de desprezo do galego. Quérolle a este país minguante e envellecido, froito do desprezo propio e alleo. Quérolle á nosa vizosa paisaxe en perigo tamén por culpas nosas e doutros. E tamén lle quero á nosa literatura, xigante para un pobo tan pequeniño. Pero non me pode a simboloxía, non preciso bandeiras nen himnos e moito menos orgullos patrios. En resumo, eu son menos nacionalista que “os do réxime do 78”.

Ven todo isto a conto dunha mensaxe menos “patriótica”. Que necesidades tería eu para vivir cómodo nese Estado denominado Reino de España? A verdade é que non moito. Básicamente que se desenvolveran políticas de integración da pluralidade, que se perseguira unha igualdade material de todas as xentes que son nacionais deste Estado, que se comportara realmente como social e de dereito e que se recoñeceran xenuínas competencias políticas ás denominadas “Comunidades Autónomas” nun leal entedendemento da subsidiariedade na acción do Goberno central.

Cantas condicións se cumplen das anteriores? A verdade é que ningunha, e esa é a miña desafección, como a de tantos outros, ao “modelo do 78”. Probablemente tamén porque non é o da miña xeración, senón o da xeración  anterior e non lle teño agarimo abondo. Pero, ademáis e por riba de todo, porque non foi senón un corsé que nos limitou no progreso social da periferia, desta parte do territorio que tan pouco lles importa aos que miden a súa moralidade polo tamaño da bandeira rojigualda pendurada dos seus balcóns.

A nosa pequena identidade galega entrou no máis inmenso desleixo propio e alleo. Como exemplo elemental: dou clase en galego e a inmensa maioría do meu alumnado non é quen de facerme os exames escritos en galego. Non por perxuízos, senón por falla de competenzas lingüísticas. Que está disposto a facer “o modelo do 78” para a promoción das linguas minorizadas? O que demostrou é nada, agás tallar os modelos educativos que queiran sinceiramente garantir un coñecemento real da cadansúa lingua minorizada. Que se fai desde a Administración do Estado no recoñecemento e a promoción das diferencias que nos constituirían como pobo plural? Ren. Unicamente, promover unha igualdade tipo “Tempos modernos”. Unha igualdade identitaria na que eu, desde logo, non me recoñezo.

Galiza é un país pobre, avellentado e no que xamáis se coidou desde o Goberno central. Moito menos cando o dirixiron galegos –galegos, por suposto, esquecidos da súa orixe e sen conciencia da súa identidade-. Sen infraestruturas dignas do século no que vivimos. Anulado no desenvolvemento dos seus sectores produtivos. Dirixido no tecido privado desde Madrid na explotación dos seus recursos básicos. Con menos renda, menos ocupación e máis dependencia da Administración central. Por suposto, esa é a nosa culpa, cando menos en parte. Pero nunca fumos merecentes dunha acción positiva desde o Goberno central digna dese nome. Somos para Madrid o esquecido, lonxano e neboento Noroeste. Nada máis.  Non somos materialmente iguais a outros españois. Ao modelo do 78 nunca lle interesou fornecernos das pancas para medrar. Non lle podo querer a un Estado ao que non lle interese a igualdade material da xente do meu país en comparación coa doutras partes súas.

O “modelo do 78” deixou de ser social e de dereito. Transixiu cunha reforma constitucional, a do art. 135, que abandonou os obxectivos sociais elementais en aras do equilibrio orzamentario. Entendido este non como equilibrio ao medio e longo prazo, senón como obediencia aos ditados conxunturais da Comisión Europea e do Goberno de quenda. A este principio axial subordinouse o pleno emprego, a equitativa distribución da renda, o sistema público de Seguridade Social e, en xeral, todos os principios reitores da política social e económica. Todo iso, por certo, co aplauso desta corrente defensora  do “modelo do 78”.

Non é de dereito. Por moito que un limpe os lentes non pode albiscar no art. 155 da Constitución unha habilitación ao Senado e ao Goberno para cesar a cargos públicos democráticamente elexidos. Dar instruccións é algo moi diferente de cesar. Cando se nos quere obrigar a entender algo que a Constitución non di, o Estado deixa de ser de dereito. Cando responde a inconstitucionalidades con outras inconstitucionalidades non é leal á súa definición como Estado de dereito. Cando non cumple cos convenios fundamentais internacionais e rexionais que ten asinados –Carta Social Europea, Convenio para a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, diversos convenios da OIT, en particular de protección das persoas migrantes..- traizoa o art. 10 da Constitución. Pero, máis importante, cando o noso Tribunal Constitucional ven facendo hai anos unha interpretación dos dereitos fundamentais cuasi-programática deixa de ser Estado de dereito. Iso é, cando renuncia á promoción  do que nos une como cidadáns e cidadás: a identidade no goce dos dereitos humanos e das liberdades públicas.

Para rematar, que recoñecemento fai o Estado das competencias autonómicas? Ben me consta que Carles Vives Pi-Sunyer non é hoxe  alguén do gosto dos defensores do “modelo do 78”. Pero falo dos seus votos maioritarios e particulares cando era maxistrado do Tribunal Constitucional. E cando dicía que as competencias autonómicas sempre estaban subordinadas a unha competencia estatal xeral e elástica, en particular “as condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois” patente de corso na que ten baseado o Tribunal Constitucional multitude de sentenzas con interpretacións sumamente “caseiras” das competencias estatais. Así se estragou a existencia de reais e efectivas competencias plenas, Pero, alén diso, é que ninguén vai recoñecer que hai unha vaga centralizadora fortísima desde hai anos  nas normas legais e na interpretación das mesmas que fai o Tribunal Constitucional? Falo, creo que sen esaxeración, de fanatismo centralizador dos poderes do Estado. Refírome, en particular, a competencias sanitarias, de función pública e de emprego. Estou certo de que pasa o mesmo noutras marerias, pero eu únicamente coñezo algo da rama social do Dereito e por iso falo dela. Dicir que as Comunidades Autónomas teñen hoxendía capacidades políticas homologables a un Estado federado é, sinxelamente, negar a realidade e crear un imaxinario virtual.

Eses son os motivos, esquemáticamente expresados, do meu afastamento do “modelo de 78”. Teño 50 anos e xa non son desa xeración que se afasta públicamente da transición. A esta recoñézolle valores, pero tamén eivas. Pero, con todo, a convivencia haina que construír cada día. Integrando, non impoñendo.

Poño en foto a Peces-Barba, con quen tan pouco me identifiquei na súa vida. Logo do seu pasamento, respeteino máis, cando leín seus traballos relativos aos valores superiores.