23 dic. 2009

OS ORZAMENTOS PARA 2010. preguntas "naive"

O malo dos orzamentos é que radiografían en positivo e en negativo as liñas e estratexias dunha institución. As louvanzas ou as críticas que expresemos os que non somos técnicos na materia encamíñanse ao significado de que haxa ou non determinadas partidas ou de que dotación consten.
Parte dos orzamentos son maquillaxe. Básicamente os que se refiren a política social. Por que no 2010 hai dotación para plan de igualdade ou garderías? Non eran prioridades para o 2009 ou para os anos anteriores? Parabéns de que aparezan. Mágoa que non apareceran antes. Benvidos ás políticas de benestar!
Que pasa con investimentos en consolidación ou captación de profesorado? A mensaxe que se lles lanza aos Pargas Pondais é obvia. Vai haber plan transitorio de estabilización? Non. Vai haber consolidación dabondo? Non. Vai haber esperanza para eles? Con Alternativa Universitaria gobernando, sen dúbida non.
Que pasa con áreas de coñecemento, grupos e centros desenvolvidos? Algún plan de acción positiva? Non. Algunha liña que permita albiscar equilibrios? Non. Que pechen os seus proxectos!, esa é a mensaxe. E logo alguén lles vai demandar que sexan competitivos? Que percuren autofinanzamento?
As pasarelas e demáis investimentos suntuarios do campus de Lagoas-Marcosende, son tan estratéxicos nun ano de crise? Hai compromisos de pagamento ineludibles? Cantas toneladas de cemento nos van sulagar?
E, polo de agora, por que crece o remanente? É que a Universidade non ten capacidade de execución do seu orzamento? É desexábel que creza ano tras ano?

21 dic. 2009

Repercursión da postal de Nadal

A xornaslista do Faro de Vigo, Sandra Penelas, recolle na información o envío de postais de felicitación que ten feito Nova Universidade con motivo destas datas tan especiais.

16 dic. 2009

LA CHASCONA

Hoxe visitei La Chascona, o fogar de Pablo Neruda en Santiago de Chile. No barrio de Bellavista e ao pé do outeiro de San Cristóbal emerxe, incribel, a casa do Poeta. Xa á entrada, os "Versos del Capitán", pero tamén pasaxes de "Confieso que he Vivido", sulagan ao visitante nas súas metáforas cósmicas. Trinta e seis anos logo da súa morte, a súa escrita aínda produce os calofríos propios dos sentimentos máis actuais e expresados pola súa caneta maxistral.
Quizáis non son anos para amosar a admiración por quen lle deu á literatura española contemporánea as súas liñas máis fermosas. Pero os que sentimos coa súa lectura a máis fonda emoción non podemos senón gardar un silencio reverente diante das súas cousas e da súa lembranza. A lembranza de quen nos fixo pasar devagar os ollos por cada un dos seus versos e memorizalos aínda sen pretendelo.

viuvez, rito xitano e discriminación racial

A semana pasada o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditou unha sentenza de moitísimo relevo, revogando na práctica unha sentenza do Tribunal Constitucional español. O tema salientouse nos xornais: unha muller xitana que casara unicamente polo rito xitano e que non lle dera eficacia civil ao matrimonio por outro rito recoñecido no Dereito español. Hai anos morreu seu home, co que mantivera unha alongada convivenza marital e tivera fillos. Pero o INSS denegoulle a pensión de viuvez polo feito de non estaren casados. Recorrida a denegación en vía xudicial, mais que se lle recoñeceu a prestación no Xulgado do Social, logo do recurso da entidade xestora se lle denegou de novo. E, instado o amparo constitucional, o Tribunal Constitucional español rexeitouno en 2007. Con argumentos formalmente claros: xa que non houbo matrimonio con eficacia civil, non cómpre recoñecer dereitos prestacionais. A parella podía casar dándolle efectos civís á unión, pero non o fixo.
A muller, teimosa, recorriu ao Tribunal de Estrasburgo. E obtén unha sentenza favorábel. Tiña dereito á pensión e o non recoñecemento da mesma constitúe unha violación do Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950. Constitúe unha discriminación racial.
A sentenza do Tribunal Europeo é xusta e xurídicamente ben argumentada: é certo que as persoas xitanas podían casar por outro rito para que o seu casamento tivese eficacia civil. E é certo que as parellas novas hoxendía casan por outro rito ademáis do tradicional xitano. Pero iso non foi así sempre. Cómpre lembrar que ata 1981 non existiu matrimonio civil en España e ata máis tarde as persoas desta etnia non adoitaron complementar o seu matrimonio polas reglas do Código Civil. O que implica que hai moitas parellas xitanas casadas unicamente por un rito que carece de efectos civís. Xa que logo, a xurisprudenza ditada polo Tribunal Constitucional español na práctica implicaba que moitos viuvos -e máis viuvas- quedaban sen as cadansúas pensións polo feito de viviren nunha cultura diferenciada. O que implica, desde logo, unha discriminación indirecta por mor de raza: causábase un perxuízo evidente ás persoas xitanas.
Benvido sexa, pois, este pronunciamento do Tribunal de Estrasburgo. As persoas xitanas están de noraboa e tamén, desde logo, as persoas que soñan cunha sociedade máis xusta e igualitaria.

13 dic. 2009

Lei de estranxeiría

Hoxe entra en Vigor a LO 2/2009, de reforma da LO 4/2000, de extranxeiría. Unha reforma que, desde logo, restrinxe os dereitos das persoas estranxeiras -isto é, das que non pertenzan á Unión Europea ou ao Espazo Económico Europeo-.
Non me chamou a atención unha reforma destas características nos tempos que corren. Mágoa que moita xente queira considerar a estas persoas culpabeis do desemprego que moitos sofren. Mágoa que non lles recoñezamos canto teñen contrubuído ao noso desenvolvemento. Pero, como di meu amigo Antonio Baylos, cando percurábamos man de obra chegaron persoas. E iso non o queremos entender.
O que me ten alporizado é a adhesión das organizacións sindicais, sen fisuras, a esta reforma, mesmo con propostas máis radicais das que ás veces propuxo o Goberno. É un mal síntoma de que se está producindo un andazo xenófobo que cómpre atallar canto antes.
Da reforma se salientou a posibilidade de que as persoas sexan retidas ata sesenta días antes da súa expulsión do territorio do Reino de España. Está claro que a elas non lle recoñecemos algo que se pareza minimamente ao dereito de habeas corpus, pero así somos de solidarios!.
Quixera engadir dúas cuestións importantes. A primeira delas é que o dereito de reagrupamento de ascedentes se restrinxa ás persoas que teñan máis de 65 anos. Evidentemente, do que se trata é de evitar que haxa concorrencia de activos estranxeiros polo dereito de reagrupamento. Outra vez a mesma teima! Elas -as persoas estranxeiras como responsabeis do noso desemprego-. No cabe dúbida de que esta regla vai confinar a moreas de persoas no ámbito do traballo sulagado e sen dereitos, nos guettos sociais. Pero, desde outra perspectiva, teño a impresión de que esta regla implica unha evidente discriminación por mor de idade que compriría xustificar, non con datos conxunturais da crise pola que pasamos, senón con datos estruturais. Unha xustificación que non se me antolla doada.
E outra regla: a denegación definitiva dos dereitos de Seguridade Social, agás os derivados de accidente de traballo e de enfermidade profesional. É certo que o Tribunal Supremo xa contribuiu a este despoxo, pero o lexislador quixo deixar as cousas moi craras. Non fora ser que unha sentenza lles recoñecera logo, vg., o dereito á prestación por desemprego.
Hoxe os dereitos fundamentais non están de noraboa en España. Pero menos de noraboa están estes continxentes de persoas que emigran por unha vida mellor, como nós fixemos hai ben poucos anos!

Unha historia, desde Chile

Hoxe pasei un día de turismo extraordinario. Cheguei a Chile o xoves e hoxe tocou día libre. Leváronme a Valparaíso, que me pareceu unha cidade extraordinaria, con certas semellanzas coa Lisboa vella. Tamén a Viña del Mar e, à tardiña, achegámonos a Isla Negra. Pero, alén da xeografía e a historia dun país especial -onte achegueime á Casa de la Moneda- quixera comentar, unha vez máis, a historia da epopeia da emigración. Meu anfitrión chileno -un profesor ao que tiven a sorte de dirixirlle a tese- é fillo de galegos que chegaron aquí nos anos cincuenta. Hai unha pequena colonia en Santiago, case todos eles profesionais de panaderías. Onte tiven unha cea coa familia deste amigo meu, coa lembranza lonxe dun país que quedou atrás, un país de miseria, pero que aínda recoñecen como seu. Que magoa que tantos marcharan e canto se perdeu coa súa marcha. Xente que hoxe pertence a unha sociedade e a un país modernos, que xa fixo contas co seu pasado -non coma nós- e que mañá comeza a rolda eleitoral para sustituír a unha presidenta extraordinaria. En todo caso, queda a honra do moito que eles están a contribuír e que o noso pobo enxendrou unha xeración de profesionais, espallados por latinoamérica que non respostan xa aos mitos que, desde Galiza, ás veces con envexa, moitas veces construímos.

10 dic. 2009

Entrevista en La Voz de Galicia

Informacións sobre o claustro celebrado onte

Faro de Vigo, Diario de Pontevedra e Atlántico Diario, ó día seguinte do Claustro onde o actual Reitor fixo un informe anual e Jaime Cabeza como líder de Nova Universidade apuntou e criticou diversas políticas levadas a cabo neste período.
En tódolos diarios quedou recollida a voz de dunha oposición constructiva, fresca e con moitas ideas.




6 dic. 2009

Constitución, Solé Tura e dereitos fundamentais

Antonte finou Jordi Solé Tura. Non tiven ocasión de coñecelo persoalmente, pero son dos que estudei o constitucionalismo histórico español no libro seu e de Eliseo Aja. Nas clases de Dereito sempre dixen que os redactores da Constitución foron sete, todos homes e moi de dereitas agás un, Solé Tura. O mesmo que non era un fervoroso nacionalista español e que posibilitou que, alomenos, se fixera referenza ás nacionalidades históricas.
Alén das disputas idenditarias, a el, coma a min, sempre lle interesou máis o modelo de sociedade e menos o modelo de nación. Sempre máis a declaración de dereitos fundamentais que o sistema de descentralización con cesión de competenzas de baixa intensidade ás Comunidades Autónomas. Por máis que o recoñecemento de dereitos nacionais quedara coxo, quedou salvagardada unha declaración de dereitos baseada e ao nivel das esixencias dos documentos internacionais máis sobranceiros.
Hoxe xa se esgota o día 6 de decembro e outravolta hai que pensar no dereito á liberdade de expresión, á integridade moral, á liberdade ideolóxica, á intimidade, ao habeas corpus, á liberdade sindical e a folga...Isto é o máis esencial do noso sistema xurídico. O que nos une como cidadáns e cidadás. O que fixo que moitos renunciaran a principios elementais como a república ou mesmo pactaran co entullo do posfranquismo.
A mellor homenaxe que se lle pode facer desde a nosa Universidade a un universitario. Que defendamos con radicalidade os dereitos fundamentais.

4 dic. 2009

Entrevista en Televigo

VÍDEO ACTO PROCLAMACIÓN

O pasado 1 de decembro celebrouse na Fac. CC. Económicas e Empresariais de Vigo o acto de proclamación de Jaime Cabeza Pereiro como candidato a Reitor pola formación Nova Universidade.
Medios de Comunicación e simpatizantes encheron a sala xenerando un clima de ilusión pola candidatura.

3 dic. 2009

Entrevista en Telemiño

Entrevista emitida na canle local Telemiño o 3 de decembro de 2009.

Entrevista en O Xornal de Galicia

2 dic. 2009

ACTO OFICIAL DE PROCLAMACIÓN DE CANDIDATURA (DISCURSO)



Compañeiros/as da Universidade, representantes dos medios de comunicación, amigos, especialmente os que viñéchedes de Ourense e Pontevedra:

Convoqueivos hoxe aquí porque vos quero manifestar a decisión de Nova Universidade, reunida onte mesmo en Asamblea, de ser eu o candidato a REITOR, da Universidade de Vigo nas vindeiras eleccións. Estamos nunha Sala que me trae gratas lembranzas, na que hai nove anos obtiven a miña cátedra.

Motivos para presentar unha candidatura:

Percibo arelas de cambio. Arelas de cambio que fun percibindo durante os últimos meses, desde que inicie a miña andaina como líder de Nova Universidade. Quero agradecer os apoios que estou a recibir, tanto desde a formación que represento, Nova Universidade (e aclárovos que nós non tivemos ningún problema nin liortas internas para tomar ésta ou moitas outras das decisións no noso grupo), como o apoio que estou a recibir por parte de distintos membros, equipos e centros da comunidade universitária que me transmiten a necesidade dun cambio na Universidade de Vigo, despóis de 12 anos gobernando os mesmos que ainda se chaman “Alternativa”. Do mesmo xeito que recibo moitos ánimos por parte de representantes políticos, sociais, empresarias e sindicais de distintos tipo que, por certo, todos coinciden en sinalarme que durante os últimos anos a Universidade de Vigo viviu a costas da sociedade, da sociedade viguesa, ourensana e pontevedresa, practicando unha pésima política de relacións institucionais que, entre outras cousas, fixo que a Universidade de Vigo sexa a terceira de España que menos alumnos de fora atrae, perdendo moito do peso específico que em tempos acadara en tempos, dentro do conxunto do Estado.
Grazas a todos porque sodes vos, as persoas, o principal motivo que me leva a iniciar este ilusionante camiño. O camiño dunha Nova Universidade para unha Universidade Nova, pero que comenza a arrastrar vicios máis propios do pasado que do presente.
Un presente dominado por políticas sectarias que alentaron a división o malestar –que era de dominio público e xa trascendeu á sociedade- e o enfrontamento entre a comunidade universitaria, no cando da unión, provocando un gran deterioro nas relacións non só académicas, senon tamén humanas, no seo da Universidade de Vigo.

Porque durante os últimos anos conculcáronse moitos dereitos dos nosos traballadores, que amosan, como decía, un fondo malestar.

Malestar entre os alumnos decepcionados e aos que nadie lles explicou en que consiste esto de Boloña. Hoxe, que entrou en vigor o Tratado de Lisboa, cómpre insistir no poco traballo que se fixo, pedagóxico e de discusión.

Uns alumnos aos que cando lles preguntan a súa opinión sobre o equipo reitoral saínte, a única responsable a que valoran positivamente é (e permitídeme o sonriso), é a vicerreitora de Estudantes, o cal vos podo asegurar que me alegra enormemente.

Malestar entre o Persoal de Administración e Servizos, que observa nos conflitos máis recentes referidos á Oferta de Emprego Público ou á multiplicación excesiva do equipo xerencial con xente de fora, con salarios que provocaron unha fonda alarma social.

Un equipo reitoral debe poñerse ao servizo da comunidade, e non a comunidade ao servizo dos intereses de ningún equipo reitoral. Na Universidade de Vigo non pode haber máis xenerais que tropa, con responsables de máis oficiñas que letras ten o abecedario. Cargos e máis cargos, cando a promesa era diminuír o número de xefaturas de área.





Malestar entre o Persoal Docente, aos que se lles conxugan sempre tres substantivos; desprofesionalización, burocratización, improvisación.

Malestar entre os nosos investigadores, pargas Pondais basicamente, aos que tamén lles prometeron cousas ben distintas das que agora se atopan, ao verse na rúa e sin traballo.

Malestar de alumnado, de PAS e de profesorado, como indica o recente informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, no que se sinala que a Universidade de Vigo posúe o nivel máis baixo de funcionarización e de persoal estable das tres Universidades Galegas. Unha Universidade que aforra en persoal pero, polo que se ve, non escatima en gastos, cando se trata dalguns cargos e persoal de confianza do equipo reitoral saínte.

Gastos para os que xa non vai haber máis cartos, como acontece con moitas das obras proxectadas ou ainda pendientes de execución. Obras coma a do CUVI (que algúns comparan xá co monte Gaiás, a cidade da Cultura de Santiago e mesmo cabería comparar coas obras daquel alcalde dun Concello perto de Santiago, que presumía de ser o rei do hormigón, porque a súa vila xa non se andaba en socos nin sapatos, senón en sapatillas), obras como as que levan moitos anos anunciándose no campus de Pontevedra e que aínda non pasaron do papel, ou obras como as do campus de Ourense que, si saen adiante, será grazas ao decidido apoio de varias institucións públicas.

Pero deixemos o pasado, queridos amigos, e falemos de futuro, da necesidade de REMATAR A UNIVERSIDADE DAS OBRAS, (porque algúns parece que ainda non se decataron de que estamos en crisis), E COMENZAR A CONSTRUIRMOS A UNIVERSIDADE DAS PERSOAS, das persoas que serán, que seredes, as principais protagonistas e o principal activo deste proxecto, do CAPITAL HUMANO, verdadeiro motor e alicerce do desenvolvemento presente e futuro da nosa Universidade. PERSOAS CON DEREITOS QUE DEFENDEREI CON TODAS A MIÑA ENERXÍA. PALABRA DE JAIME CABEZA, PALABRA DO PROFESOR DE DEREITO DO TRABALLO QUE ESTADES A ESCOITAR.

A Universidade de Vigo non pode sacrificar máis tempo e enerxías en enfrontamentos no seo da comunidade universitaria. Temos o mellor capital humano e non podemos desperdicialo en liortas estériles, en alimentar máis conflictos internos entre campus, entre centros e entre titulacións.
Quero que saibades, xa dende hoxe, que niste barco caben todos, que eiquí non están os de Vigo fronte os de Ourense ou Pontevedra, que eiquí non están os catedráticos máis antigos e con máis sexenios fronte os novos investigadores ou docentes de menos rango, que non están os de ciencias fronte os de letras nin os dun partido político fronte os de outro. Aquí estamos todos e todas e traballaremos con todos e todas, porque o noso proxecto é de todos, con todos e para todos.
Mirade: se algo aprendín cando a mín me tocou mediar en conflictos coma o do metal en Vigo, foi que o DIÁLOGO e a NEGOCIACIÓN, sen exclusións nin imposicións, son a base para a procura de calquera posibilidade de entendemento. E a Universidade de Vigo no pode ser una excepción na procura da paz social. Na Universidade de Vigo debemos predicar co exemplo. Co exemplo que constitúa a base da nosa esencia, a base da humildade científica e o relativismo, fronte as verdades absolutas e o pensamento único.

Mirade: detrás de todos os avances, detrás de cada éxito dunha investigación, o que hay son persoas antes que máquinas. Porque o progreso, antes que tecnolóxico, é humano. E a calidade na vosa producción científica tamén é a calidade nas condicións de traballo e de vida dos nosos docentes e investigadores, o voso benestar. Porque un home ou muller máis feliz na Universidade de Vigo, tamén seá un home e muller máis productivo. E iso pasa, por exemplo, por non ter que esperar doce anos a que os vosos cativos se gradúen para poder dispoñer dun servizo de gardería.

E falando de persoas, quero que saibades que xa temos un grupo de xente que me acompañará no meu camiño durante o proceso electoral, do comité de campaña co que xa levo varios meses traballando a reo e mantendo unha serie de reunións periódicas, tanto presenciais, como por videoconferencia, dende os tres campus. Un equipo que combina experiencia con renovación, con xente nova que aporta moita frescura, moito traballo e moita ilusión.

E remato xa:
con todos eles, con todos vos, seguimos a traballar pola esperanza do cambio.

O cambio na Universidade de Vigo no ano 2010, no ano que, exactamente, comenzará dentro dun mes.



Amigos: convídovos dende hoxe a iniciar o camiño hacia unha universidade máis boa e xenerosa con todos e todas; polo noso propio ben, e polo ben da nosa terra.

Grazas a todos pola vosa presencia e quedo a disposición dos representantes medios de comunicación para calquer cuestión que queiran plantexar.

REPERCUSIÓN MEDIÁTICA DO ACTO DE PROCLAMACIÓN

FARO DE VIGO



LA REGIÓN

LA VOZ

XORNAL DE GALICIA

ATLÁNTICO

DIARIO DE PONTEVEDRA