29 dic. 2010

PACTOS DE TOLEDO

Hoxe se van votar as recomendacións de reforma da Seguridade Social no ámbito da Comisión de seguimento dos Pactos de Toledo. Tiven acceso ao borrador do documento que se somete a votación. Trátase dun texto sumamente aberto, no que, desde logo, se ceiba ao Goberno para que presente, na práctica, un proxecto de lei sometido a moi poucas condicionantes. En si mesmo, este carácter demasiado aberto estaría ben se cando menos se orientaran algo máis certas actuacións políticas. Hai, ao meu xuízo, unha excesiva prudencia para non se afastar dunha linguaxe moi correcta políticamente, pero moi pouco efectiva no deseño de reformas estruturais do sistema de Seguridade Social.

É por iso que o documento non se presta a críticas moi fortes, nen tampouco a eloxios significativos. Con todo, é un texto relativamente longo, de 24 páxinas, no que se suxiren moitas ideas, e algunhas delas cun notábel grao de concreción na letra miúda, non nas grandes medidas estruturadoras. Cabe, xa que logo, formular un feixe de comentarios. Non me vou parar hoxe en aspectos concretos, senón en formular catro ideas xerais e, ademáis, en subliñar o interese de que se coñeza un texto que, teóricamente, debería ser o guieiro para saber cara onde camiña noso sistema de Seguridade Social. Estas catro ideas xerais son as que seguen:

1ª.- Hai, ao meu xuízo, unha excesiva teima na separación das fontes de finanzamento do sistema. Por exemplo, no documento se fai moito fincapé en que non se poden soster con presupostos da Seguridade Social os complementos a mínimos –esta non é unha idea nova- pero tampouco as bonificacións á Seguridade Social como medida de fomento de emprego e as actuacións concretas de xubilación anticipada. Non é que caiba criticar esta orientación en si mesma. Porén, reflicte unha idea sumamente perigosa: o principal motivo de lexitimación do sistema público consiste na súa autosuficiencia. Cando non sexa así, e cando o fondo de reserva non abonde para manter o nivel de protección social, hai que usar as tesoiras de xeito ineluctábel. Porque tampouco a Seguridade Social se pode soster con achegas orzamentarias do Estado. Neste punto, habería que lembrarlle aos e ás parlamentarias que noutros Estados da Unión Europea, que non son nen moito menos minoritarios, as pensións básicas se sosteñen con achegas orzamentarias, e non pasa nada.

2ª.- Hai una evidente relación entre o dito no número anterior e a promoción dos sistemas complementarios de Seguridade Social. A historia do noso sistema, a partir da Lei de Bases do 1963, é a dun sistema que se afortalou nos alicerces dun mutualismo laboral que desapareceu na ara do sistema público. É por iso que no Reino de España non temos apenas un nivel profesional de cobertura social. Haino que desenvolver, e así o recoñecen as recomendacións, mediante o maior estímulo aos plans de emprego do tipo dos plans de pensións. Esta idea é interesante e paréceme ben. Pero habería que engadir que diminuír o nivel de cobertura social namentres non se xeralice este nivel profesional de Seguridade Social é moi perigoso. Porque, na práctica, as persoas traballadoras son eiquí moito máis dependentes do sistema público de pensións do que o son na práctica totalidade de Estados europeos. Habería que recoñecer, xa que logo, a nosa maior dependencia da Seguridade Social pública, que desde logo debe condicionar todas as reformas restritivas.

3º.- O máis significativo do documento é unha aposta, máis o menos explícita, polo incremento do número de anos que se deben ter en conta para o cálculo das pensións de xubilación. Hai unha defensa que non comparto para nada das modificacións que se produciron en 1997 para incrementar o período de oito a quince anos. Non é que haxa que defender un período de cómputo moi breve, que desde logo, introduce un factor de aletoriedade excesivo. Pero hai que recoñecer que o período de quince anos é xustamente o que máis lle perxudica á poboación activa menos cualificada, que entre os 50 e os 65 anos adoita ter moitos problemas de desemprego estrutural. Cabería apoiar, por exemplo, un cálculo no que se computaran 20 anos, pero escollidos durante un período de 25, ou unha fórmula semellante. É dicir, unha regla na que se ampliara o tempo para calcular a base reguladora, pero que lle permitise á persoa interesada desbotar os peores anos, nos que seica ten lagoas de cotización que se van encher, no mellor dos casos, con bases mínimas ficticias.

4º.- Afóndase en aspectos de xestión, loita contra o fraude e información a cidadás e cidadáns. En xeral, son liñas acaídas e necesarias. Pero hai un recoñecemento ao meu xuízo excesivo do labor das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermedades Profesionais. Non cabe negarlles un papel importante, pero que desde logo ten moitos aspectos escuros. Habería que recoñecer que non sempre foron suficientemente leais co sistema e que a súa xestión require de certo control por parte das entidades xestoras e da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social. Con todo, hai que expresar que neste conxunto temático o borrador contén ideas de interese.

En xeral, xa que logo, o documento adoece de inconcreción. As orientacións da reforma que se albiscan nas declaracións de intencións do Goberno caben, por desgracia, neste traxe tan amplo. Son estas intencións as que producen máis arrepío e non unhas recomendacións demasiado amplas. Sen que caiba negarlles aportacións interesantes en moitos temas. Entre outros, que por primeira vez se aborda con amplitude unha perspectiva de xénero na Seguridade Social que é, a día de hoxe, inadiábel.

8 dic. 2010

UNHA MEDIDA “MÁIS”: A SUPRESIÓN DOS 426 EUROS

As decisións gubernamentais teñen estas cousas: misturar peras e mazás, como diría unha famosa concelleira madrileña. Isto foi o que lle pasou ao Goberno no Consello de Ministros pasado: aprobouse un flamante Real Decreto-lei 13/2010, do 3 de decembro, “de actuacións no ámbito fiscal, laboral e liberalizadoras para fomentar a inversión e a creación de emprego”. O seu contido, un plato de difícil dixestión mesmo para tecnócratas: 1) modificación da Lei do Imposto de Sociedades, aparentemente para baixarlle o tipo ás pequenas empresas. 2) Medidas liberalizadoras, referidas á “modernización” do sistema aeroportuario, isto é, privatización parcial de AENA, que pasa a ser unha sociedade pública e creación da sociedade estatal “Lotarías e Apostas do Estado”, que anuncia a mesma privatización parcial do negocio do xogo de azar a nivel estatal. 3) Medidas laborais, consistentes na incorporación de 1500 persoas máis como  promotoras de emprego e prórroga dos 1500 orientadores existentes desde o ano 2008. 4)  Incremento do tipo do imposto especial que grava o tabaco. 5) Inclusión no Réxime Xeral da práctica totalidade dos funcionarios de novo ingreso, o que anuncia a progresiva eliminación de Clases Pasivas do Estado. E logo, por suposto, e como xa dixen noutra entrada, medidas de excepción para os controladores aéreos.
Das medidas laborais –únicas das que teño un mínimo criterio para emitir opinión-, 1500 promotores de emprego é unha pinga nun océano. Desde logo, a eficiencia dos Servizos Públicos de Emprego depende de que o Goberno crea neles. Non nas axencias privadas e nas empresas de traballo temporal, únicos nos que acreditou crer. Paréceme ben, no canto, a supresión a prazo de Clases Pasivas. Eu –eu e máis un minguante grupo de funcionarios- pasamos a ser dos restos de Israel duns reximes especiais de caste profesional nos que, realmente, non aportamos á solidaridade interxeneracional da Seguridade Social. E, por certo, o vicepresidente anunciou en rolda de prensa posterior ao Consello que o día 28 vai remitir ás Cortes o proxecto de reforma das pensións. Evidentemente, non vai haber acordo ao respecto, nen na comisión dos Pactos de Toledo nen moitísimo menos nas Mesas de diálogo social. Penso que algún ministro, por dignidade, debería dimitir.
Alén disto, o verdadeiro protagonista deste Consello de Ministros foi o elemento que non se reflectiu no texto da norma de urxencia: a decisión de non prorrogar o programa previsto, na súa derradeira edición, no RD-lei 12/2010, de protección por desemprego e inserción. É dicer, o programa “dos 426 euros”. Como vai caducar no mes de febrero, non hai nada que regular. Xa morrerá por inanición. A xustificación de que se trata de pór máis recursos na inserción laboral é esperpéntica. Pola mesma razón, non cabería augurarlle bo futuro á renda activa de inserción, nen, en fin, ao nivel asistencial da prestación por desemprego. Espero que o Goberno non dea nen un banzo máis na mesma dirección!
Ben se decata un de que para o Goberno ten o mesmo valor subir o tipo do imposto especial do tabaco que deixar sen subsidio ás persoas que esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego. Así de parvo e con ollos de peixe sapo quedou o líder da oposición na sesión de control ao Goberno e menudo barullo se montou nos voceiros do seu partido. Se é que eles farían exactamente o mesmo!
Hai que lembrarlle ao executivo “socialista que hai unha cousa que se chama o principio de proporcionalidade: non é o mesmo vender parte das xoias da coroa –vg., AENA- que crear guetos de exclusión social. Nesta última medida xa non hai marxe para a dúbida: non hai diferenza entre uns e outros. A conexión entre a decisión de non prorrogar o programa e a pobreza é evidente. Impropia do modelo social europeo.
Claro que outra ración de dereita xenuína xa nos lembrará que o campo dos dereitos civís é, hoxendía, o único no que se xoga a partida entre os dous macropartidos do Reino de España: dereitos dos homosexuais, liberdade de expresión, dereito á información, liberdade ideolóxica… 

7 dic. 2010

ESTADO DE ALARMA

O conflito dos controladores aéreos é un crisol de sentimentos enfrontados do que cómpre expresar algunhas ideas e propor certas conclusións. O primeiro sentimento é de preocupación, por como as organizacións sindicais máis corporativas son as que explotan con éxito as modalidades máis salvaxes de exercicio do dereitos de folga e de conflito colectivo. No sector da aviación civil hai moi bos exemplos de sindicatos ben afastados das grandes centrais de clase que con periodicidade suiza secuestran á cidadanía con acción intolerabeis.
A preocupación aínda medra máis cando un se pregunta polo resultado deste conflito: podemos dicer a día de hoxe que os controladores aéreos perderon a partida? Que están en peor situación negociadora da que estaban antes do Real Decreto 1001/2010, Decreto Pepiño Blanco, sometido á interpretación da disposición adicional segunda, 1 do RD-lei 13/2010, do 3 de decembro? Eu moito o dubido, porque esta normativa conxuntural e de urxencia non pode perpetuarse no tempo, xa que implica un descoñecemento de dereitos colectivos básicos destes traballadores. Estes días xa chegaron voceiros da dereita criticando, co fariseísmo de sempre, o autoritarismo gubernamental. Voceiros aos que habería que preguntarlle: quen alimentou a besta? Que famoso ministro de Fomento se baixou os pantalóns diante deste colectivo? E xunto a esta dereita interesada, está a esquerda utópica criticando, por motivos ben distintos, o mesmo autoritarismo. Eu súmome á crítica, sempre e cando estas medidas que implican unha acción unilateral do goberno non sexan estritamente temporais, conxunturais e excepcionais.
As miñas dúbidas deben resolverse cunha negociación colectiva acaída e responsábel, iso si, xerando ámbitos de negociación novos nos que os sindicatos de clase teñan o liderado, propondo negociacións ao marxe do ámbito da franxa. Xa abonda de élites laborais que emporcan os dereitos colectivos dos traballadores coa súa actuación ruín e egoísta!
Desde logo, no mundo do posíbel, as accións disciplinarias contra os controladores deben ser proporcionadas, por participación nunha folga ilegal, disimulada groseiramente con baixas laborais. Pero sen que cheguen a despedimentos. Desde o meu punto de vista, todo o aparataxe vindicativo debe dirixir os seus ollos a este enxendro de sindicato denominado USCA, para que pague, ata a súa liquidación definitiva, cada céntimo de euro que poida haber nas súas contas. E para que os seus dirixentes respondan perante todos os órganos xudiciais.
Entrementres, que outros discutan o marco constitucional. Non me agrada o estado de alarma e o sometemento dos controladores a mando militar e ao Código Militar. Porque creo que é un mal precedente, do que logo poden tirar outros gobernos asilvestrados –que virán- con nula sensibilidade aos dereitos civís de cidadáns e cidadás. O sucedido nestes días é unha mala noticia. E cabe requerirlle ao goberno para preguntarlle se non había unha medida proporcionada menos lesiva de dereitos que resolvese o problema. Quizáis abondaba con someter aos controladores a un mando gubernativo, sen limitarlle alén do imprescindíbel os seus dereitos civís. Pode que non, pero o goberno tiña que explicarse mellor.

23 nov. 2010

ELECCIÓN DE DOCENCIA E PRELACIÓN NOS DEPARTAMENTOS

O tema da elección de docencia nos Consellos de Departamentos vai xerando unha polémica recorrente da que eu non quero deixar de dar a miña opinión, que enuncio a título estritamente persoal. En campaña, o noso grupo únicamente expresou a necesidade de que desde o Goberno da Universidade se impulsara un proceso de estabelecemento de criterios obxectivos e transparentes en cada Departamento, sen que sexa doado propor reglas con vocación de xeralidade.
Alén deste criterio, insisto, o que engado é miña opinión persoal, nun tema no que sempre é mellor un mal acordo que unha boa resolución. O que sucede é que nas negociacións informais non sempre todo o PDI ten a mesmoa forza.
Levo tempo expresando que rexeito o criterio de xerarquía e antiguidade por obsoleto e inxusto. O rexeito case ao mesmo nivel que as votacións nas que non se esgrime máis argumento que o desexo de beneficiar ou perxudicar a certas persoas. E engado que a doutrina xudicial non o valida como o que se ten que impor. O que expresa dita doutrina é que, a falta doutro criterio, o de xerarquía e  antiguidade é obxectivo e vinculado co mérito e a capacidade. Nada máis.
Na miña opinión, a imposición universal que moita xente quere facer destas “xerarquía e antiguidade” é unha das mostras máis evidentes da pouca vocación democrática que aniña no pensamento dalgúns. A autoridade que deberían reflectir ditas cualidades obrigaría á busca de criterios máis académicos, que sen dúbida os hai. Desde logo, non son eu quen para coñecer todas as realidades, pero cabe apuntar o feito de levar tempo impartindo certas disciplinas, o feito de ter elaborado materiais docentes ou programáticos da mesma ou, pola contra, a necesidade de reorientar o labor docente. Ás veces, un criterio de idade pode ser obxectivo –vg., a proximidade á xubilación- ou a propia cualidade do profesor –unha persoa asociada a tempo parcial debe coller disciplinas con orientación máis profesional-.
E, por suposto, están as necesidades dos centros, que tamen deben ser tomadas en consideración.
Desde logo, a asignación de docencia é un dos aspectos que require posturas máis transaccionais. O meu grupo non é exemplo de nada. Pero a nosa experienza é a de persoas que percuramos certa polivalencia dentro da nosa área de coñecemento e que evitamos sempre unha asignación por elección sucesiva.
A xerarquía e a antiguidade me lembran, como xa tiven ocasión de expresar en Consello de Goberno, os criterios que propugnaba certo pensamento da Administración Pública que cabe personalizar en López Rodó ou Villar Palasí, entre outros.

12 nov. 2010

UNIVERSITY OF VIGO IS DIFFERENT!


Un ten que citar as súas fontes: link de Sergio Pajares ao diario o Xornal do 27 novembro: “a concesión do Premio Otero Pedrayo a Fraga non foi unánime”. “Pola súa longa traxectoria de traballo en pro de Galicia e da cultura galega…” concedéuselle o premio apenas por maioría. Que inxustiza! Por motivos escuros, o representante da Univesidade da Coruña ausentouse, tamén o da de Santiago. O representante da Deputación de Lugo abstívose. Pero a persoa que representaba á Universidade de Vigo conformou esa maioría natural tan do gosto dos sucesivos gobernos do León de Vilalba.
O de “longa traxectoria” ten especial interese, porque o beneficiario do premio –a 30050’61 euros ascende a súa contía, da que a persoa que representou a Universidade de Vigo considera que o senador é merecente- vai cumplir 88 anos. Por certo, os mesmos que viviu o patriarca Otero Pedrayo. Polo tanto, da vizosa vida pública do celebérrimo premiado cómpre concluír que unha boa parte a empregou en pro da defensa de Galiza. As comparacións son odiosas, pero a traxectoria de Don Ramón en defensa da nosa cultura comeza, desde logo, a comezos do século XX e non remata ata a súa morte.  A mesma longa traxectoria cabe atribuírlle, polo tanto, ao titán das oposición. Ninguén dubida da súa habelencia nos xogos tradicionais galegos, nos caldos da nosa terra e na arte cinexética, con especial inclinación ás especies protexidas.
Pero, dándolle moitas voltas aos miolos, cheguei á conclusión de que o seu grande merecemento que tanto lle recoñece a representación institucional da Universidade de Vigo foi o seu traballo ministerial da década dos anos sesenta á fronte da carteira de Información e Turismo. Eis a inspiración que os nosos rexedores da Universidade asumiron como a súa pedra filosofal! A defensa de Galiza que fixo Fraga –e que ninguén lle entendeou xamáis- foi o respeto aos feitos diferenciáis. Daquela os españois, pero, por extensión, claro, os do eido que España ten ao Noroeste. Spain is different! clamou o ministro na década prodixiosa.
E hoxe os seus epígonos claman: University of Vigo is different! Diferente ás da Coruña e de Santiago, fuxidías no recoñecemento dos feitos diferenciais que tan ben representa Don Manuel. As outras Universidades galegas non entenden a ledicia que sinte hoxe desde o alén o sabio de Trasalba.
Outro exemplo marabilloso do bo facer do noso equipo de Goberno. Desde a miña modestia e o meu descoñecemento quero propor para o ano que ven a candidatura de Fidel Castro, irmán no universal de Don Manuel.

8 nov. 2010

NON TODA A UNIVERSIDADE DE VIGO LLE DEU A BENVIDA A BIEITO XVI. EU NON, DESDE LOGO

Con moita mágoa e tristura seguín de lonxe a visita do Papa Bieito XVI a Compostela. Non tiña pensado redactar ningunha reflexión expresa no blog porque os sentimentos que tiven antonte e onte foron de caste individual, de abatemento, afastamento cósmico deste personaxe e expulsión da Igrexa Católica. Eu son desta multitude que algún día militamos na Igrexa de Cristo e que a amamos pola súa capacidade integradora. Pero que hoxendía non a recoñecemos, como institución intransixente, excluínte e enaxenada. Son todos estes pensamentos individuais que non lle teñen que interesar a ninguén.
Pero esta mañá me remitiron o artigo de opinión que o noso estrambótico reitor Mato de la Iglesia publicou o venres 5 de novembro no ABC. Facendo honra do seu segundo apelido –non me consta nen me interesa nada a súa adscrición á Igrexa, tampouco se se chama ou non con xeito- expresa que “la Universidad de Vigo le da la bienvenida a Benedicto XVI y desea que desde el púlpito de la Plaza del Obradoiro invite a todos los seres humanos a que participen en la senda del conocimiento…” Quedeime abraiado, dubidei, limpei os lentes dos cristais e outra vez leín o mesmo. Pensei que eu toleara, pero non, noso flamante reitor, líder deste viveiro de progresía denominado “Alternativa” e “Universitaria” daba a benvida ao Santo Padre. Non, non lle daba el a benvida, lle a daba a Universidade de Vigo. Ou tanto ten, se recoñecemos que Mato é o ente fundante da nosa institución.
O asunto ata podía ter graza, se non fose polo personaxe ao que lle damos a benvida. Cada pensamento seu é unha lapa de intolerancia, unha onda de exclusión e de rexeitamento aos excluídos. Abonda con reproducir a seguinte pasaxe da súa homilía na Sagrada Familia para pór de manifesto por que unha Universidade pública, democrática e que postula a igualdade como un dos seus sinais de identidade endexamáis pode darlle a benvida ao Papa Ratzinger:
…Por eso, la Iglesia aboga por adecuadas medida económicas y sociales para que la mujer encuentre en el hogar y en el trabajo su plena realización; para que el hombre y la mujer que contraen matrimonio y forman una familia sean decididamente apoyados por el Estado; para que se defienda la vida de los hijos como sagrada e inviolable desde el momento de su concepción; para que la natalidad sea dignificada, valorada y apoyada jurídica, social y legislativamente. Por eso, la Iglesia se opone a todas las formas de negación de la vida humana y apoya cuanto promueva el orden natural en el ámbito de la institución familiar”.
Abondan os comentarios. Os que creemos nunha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes teñen o mesmo status de cidadanía e as mesmas arelas de se realizaren, as pautas que propón Bieito XVI son, sinxelamente, inaceptábeis. Os que non temos sentimentos homofóbicos non podemos considerar un líder a Ratzinger. Os que pensamos que todas as familias deben ser protexidas, tamén as monoparentais e as que son froito do amor, e por suposto as homosexuais. Porque, aínda que moitos o queiran negar, estas tamén son familias sagradas, ou sagradas familias, tanto ten. Que deben ser protexidas polos que teñen unha mínima vocación democrática.
Pero o noso reitor abrazafarolas perdeu a capacidade de discernimento. Non penso que o culto, o pensador, o filósofo Ratzinger encarne os valores dunha cultura democrática xenuínamente universitaria. Por moitas cátedras eruditas que desenvolvese na súa vida. Mágoa que a Mato da Eirexa non lle deixara un anaquiño de alfombra bermella neste sarao!

27 oct. 2010

REQUIEM POLO SERVIZO GALEGO DE IGUALDADE

Hoxe se publicou no DOG a Lei 7/2010, do 15 de outubro, pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Igualdade do Home e da Muller e se modifican determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galiza. As competenzas e as funcións do SEGAI pasan ao Departamento da Administración Autonómica competente en materia de igualdade. Isto é, na estrutura actual, á Secretaría Xeral de Igualdade, dependente de Presidencia.

A norma supón un grave retroceso nas políticas de igualdade. Se, desde o Cumio de Beijing de 2005 hai consenso de que os organismos de igualdade deben contar con xerarquía abonda como para influír en todas as políticas e ao mesmo tempo deben ter independenza suficiente, cómpre dicir que a desaparición do organismo autónomo supón a morte de toda esperanza de autonomía verbo do goberno da Xunta. Algúns pensabamos que as políticas reais podían estar situadas na Secretaría Xeral, para que logo existira un organismo autónomo coa distancia suficiente como para enxergar con ollada crítica as políticas cotiás, isto é, un SEGAI con independenza de seu, non o que houbo ate hoxe.

Desde xa únicamente contamos coa Secretaría Xeral. A súa xerarquía formal é aceptábel e a súa ubicación en Presidencia tamén. Pero non semella que o seu superior xerárquico teña moita sensibilidade coa igualdade e a non discriminación. Cando menos, pola súa resistenza a estar ao principio de composición equilibrada da Xunta.

E, desde logo, pasou a mellor vida toda posibilidade de indepenencia. As competenzas de igualdade en Galiza convertidas nun anaquiño dunha realpolitik moi afastada do compromiso vital cunha sociedade máis xusta e igualitaria. Claro que non hai que botarlle a culpa únicamente ao Goberno actual. Xa herdou unhas institucións de igualdade esmorecentes pola baixa xerarquía que lle deu o bipartito e, en particular, as persoas responsábeis destes órganos.

25 oct. 2010

VALERIANO GÓMEZ

Non teño trato persoal co novo ministro de Traballo. Non nos coñecemos persoalmente. Si que asistín a algún acto que el presentaba nas súas responsabilidades anteriores no ministerio, pero nada máis. Quero salientar este dato antes de comentar a moi boa impresión que levo del nestes seus primeiros días na súa nova responsabilidade ministerial, hoxe confirmada na entrevista que saiu publicada en El País.

Tamén quero destacar que non comparto moitas das súas opinión. Non concordo, como xa teño dito no blog, coa recente reforma laboral. Acudín á folga xeral por un convencemento substantivo de que os seus contidos son negativos para o mercado de traballo. Si que estou dacordo con el en que, ademáis, as manifestacións eran un acto de solidariedade coas centrais sindicais tan inxustamente vilipendiadas nestes últimos meses. É por iso que eu o día 29 acudín ás dúas máis importantes que se desenvolveron en Vigo: á de UGT-CCOO e á de CIG.

Dito isto, coido que temos un ministro que ten claras as prioridades. Que chega con coñecemento fondo do que se ten que debatir e dos retos que asume desde o Ministerio. Vai ter, desde logo, moitas dificultades para chegar a consensos, nuns tempos nos que a ferida ao diálogo social por mor das actitudes duns e doutros –fundamentalmente, da patronal e máis do Goberno- a levaron á situación actual. Teño a impresión de que é relativamente doado que as grandes centrais sindicais estatais e a patronal CEOE cheguen a un acordo de estrutura da negociación colectiva –aínda que este acordo tería sen dúbida o recendo centralista propio das opinión máis xacobinas-. Pero dubido máis de que acaden outro tipo de pactos verbo dos contidos, da derogabilidade e da eficacia dos convenios estatutarios. Non vexo sinxelo un arranxo no tema da reforma de Seguridade Social, no que penso que o Goberno do Reino de España ten un activismo excesivo, cando era mellor agardar unha valoración das reformas noutros Estados –fundamentalmente na República de Francia e na República Federal de Alemaña- xa que eles teñen máis presa ca nós. E vexo moi complexo que se chegue a un porto satisfactorio no tema das políticas activas de emprego, agás que se dea o caso –improbábel, ao meu xuízo- de que o Goberno asuma unha aposta definitiva e comprometida co investimento en políticas activas e públicas de emprego.

Nesta conxuntura, Valeriano Gómez non o ten doado. Porén, folgos non lle faltan, nen coñecemento da situación. Nen tampouco empatía cos problemas. Eu deséxolle moita sorte e moito ánimo, desde a distancia e o descoñecemento persoal. O seu éxito será o noso, nunha conxuntura tan complexa. Pero é o tempo da política con maiúsculas.

21 oct. 2010

CAMPUS DO MAR

Hai días nos que os silencios poden ser malinterpretados. Non teño máis que engadir ao éxito da Universidade de Vigo no Campus do Mar do que xa se ten dito, por activa e por pasiva, noutros ámbitos e por outras persoas e institucións. Pero sinto a obriga de reiteralo. A Universidade de Vigo deu hoxe un banzo decisivo. Desde logo importaba moito o éxito na convocatoria, por máis que, prudentemente, se nos situara no escenario de non recibir achegas derivadas de seleccionarmos como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR.


Xa está e hoxe é día de felicitacións a toda a comunidade universitaria e a todas as institucións e persoas que participan no proxecto. A selección é ademáis un motivo de responsabilidade colectiva, para que a Universidade de Vigo poida e saiba estar á altura das circunstancias. Ningún proxecto levantou nos últimos anos en Vigo e na contorna un nivel semellante de apoio cidadán e institucional e toca non defraudar. Ten que valer, desde logo, para a nosa proxección externa, pero máis para a nosa consolidación e para o noso crecemento interno. Para que se desenvolva desde a Universidade un labor docente e investigador de primeira liña, no que os nosos grupos de investigación, grandes e pequenos se consoliden e poidan progresar armónicamente.

É marabilloso o resultado logo dun esforzo colectivo. Pero que se me permita hoxe personalizar os meus parabéns e a miña gratitude en Emilio Fernández. Discretamente foi tecendo un proxecto ambicioso no que aportou moito traballo, moita habilidade nas relacións personais e institucionais e moito rigor. Todo ao servizo dun fin que hoxe xa se vai materizalizando. En fin, expreso con gusto tamén meu aplauso a Alberto Gago e a Salustiano Mato, como líderes da nosa entidade e cabezas visíbeis de Campus do Mar.

10 oct. 2010

BIFUCACIÓN DE BLOG JAIME CABEZA-NOVA UNIVERSIDADE

Benquerid@s lector@s:

O mércores pasado me foi renovada a confianza como coordenador de Nova Universidade. Xa con algo máis de perspectiva de futuro, unha das primeiras decisións que adoptamos no grupo foi pór en marcha un blog de Nova Universidade diferente do meu. O dito blog ten o enderezo http://novauni.blogspot.com. Xa que logo, as consideracións de política universitaria e a andaina do grupo se van desenvolver nese novo blog.

Deixo este para as miñas opinión personais. Alguén se queixou, con razón, de que lle estaba dando máis relevo a cuestión máis profesionais do campo das relación laborais. Sen dúbida foi así e seguerá a ser, sen perxuízo de que faga alguna consideración propia e individual de política universitaria.

Anímovos a que sigades o novo blog co mesmo interese con que seguistes o meu, que moito vos agradezo. Tentaremos un labor de crítica do goberno da Universidade de Vigo desde o rigor e o compromiso coa nosa institución e, ao mesmo tempo, manter esta mensaxe que ten que ser portadora de esperanza fronte a políticas tan vellas e coñecidas.

2 oct. 2010

LACTANCIA

Antonte xoves 30 setembro o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou senteza no asunto Roca Fernández. Trátase dunha cuestión prexudicial prantexada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Ponse en cuestión se o art. 37.4 do Estatuto dos Traballadores -o que regula o permiso por lactancia- se axusta ou non á Directiva de igualdade 2006/54/CE.
Ao sr. Roca Fernández denegóuselle o permiso de lactancia. Segundo o art. 37.4 ET unicamente o pode disfrutar o pai cando os dous proxenitores, pai e nai, traballen. É un dereito de titularidade orixinaria da nai. Pero no caso controvertido, a dona do demandante era autónoma. E, como a ela non se lle aplicaba o Estatuto dos Traballadores, non era titular do dereito. E, non sendo traballadora a nai, o pai non podía disfrutar derivadamente do dereito.
Nunha "prehistórica" sentenza, a STC 109/1993, o Tribunal Constitucional considerara este precepto axustado á Constitución. Probablemente o pronunciamento sería outro de se ditar sentenza hoxendía. Pero ata agora o pai non estaba en igualdade de condicións que a nai neste dereito. O que, na práctica, producía os coñecidos efectos inversos para as nais traballadoras.
Agora, o Tribunal de Xustiza considera que concederlle este dereito á nai en desiguais condicións que ao pai constitúe unha vulneración do principio de igualdade e non discriminación. Porque se trata dunha suposta ventaxa para as mulleres que non se deriva da súa condición biolóxica nen do embarazo ou da maternidade. Isto é así porque, como recoñeceron todas as partes, o dereito de lactancia hai moito tempo que se afastou da función do amamantamento materno.
Por suposto que hai que celebrar esta sentenza, como un banzo máis na igualdade de homes e mulleres no mercado de traballo. Pero suxire a pregunta de como debe ser protexida e defendida a lactancia materna nos lugares do traballo. Unha cuestión hoxe moi esquecida, pero que prantexa de novo a condición biolóxica da muller e a necesidade de non discriminar ás traballadoras que optan polo amamantamento dos seus fillos de corta idade.

28 sept. 2010

FOLGA XERAL!

Mañá o Reino de España pasa a ser o centro da Unión Europea. Nun día especial de mobilizacións sindicais contra o desmantelamento da política social europea, nós estamos no ollo do furacán coa nosa folga xeral. Teimosamente, como se conseguiu parar a Directiva de tempo de traballo, o movemento sindical español, pero tamén o europeo, precisan dun trunfo fronte a “lóxica” do establishment intergubernamental, ancorado nunhas durísimas políticas de axuste ditadas polos voitres do mercado libre e subsidiado co traballo da nosa clase obreira. O éxito da folga xeral ten que ser un símbolo a nivel europeo. Mañá as nosas centrais sindicais representativas de clase lideran a responsabilidade e son o espello das súas irmás francesas, alemanas, italianas e de todos os demáis Estados europeos. A fin de contas, mañá tamén nos manifestamos contra o racista Sarkozy, contra o novo goberno tory de Cameron, contra o indecente Berlusconi e contra a raíña do axuste Merkel, entre outros. Contra todos eles e os cadanséus gobernos. E contra a rede de complicidades que foron tecendo.


Por suposto, o destinatario da folga é o Parlamento. E o goberno español, tan acomodaticio aos ditados da internacional especulativa. Outravolta se vai repetir a historia: se os malos presaxios se cumplen, no 2012 vai entrar de novo a dereita máis xenuína cos “deberes” a prol dos intereses que defende xa feitos por un suposto “goberno de progreso”. É unha mágoa que a reforma laboral proposta por un executivo “socialista” afonde en institucións como o despedimento express de Aznar. Esta trituradora de empregos de alto voltaxe introducida no ano 2002 rectificada polo PSOE para que teña máis potencia! E constitúe toda unha evidencia que a Lei 35 centre os seus esforzos en “afinar” o Estatuto dos Traballadores para que os despidos sexan máis doados e máis imparábeis do que eran.

Mañá a rúa non é de Fraga Iribarne nen dos seus epígonos. E dos pobres e esquecidos deste país. Da clase desempregada: desta mocidade sen esperanza, destas mulleres paradas e destes homes que perderon seus empregos. Destes precarios que teñen que traballar por medo ao desemprego, pero que levaremos nos nosos corazóns en cada manifestación. É, en fin, dunha sociedade civil ferida que quere ser cidadáns e cidadás, aínda que non se lles quere deixar. E, ao mesmo tempo, da clase traballadora europea, que mañá se representa, máis que en Bruselas, Berlín, París ou Roma, nas rúas de Vigo, de Coruña ou de Ferrol, entre outras.

27 sept. 2010

EN DEFENSA DE QUE AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS TEÑAN PRESENZA NAS PEQUENAS UNIDADES PRODUTIVAS

Unha das críticas máis comúns que se lle está a facer desde a dereita económica á reforma laboral do 2010 consiste en que impón a presenza das organizacións sindicais máis representativas nas empresas que carecen de comité de empresa ou de delegados de persoal nos casos de modificación substancial das condicións de traballo, mobilidade xeográfica ou inaplicación do réxime salarial. Oxalá fose como eles din!
O soño dunhas unidades produtivas opacas ao feito sindical, tan propio dunha ideoloxía que non concibe a máis mínima democracia nos centros de traballo, é incompatíbel coa lóxica fundacional e fundante do noso Dereito do Traballo en clave de Constitución. Pero o que non fixo a Constitución nen a nosa normativa legal, o está a facer a realidade cotiá, da man dun Tribunal Supremo totalmente alleo e de costas á realidade das nosas estruturas representativas. Nos últimos dez anos apenas hai representacións legais dos traballadores nas pequenas unidades produtivas, por máis que pertenzan a grandes cadeas multinacionais. Sectores como a telefonía móbil, as empresas de seguros, o pequeno comercio, as empresas de alugueiro de vehículos e, en xeral, os servizos públicos, hoxendía son outros tantos ámbitos “ceibados” da presenza representativa nas empresas. E estou certo de que nos vindeiros meses a seguinte vítima propiciatoria vai ser a banca, outrora cun sindicalismo forte e reivindicativo.
Que está a pasar? Que as estratexias xurídicas destas empresas, moi ben asesoradas, acharon fendas legais para discutir sempre, e moitas veces con éxito, a existenza de delegados de persoal, da man dunha doutrina xudicial moi complacente con esta estratexia da parte empresarial, que está a facer auténtico uso alternativo do dereito a prol de escuros intereses. O resultado, insisto, é un imenso baleiro de estruturas representativas. E, no horizonte, unha loita para discutirlles aos sindicatos a súa representatividade.
Nesta situación, é obvio que o Título II do Estatuto dos Traballadores presisa dunha urxente reforma para redefinir que é un centro de traballo a efectos electorais ou para redeseñar as unidades electorais para as eleccións sindicais. E que fai a reforma do 2010? Nada. Absolutamente nada. Unicamente dicir que, cando non hai representantes legais dos traballadores nas empresas –isto é, cada vez máis veces-, a representación dos traballadores nos casos de modificación das condicións, traslados ou inaplicación das táboas salariais vai recaer en traballadores elexidos ad hoc ou en membros de sindicatos máis representativos. Claro que ben se van coidar as empresas de que os seus traballadores escollan a primeira opción e non a segunda.
Engade democracia participativa nas empresas a reforma do 2010? Non. O único que fai é constatar que xa desapareceu a pouca que había e artellar un remedo ao servizo de certas medidas, por outra banda moi necesarias, de flexibilidade interna.
Parafraseando unha expresión do Tribunal Constitucional, a ausenza de canles representativas reais é proba de que, cada vez máis, as manifestacións de feudalismo industrial se espallan polo noso sistema de relacións laborais.

22 sept. 2010

DESEMPREGO XUVENIL

As cifras do desemprego xuvenil actuais son insostíbeis nunha sociedade moderna. O feito de que no Reino de España se supere o 41 por 100 é un dato que non pode deixar indiferente a ninguén. O que isto implica en termos de expectativas vitais e profesionais dunha xeración é obvio, alén doutras implicacións económicas que non cabe esquencer. Desde logo, no ámbito das cadansúas carreiras profesionais, o dano que se lles está a facer é irreparábel. E vailles afectar ao longo de toda a súa vida activa.

Que se pode facer nesta materia a curto e medio prazo é unha pregunta de difícil resposta. As medidas que introduciu a Lei 35/2010, con estar algunha delas ben encamiñada, non arranxan case nada. Sen dúbida, era necesario centrar máis as medidas de incentivo neste segmento de poboación demandante de emprego. Hai que dinamizar as políticas de intermediación e colocación e hai que por en marcha medidas adicionais formativas -neste concreto aspecto a lei nada fai-. Está moi ben que se lles mellore a protección social, sempre e cando a mellora se verca asemade na mellora da súa empregabilidade.

Cabería desde logo mellorar máis o marco institucional. Dubido bastante de que a legalización das axencias de colocación con ánimo de lucro e a liberalización das empresas de traballo temporal vaia mellorar a súa posición no mercado de traballo. Estas son recetas clásicas de posicións políticas liberais. Pola contra, as melloras dos servizos públicos de emprego son máis pretendidas que reais.

Pero é obvio que as medidas máis estruturais teñen que vir no longo prazo. E, como ben se expresa na Estratexia Europa 2020, teñen que vir no campo educativo. Porque hai un mito que cómpre superar. Eu non creo que a mocidade de hoxendía sexa a mellor preparara da historia. Ou pode que si, a nivel interno. Pero dubido bastante de que a mocidade galega, ou mesmo a española, sexan competitivas no concerto europeo. Máis ben sospeito que non: teño para min que as competencias e habilidades dos titulados doutros Estados europeos resultan máis axeitadas para o emprego.

Na Universidade, desde logo, temos moita responsabilidade no futuro, nestes anos iniciais dos graos e posgraos e da posta en marcha efectiva do Espazo Europeo de Educación Superior. Con todas as eivas e insuficienzas de partida, os tempos son chegados de asumir a empregabilidade dos nosos egresados como o noso meirande reto, sen excusas nen outros obxectivos prioritarios. Pero para iso temos que ser institucións creíbeis e merecentes de confianza. Debemos ter en conta que nos tempos de mercados de traballo globais, non hai un mercado de traballo interno reservado para ninguén.

18 sept. 2010

UN PAR DE REFLEXIÓNS DE CONXUNTURA LABORAL

Hoxe se publicou no BOE a Lei 35/2010, do 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo. Culminou a reforma laboral do 2010. Non pretendo nesta entrada un comentario xeral da mesma, que por outra parte xa veño anticipando en entradas anteriores relativas ao decretazo de xuño. Si que quero incidir en dous aspectos concretos que merecen interese:
O primeiro deles refírese a unha importante emenda introducida polo BNG no Senado e logo mantida no Congreso na votación final. Trátase dunha modificación da Lei Xeral de Seguridade Social –do seu art. 210- que establece a consunción por horas e non por días da prestación por desemprego. Isto é fundamental para os casos de desemprego parcial por reducción de xornada: ata agora, o perxuízo que se lles causaba aos traballadores nesta situación era desproporcionado, porque cada día que percibían prestación pola xornada reducida, esgotaban un día enteiro da mesma, aínda que disfrutaban dun desemprego parcial. É unha novidade moi razoábel, que vai permitir que sexan menos lesivos para os traballadores os ERES suspensivos. É do moi pouco bon que ten esta reforma. Debe coñecerse que os dous  deputados e o senador do BNG lle fixeron un servizo impagábel á clase traballadora con esta novidade. Por suposto, que o Grupo Socialista admitira esta emenda non supuxo como contraprestación que o Bloque votase a prol da reforma ou que se abstivese. Votou “non”, como é lóxico nunha lei que crea moitos problemas e que non resolve prácticamente ningún e que nos afasta aínda máis dos sistemas europeos.
O segundo vai da liorta dos liberados sindicais. Eu ben entendo a iniciativa da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, como manobra para quentar os ánimos dos sindicatos. Ela evidentemente quere que a folga xeral teña éxito, para darlle nos fuciños ao mesmo tempo a ZP e ao seu teórico líder. Porén, que logo veña a patronal e mesmo o Sr. Feixóo seguíndolle a cantinela pareceume incríbel e impropio de persoas ás que se lles debe supor unha certa capacidade de liderado. Implica un descoñecemento sideral das reglas básicas das relacións laborais e do noso modelo sindical. Eu, que son fortemente crítico coa executoria das centrais máis representativas e así o expreso moitas veces diante delas, penso que o modelo español é un dos mellores imaxinábeis. A existenza de organizacións fortes e representativas foi unha decisión política de forza constituínte que permitiu que se producira a partir dos anos setenta unha concertación social que se toma como modelo noutros Estados europeos e de fóra de Europa. Permitou un diálogo social manexábel e representativo, no que houbo capacidade de adoptar acordos vinculantes. Se se quere discutir a estrutura das centrais sindicais, que se discuta. Pero que se saiba que a alternativa vai ser moito máis conflitiva, desorganizada e irresponsábel. A figura dos delegados sindicais existe como produto do Estatuto dos Traballadores, da Lei Orgánica de Liberdade Sindical e dos convenios colectivos. Un ás veces ten a dúbida de se os que critican con tanta lixeireza as horas sindicais preferirían unha acción sindical espontánea. Seica si, aínda que non o acredito. Sen dúbida que as centrais teñen moitos privilexios e moita burocracia, excesiva, desde logo. Pero habería que dicirlle á dereita que nos últimos vinte anos desenvolveron un papel fundamental no desenvolvemento económico deste país coa moderación das estratexias reivindicativas. Por certo, nunha nova entrada destes días vou falar da realidade cuantitativa das horas sindicais.
Unha cousa máis: o martes e o mércores pasado estiven en Bruxelas nunha conferencia de estudo da Estratexia Europa 2020 nos temas de emprego. Coincidín con centos de afiliados á DGB –a central sindical alemana-. Sorprendeume o exercicio de responsabilidade que fixeron ao recoñecer o éxito do seu sistema, que lles permitou non perder emprego mais a crise económica que recorreu Alemaña coa mesma intensidade que a nós; e ao expresar o seu concernemento de que os traballadores se empobreceron nos últimos anos. Pero o que máis me sorprendeu foi a crecente distancia do modelo español e o alemán. Que a ninguén lle caiba dúbida de que mañá, cando entre en vigor a Lei 35/2010, estaremos un pouco máis lonxe deles que hoxe. 

4 sept. 2010

A NOSA TERRA

Como se pouco fose
O mal que ven de fora,
Tua plebe desleigada
Na diferencia acora
E a libertád non quer.
E así para que sean
Mais fondos os teus dôres,
Son os teus mesmos fillos
Verdugos e traidores
 Pra quen lles deu o ser.
                                               M. LUGRÍS FREIRE

Teño diante de min estes versos publicados no número 1 de A Nosa Terra o 4 agosto do 1907 na páxina 2. Que actuais soan hoxe! Pechouse a edición en papel, aínda que segue acesa a faísca da edición dixital. Outros medios de comunicación discuten de culpabilidades e responsabilidades privadas. Tanto lle ten. O caso é que un dos piares da cultura de Galiza esmorece diante da indiferenza colectiva. Non é merecente da compaixón da Xunta e da súa axuda por se ter amosado como un semanario de roxos nacionalistas.
Que razón leva Manolo Rivas cando dí que en Galiza non temos conservadores! Unicamente temos unha manda de necios aos que lles sobran sinais de identidade. Sóbralles a cultura, como veñen de amosar nestes días. Do mesmo xeito que lles sobran espacios naturais na mesma proporción na que lles faltan parcelas para negociar con elas. Sóbranlles país e lingua,e por suposto autogoberno, por cativo que este sexa. Goberno anano para arelas ananas. Que o descreto caia para sempre por riba de Roberto Varela e os seus coniventes!

Outras revistas caeron, do mesmo xeito que desapareceron moitas linguas. O galego non vai ser a primeira, nen a última. A alguén lle importa?

29 ago. 2010

A CONVOCATORIA DE FOLGA: UNHA DATA FESTIVA

Hoxe veume á memoria a folga xeral do 14 de decembro do 1988. Era eu estudante de cuarto curso de Dereito en Santiago e tiña ao día seguinte exame parcial, creo lembrar que de Dereito Mercantil. Á hora da manifestación saín do colexio maior San Clemente acompañado do meu amigo Jacobo Cela. Achegámonos á zona vella e decidimos xuntarmos á manifestación da CNT, que nos pareceu a máis festeira. Logo paramos na Raíña, na que certamente tomamos tres ou catro viños, pois había servizos mínimos para os manifestantes voltaren con forzas ás súas casas. Xantamos e logo nos achegamos á cafetaría do colexio Rodríguez Cadarso, na que o Monchito nos serviu uns cafés algo acollonado pola folga. Máis tarde, desde logo, estudei arreo Dereito Mercantil.
Lembro daquela uns días especialmente inesquencibeis para min –e non unicamente pola participación na folga- nos que non se cuestionaba a dita participación polo feito de poder axudar á dereita. Aínda quedaban oito anos para que chegara o anzado dos gobernos Aznar! Curiosamente, o motivo da convocatoria era unha resposta a certas medidas lexislativas do goberno de Felipe González, moitas delas no ámbito da inserción laboral da mocidade.
Veume esta imaxe nidia ao ler hoxe no Faro de Vigo certas declaración do líder da dereita nas que amosaba a súa total incapacidade de entender os motivos da convocatoria da folga xeral do 29 de setembro do 2010 e expresaba a súa frontal oposición á mesma. Non quero abondar no seu discurso. Chega con dicer que esa era a súa posición, sen que fose quen de xustificar a súa postura. Pero nos da pé para sumarmos sen reticenzas a unha convocatoria intrínsecamente xusta na que amosaremos a nosa oposición a unha reforma laboral insolidaria, inicua e que non nos achega aos paradigmas europeos de regulación do mercado do traballo, senón que nos afasta aínda máis deles. E, ao mesmo tempo, sinalaremos o noso rexeitamento de certas alternativas que únicamente de xeito oportunista invocan as cuestións sociais, e que logo quedan retratadas cando teñen a máis minima responsabilidade política. Por certo, alguén é quen de invocar algunha liña de actuación política de relevo da Consellería “de Traballo e Benestar” desde que comezou a súa actuación? Eu non.
En fin, nun ambiente festivo, temos que reivindicar o día 29 de setembro a pegada social do noso marco normativo de relacións laborais. Temos que dicirlle ao Congreso e ao Senado, e por suposto ao Goberno, que o despido non ten que ser a única medida de xestión laboral, como todas estas institucións parecen crer fervorosamente.

13 ago. 2010

A INTERVENCIÓN

Leín estes días o libro de Teresa Moure "A intervención". Trátase dunha obra sinxela. Probabelmente non vai ter a sona de "Herba Moura". Porén, é un traballo moi notábel, no que, desde unha perspectiva coral, como xa nos ten afeitos a autora, conta unha historia moi emotiva e, a mesmo tempo, moi simbólica. A vivencia duns feitos sucesivamente narrados por Leandro Balseiro, por Clara Balseiro, por Daniel Sampaio, por Ingrid Sampaio e por Candela Roma dan na chaga de moitas paixóns propias do noso pobo. Leandro, o vello, cultivador de especies florais exóticas, é a paráfrase dunha visión estética da vida, pero afastada da realidade e das necesidades cotiás. A súa filla Clara, filla dun pai enaxenado pero continuadora dunha estirpe de xente inadaptada. Sampaio, un vello esquecido do seu pasado, pero que quere construír un presente máis sinxelo e xenuíno. Ingrid, que ven para que lle rendan contas e que se convirte paseniñamente en parte da nosa xente. Leandro o novo, un rapaz dependente das mulleres que van guiando os seus banzos e os seus sentimentos. E Candela, a araña que vai tecendo unha rede de relacións entre todos eles e vai gobernando as súas actuacións.
Trátase dun libro moi emotivo, que de novo reivindica un mundo no que as mulleres chegan a ser autoras do seu destino e no que os homes chegan a ter a suficiente sensibilidade como para atendelas e entendelas. Unha situación na que a natureza se protexe simbólicamente, pero cun simbolismo potente e efectista.
Di a autora, pola boca de Ingrid, que os galegos somos xente que pode vivir en casoupas ou en choupanas, pero que chanta nos seus eidos as flores máis fermosas. Quizáis sexa verdade, para expresar unha rebelión dunha realidade que non nos satisfai, pero que se impón implacábelmente, como destino dun pobo que non quere arranxar o seu propio fogar.
Trátase, en fin, dun libro moi suxerente, do que non me cabe senón recomendar a súa lectura.

2 ago. 2010

UN COMENTARIO RELATIVO A POLÍTICA UNIVERSITARIA


Chegoume algunha mensaxe –e algún que outro comentario- de se non traballaríamos desde Nova Universidade nesta primeira época do goberno de Salustiano Mato. A resposta é que si, por suposto. O que pasa é que aínda non hai un percorrido mínimo de actuación como para facer balanzo. E, por outra parte, aínda non organizamos formalmente os mecanismos de publicidade da nosa actuación.
A finais de setembro vaise celebrar unha asemblea de Nova na que vou pór meu cargo a disposición do colectivo. A miña intención é a de non deixar o liderado polo de agora, por suposto agás que a vontade maioritaria sexa outra.  Pero hai que debatir e recompoñer as responsabilidades de cada quen. Manolo Ramos pediume desenvolver un traballo máis interno –de feito non está en Consello de Goberno-, José Rúas insistiu na necesidade de formalizar e afortalar máis as canles de comunicación coa comunidade universitaria, outra xente ten que ser reubicada…Polo de agora, a efectos institucionais, escollemos para o Consello de Goberno a Margarita Pino e Alejandro Pereira por quenda de elección libre e a Enrique Barreiro, Armando Caballero, Manuel Deaño e Mercedes Vila pola quenda de directores de departamento ou de centro. Ademáis, eu fun nomeado polo reitor, seguindo un vello acordo que únicamente incumpliu Alberto Gago. No sector B, foi elexida polo noso grupo Silvia Rodríguez Ramilo. Asemade asumimos os postos correspondentes en mesa do claustro e comisión electoral. Iso si, todo no marco deste sistema maioritario que prima ao gañador das eleccións desproporcionadamente.
No Consello de Goberno do 26 de xullo intervimos en tres aspectos concretos. O primeiro deles, para criticar que se nomearan dous novos comisionados e se suprimira únicamente un. Ademáis, comisionados permanentes no tempo, non conxunturais. É o xeito de ampliar o equipo pola porta de atrás e non recoñecer que, de feito, é aínda máis numeroso que no 2006. Comprobouse que era mentira que levara AU un equipo máis pequeno que NU, todo o contrario. O que sucede é que nós xa esperábamos esta actuación, únicamente colleu por sorpresa a moitos votantes de boa fe de AU, que outra vez se decatan de que votaron. Neste ámbito, pola contra, agradecímoslle ao reitor que diminúa con carácter permanente as direccións de área, aínda que únicamente no número de seis. Retrucámoslle que aínda había moita marxe. O segundo tema foi unha crítica ao feito de que todos os nomeamentos de membros dos órganos de Administración das sociedades públicas nas que a UVigo ten membros sexan homes, en contra das políticas de xénero que vai esixir de contado a Lei de Igualdade. E, o terceiro, foi un chamamento a certos defectos na convocatoria e na documentación do Consello de Goberno, dos que agardamos que sexan superados en vindeiras convocatorias.
Nestas datas, Salustiano Mato está desenvolvendo un labor moi político do que xa veremos en que se concreta. Como membro do grupo de AU, rectificou en 180 graos as políticas de amortización da presenza física da UVigo no centro de Vigo e iso nos parece ben no que ten de rectificación. Pero xa veremos en que resulta o traballo interno. Polo de agora, hai que darlle unha marxe de confianza e desexarlle ao novo reitor os maiores éxitos. En particular, no plano de finanzamento, no que as propostas da Xunta son arrepiantes, impropias dunha Administración Pública que ten respeto ao Espazo Europeo de Educación Superior. Por certo, outra vez queda clara a nefasta política da UVigo na xestión de persoal, que fai que na actualidade esteamos catro puntos por debaixo da media estatal en gasto en capítulo 1. A ver como nos achegamos agora a media! Hai que esixirlle ao goberno que concentre os seus esforzos nos centros e grupos menos favorecidos. E que deixe dunha vez ese discurso falaz da competitividade. Na nosa Universidade, a mairoía non compite porque non pode, non poir desleixo.
Non son tempos aínda dunha oposición activa. No outono daremos sen dúbida unha rolda de prensa, xa co mantato máis en marcha. Polo de agora, deixo Vigo por un par de semanas para achegarme á Mariña, á ría da que Ramón Piñeiro se fixo fillo adoptivo xa hai anos. Como se lle bota de menos, nestes anos de enxurrada do nacionalismo español!

18 jul. 2010

O IMPORTANTE É A BLINDAXE DE COMPETENZAS


                Claramente. Esta é a parte da sentenza do Tribunal Constitucional 31/2010, do 28 de xuño, máis central. A que aborda a cerna do problema estatutario. Dicía o xurista Viver i Pi-Sunyer, logo dos seus nove anos de experienza como maxistrado deste Tribunal, que o problema das competenzas dos Estatutos de Autonomía non é que sexan poucas ou moitas, senón que son de moi baixa calidade, todas elas expostas e esa hidra das “condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois”, que impón o art. 149.1.1º da Constitución do Reino de España.
                É por iso que os Estatutos da primeira xeración eran como as choupanas do pobre, nas que chove. Pola súa permeabilidade, sempre o Estado central podía asumir potestades, e as exercía, vaia se as exercía! A técnica da blindaxe é defensiva, non ofensiva. Non é que se queira máis goberno, é que se quere o que se teña, pouco ou moito. A estratexia do Estatuto de Catalunya é resposta a este problema, que reflicte a distancia inmensa entre un Estado federal e un Estado moi pouco descentralizado, como é o español. Na nosa realidade non cabe o recurso á “devolution”, porque para o imaxinario colectivo noso “devolver” é devolver a España as migallas que se lles concederon nos anos 79-82 ás Comunidades Autónomas.
                A capacidade de decisión das Comunidades Autónomas depende, xa que logo, da blindaxe. Que poidan exercer con plena responsabilidade as candansúas competenzas a prol dos seus pobos. Para que non as destrúa a couza da “coordenación da planificación xeral da actividade económica” do nº 13, art. 149.1 da Constitución.  Diante da nosa reforma estatutaria pendente, esa é a arela fundamental que ten alguén que vive o nacionalismo desde o seu soño dunha sociedade máis xusta e solidaria. Que pensa que os conceptos máis emocionais e os símbolos identitarios deben ser máis transixíbeis.
                Un exemplo: onte, en Ribadeo, participei na procesión marítima do Carme, na que había bandeiras monárquicas a cachón. Algunha particularmente grande de certa familia ribadense moi coñecida. Son tempos nos que no imaxinario español sobrancea o lema “sen complexos”. Esta tarde, de volta a Vigo, de novo sentín certa zuna, ao pasarmos o cemiterio de Goiriz, diante do sartego do “caído” que hai canda a estrada. Sorprendinme eu mesmo, logo de anos de reconciliación e mesmo complicidade con este home galego anónimo que morreu novo hai tantos anos. É a fartura do español que temos estes días.
                Non quixera causar fartura de sinais identitarias de Galiza. Abonda con que poidamos gobernarmos un pouco máis. Diso vai unha reforma estatutaria.

11 jul. 2010

TRIBUNAL CONSTITUCIONAL, ESTATUTO DE CATALUNYA E ESTATUTO DE GALIZA. POBO CATALÁN E POBO GALEGO


                Levo non poucos días calado no blog. E quero reiniciar as entradas cunha reflexión breve dos actos das últimas semanas arredor do Estatuto de Catalunya. Con certa perplexidade –polo conflitiva que foi- pero tamén con certa envexa leín hoxe os comentarios da manifestación de onte en Barcelona. Constituiu toda unha contestación pola vía do feito ao excursus do Tribunal Constitucional de que non existe xurídicamente o pobo catalán. Seica non xurídicamente, pero existe de seu. Emerxe, desde logo, por riba dunha clase política manifestamente mellorable. E existe, sen lugar a dúbidas, cando se compara cun pobo galego comatoso, que vive a súa segunda longa noite de pedra, asolagado por debaixo dun pensamento único abafante que fai renuncia cotiá da súa historia, do que xa non somos e difícilmente voltaremos a ser nalgún día.
                Non pretendo criticar a sentencia do Tribunal Constitucional. Teño a opinión de que a relatora, a presidenta Casas Baamonde, exerceu neste pronunciamento máis como laboralista que como presidenda do TC: mediando nun conflito entre dúas visións do Reino de España: unha actual, democrática e tolerante; a outra pretérita, excluínte e esencialista. Probablemente, que asumira ela o relatorio era a mellor noticia posible para as posturas máis autonomistas. Con todo o criticable que poidan ser o fallo e máis os fundamentos intepretativos da sentencia, teño a opinión de que ela empregou todas as súas capacidades de xurista, persoa conciliadora e galega para obter bon fin a un reto no que sucumbiron outros maxistrados. Por certo, é case un símbolo que a única presenza galega neste conflito fose a identidade da relatora.
                Canto aos pronunciamentos de inconstitucionalidade concretos, son toda unha paráfrase das diferencias entre Catalunya e nós. Probablemente, o menos indicativo sexa todo o relativo ao poder xudicial, único segundo a sentencia. O que non sorprende a ninguén, como quintaesencia dun Poder afastado cada vez máis da dinámica dun Estado complexo e plurinacional, ancorado nunha unicidade ideal de dereitos que non ten en conta a diversidade desta conxunción de pobos que é o Reino de España. Porque o recoñocemento da diversidade arriquecedora é o risón no que se sostén o sentemento de pertenza posible. Non a imposición dun centro que asoballa ás periferias.
                Pero cousa distinta é a liorta do defensor do pobo. Por moitos documentos que poña na mesa o defensor do pobo español, hai que recoñecer que en Catalunya, como en Galiza o valedor do pobo, a súa existencia moi pouco tivo que ver coa defensa de dereitos fundamentais e coa defensa das persoas individuais fronte ás institucións do Estado. É lícito, xa que logo, pretender contar cunha institución de seu que encha o baleiro que deixa un defensor do pobo trasnoitado, que tiña que actualizarse para estar á altura das institucións nórdicas nas que se inspirou, pero xa hai máis de trinta anos.
                Por non alongar máis o discurso: é que alguén en Galiza xamais soñou un Consello Consultivo que emitira dictames vinculantes? Desde logo, non un BNG que sempre ostentou un desprezo activo por esta institución. Alguén pensou en que as normas estatais infralegais non nos poidesen afectar? Penso que non.
                E o tema dos dereitos lingüísticos na sentencia: o camino que queda por percorrer en Galiza para chegar aos máximos de promoción da lingua galega que contempla esta sentencia é máis longo que o do pobo xudeo para chegar á Terra Prometida. Da vergoña que supoña tanto para nós e tanta restricción para Catalunya.
                En fin, hoxe leín unas declaracións da presidenta do Parlamento de Galiza que me encheron de tristura. Afirma –e leva razón- que á nosa xente hoxendía non lle interesa o debate da reforma estatutaria. Quizáis, como dirían os románticos, do seu fondo sono acordará.

20 jun. 2010

TOMA DE POSESIÓN DO REITOR


O venres non estiven na toma de posesión de Salustiano Mato por compromisos previos que adquirira. Non é que eu sexa moi amigo de protocolos, pero a miña ausencia non foi nada política. Deséxolle, por suposto, éxito na súa xestión. E téndolle a man nesta primeira etapa para camiñarmos xuntos, na medida na que teña a ben incorporar á súa executoria as inquedanzas e os obxectivos estratéxicos que nós defendimos, defendemos e defenderemos.
Xa que logo, non escoitei as súas verbas. Iso si, leín os xornais. E o que leín non me gustou: o mesmo ensoberbecemento de sempre, a mesma insensibilide para os desequilibrios que ten a Universidade, a mesma teima da competitividade sen ter en conta a situación de partida, o mesmo desprezo á por eles chamada “ineficacia” –eludindo, por suposto, a pregunta de por que moita xente non é máis eficaz-. Claro que non hai que achacarlle en exclusiva ao novo reitor esa mensaxe. Ata vai parecer que o reitor saínte foi un gran reitor!
É por iso que enxergo certo desencontro. Porque a afinidade de pensamento que manteño co novo equipo se me semella moi pequena . Hai que manter a dignidade da nosa institución e sermos, cada vez máis, como os “brancosos” do Eloxio da Dignidade de Saramago: esa onda cívica inmensa de xente da que se sospeita sistemáticamente polo seu afastamento dun  poder cativo e miserento.
Porque aínda que sexamos unha Universidade inxusta non podemos connvertirmos nunha institución envilecida.

19 jun. 2010

O PAPEL DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS. COMENTARIO DO TEXTO DA REFORMA


Si  que quero pór branco sobre negro un par de comentarios verbo do RD-lei  10/2010, en vigor desde antonte. Pero antes quero que se me permita un pequeno comentario en defensa das organizacións sindicais de clase, estes días obxecto da  xenreira dunha sociedade acesa contra eles por falsos líderes mediáticos. É hora de que a xente de ben defenda as estruturas sindicais do Reino de España –UGT e CCOO-, á CIG e ás demáis organizacións representativas –sen esquecer outras, a CGT,  USO, a CNT…- E máis que as estruturas concretas, que defendamos un sistema de centrais fortes e representativas que poidan ser contrapuntos destes mostros globalizados que son as compañías multinacionais. Cantas veces se pon en dúbida a lexitimidade destas centrais e se lles ataca polo feito de seren subvencionadas! Como se non foran subvencionados os partidos políticos, as entidades non lucrativas e, moito máis, as entidades financieiras e as empresas. Cantos euros recibiu desde o comezo da crise o sector financiero por cada euro que chegou aos sindicatos? E cantos recibiron as empresas e cantos os sindicatos? Nesta hipocresía cósmica, semella que os únicos subsidiados son os que defenden á clase traballadora. Grazas, xa que logo, ás centrais sindicais, representadas nos cadanséus líderes, nestas horas nas que reciben como “xusta recompensa” da súa loita o desprezo e a incomprensión.
Xa adiantei a semana pasada miñas impresións xerais do borrador que o  Goberno remitiu ás partes sociais. Xa convertido en norma de urxencia, logo de certas innovacións interesantes, o xuízo é o mesmo, nos seus trazos xerais. Quixera salientar, porén, dous aspectos que me parecen positivos, que xiran ao redor das modificacións substanciais das condicións de traballo e o descolgamento salarial: o sistema de mediación-arbitraxe que incorporan paréceme acaído para mellorar algo a flexibilidade interna das empresas.
Todo o contrario do que penso verbo dos ERES suspensivos e do modelo alemán: unha reforma sen ningún interese que non vai valer para nada. O intervencionismo administrativo na suspensión é moito máis forte ca no despido. A mensaxe é clara ás empresas: a única ferramenta de xestión laboral é o despido.
En segundo termo, mellorou algo en relación co documento da semana pasada o tema da subvención do FOGASA do 40 por 100 ao se converter nunha ferramenta transitoria que vai desaparecer cando entre en vigor o fondo de capitalización inspirado no modelo austríaco. Con todo, seguimos ancorados na idea de subvencionar os despedimentos. Como se tivesen que ser subvencionados!
A xeralización do contrato de fomento da contratación indefinida ten efectos moi nocivos para a estabilidade no emprego a medio prazo. Como os ten, sen dúbida, o fondo de capitalización. As causas económicas, técnicas, organizativas e de produción para os despedimentos flexibilízanse aínda máis ca no primeiro documento. Diluíronse algunhas das poucas melloras que había canto aos contratos temporais. En resumo, todo flexibilidade de entrada e de saída.
Hai ou non hai motivos para unha folga xeral? Vémonos, desde logo, o día dos Arcanxos.

12 jun. 2010

BALANZO XERAL DA PROPOSTA DE REFORMA: MEU DEUS!

Onte á noite leín a proposta do Goberno da reforma laboral e as conclusións ás que cheguei son moi pesimistas. Desde logo, non se pode dicir que sexa, nen moito menos, unha peza normativa que caiba encadrar no concepto de boa gobernanza. Máis ben ao contrario: non resolve os problemas do noso mercado de traballo, senón que afonda neles. Non vai satisfacer ás organizacións sindicais e sospeito que tampouco á parte patronal. Non vai outorgarlle a ninguén máis seguridade xurídica, moito menos aos e ás traballadoras. E, claramente, non vai deter a espiral de destrución de emprego na que o Reino de España se afundiu desde o ano 2008.
Desde logo, as pequenas reformas na contratación temporal, máis se se teñen en conta as amplas e “xenerosas” disposicións transitorias, non van implicar que diminúa a contratación temporal. A suba da indemnización de fin de contrato a 12 días non é máis que unha volta ao que xa houbo ata 1994, precisamente cando máis creceu a temporalidade. E os retoques “decorativos” do contrato de obra e eventual non van ter maior trascendencia. Quizáis haxa que apuntar como reforma máis interesante unha pequena interpolación do tema do encadeamento de contratos temporais. En suma, moi poucos folgos para restrinxir a temporalidade.
No que se refire ao tema do despido, a reforma non vai satisfacer a unha patronal cortoplacista que non vai enxergar como a medio prazo as indemnizacións por fin de contrato van baixar moi substancialmente. Pero, para a clase traballadora, os cambios son demoledores: se os contratos se van facer en adiante como de fomento da contratación indefinida, a indemnización que vai pagar a empresa polos despidos improcedente vai baixar a 25 días por ano (33 menos os oito que vai pagar o FOGASA). Xeralízase ademáis, para estes contratos, esta subvención ao despido con cargo ao FOGASA, de xeito que se afinan as ferramentas máis afiadas para a destrución de emprego. E afóndase na dualización do mercado de traballo: os contratos vixentes manteñen o seu status fronte ou despido –menos mal!-, pero os novos contratos van constituír outro exército de precarios indefinidos e para sempre, sen que os anos de servizo incrementen notablemente a súa estabilidade no emprego. E, por suposto, non se modifica para nada esta trituradora de postos de traballo que é o despido express do art. 56.2 ET. E, dito sexa de paso, ninguén se cree que as modificacións dos despidos obxectivos e colectivos van implicar que se paguen normalmente a 20 días. Seguiranse pagando como improcedentes, claro.
No tema da modificación das condicións de traballo e na cláusula de descolgamento, as novidades son menores, pero de interese. Albíscase unha arbitraxe substitutiva dos acordos en fase de consultas que implica certa inseguridade xurídica. Comparto a necesidade de flexibilizar a aplicación do convenio en épocas de crise económica, pero non a través dun procedemento tan complexo. Desde logo, a patronal ten razóns de queixa neste tema, porque de novo se lanza a mensaxe de que modificar as condicións é complexo. Outro tanto cabe dicir da suspensión de contrato e do modelo alemán: un parto dos montes. Cando o noso modelo de relacións laborais precisa dun sinal de que hai outras medidas de xestión laboral á marxe da crise, non se fai case nada. Outra vez estamos diante dun goberno que pensa que as medidas de flexibilidad interna son maquillaxe e que o único que vale é a flexibilidade de saía, os despidos.
No tema do emprego xuvenil, está claro que o goberno non ten estratexia. Tampouco na legalización das axencias de colocación sen ánimo de lucro, tema no que os ensaios se deberían comezar únicamente co terceiro sector. Na trasposición da Directiva de empresas de traballo temporal, as reformas son pequenas e non provocan un debate de modelo, que sería moi importante para dinamizar o emprego e a empregabilidade. En todos estes temas se lanza unha mensaxe de laisez faire que implica riscos dabondo para o futuro.
Xa afondarei nestes temas. Hai que expresar outra vez a consigna de “Coidado que veñen os nosos!”. E preguntarse se este menú requeriría dunha norma de urxencia. Oxalá que alguén impugne a utilización do art. 86 da Constitución. Porque a ver se hai algún vendedor de alfombras que convence aos burócratas europeos de que esta é a reforma laboral que o Reino de España precisa. Cando menos, a ver se Ordóñez, Botín, o FMI e a OCDE calan dunha vez. E Cuevas, home de máis altura que o vendedor de Marsáns, debe estar rindo a gargalladas dende o alén.

6 jun. 2010

FOLGA, CONCERTACIÓN SOCIAL E OUTRAS CUESTIÓNS

Hoxe non puiden respostar a un comentario, feito por Luisa, por algún problema do blog. Fágoo nesta entrada, para dicirlle que, por suposto, os recortes salariais do decretazo nos afectan, tanto ao persoal funcionario canto ao persoal laboral da Universidade de Vigo. Teño moitas dúbidas de se é acertada a convocatoria para o día 8 martes. O día 16 se vai aprobar a reforma laboral, seguramente por Decreto lei, e iso vai provocar unha folga xeral. Neste contexto, quizáis o máis axeitado sería agardar á reforma laboral e convocar unha única folga xeral, coa posibilidade de acadar o mesmo nivel de éxito que nas folgas xerais de 1988 e de 2002.

Noutra orde de ideas, hai que pedirlle ás partes sociais un esforzo máis para que a reforma sexa por consenso. E ao Goberno unha pinga máis de paciencia. As pontes non están rotas aínda e a presa é relativa. Hai unha frase atribuída a Berlusconi –non creo que o pensamento deste líder dea para tanto- na que se expresa que os gobernos fortes lexislan, os febles concertan socialmente. Eu prefiro neste contexto un goberno máis feble, que non impoña reformas laborais. Pero que teña a capacidade de aturar as presións das institucións neoliberais e das organizacións do pensamento único. É certo que o noso sistema normativo laboral precisa de reformas. O que resulta máis dubidoso é que as que se precisan sexan as que se están publicando nos xornais e noutros medios de comunicación.

Presa para que? Para facerlle o traballo á dereita e que, cando chegue ao poder –se é que non o conseguimos evitar- xa leve os deberes feitos, como sucedeu no bienio 1994-96. As reformas, para seren efectivas, precisan de máis reflexión, menos urxencias e menos presas. No fondo dunha crise económica non hai o acougo suficiente como para pór a maquinaria lexislativa en funcionamento.

É certo que hai medidas urxentes, de estímulo de emprego xuvenil e de estímulo de mantemento do emprego. Pero as reformas máis estruturais poden agardar aínda un par de meses máis. As de verdade efectivas –as que non serven para venderlle cousas feitas ao ECOFIN, á OCDE ou ao FMI- deben ir na liña de incrementar a flexibilidade interna, a cambio dun máis forte control nos mecanismos de contratación laboral. Entre outras, plantexar sistemas máis acaídos de modificación das condicións de traballo en situación económicas desfavorabeis, propiciar suspensións de contratos como alternativas a despedimentos e, en xeral, admitir con algo máis de marxe procedementos flexibles de inaplicación conxuntural do convenio colectivo. Pero entrar nestas reformas require, desde logo afectar á columna vertebral do noso sistema. E paciencia, repouso e pouucas presas.

As presas vannos condicir sen dúbida a unha folga xeral, á que lle desexo, desde logo, o maior dos éxitos. Eu vou estar nesta folga, sen dúbida.

31 may. 2010

QUE REFORMA LABORAL?

As institucións internacionais, FMI e OCDE á cabeza, levan tempo urxindo unha reforma laboral. Mesmo o Reino de España ten que render contas ante a reunión dos ministros de economía e finanzas. No ámbito interno, tamén moitas institucións, capitaneadas neste caso polo Banco de España, se pronuncian na mesma liña.
Nesta conxuntura, as partes sociais manteñen aberta unha mesa de diálogo social da que non cabe esperar froito. E o Goberno do Estado expresa que vai actuar impondo unha reforma laboral. A estas alturas, e por moitos desmentidos que haxa, a probabilidade de que se publique no BOE un Real Decreto-lei a mediados de xuño é moi grande. Máis ben se diría que poucas posibilidades existen de que non se produza.
Hai acordo, non cabe dúbida, en temas importantes, básicamente nun: o desemprego xuvenil. Que é un dos principais retos do noso mercado de traballo é obvio, os datos son moi elocuentes. O que sucede é que a diagnose está clara; o que non están nada claras son  as medidas paliativas e curativas. Todo o contrario, do documento do 12 abril se deduce que o Goberno non sabe que facer exactamente.
Tamén as posicións están pertas na implantación do sistema alemán da reducción da xornadas (kurtarbeit). A ver que regulación se impón, para que a súa efectividade sexa maior que a dos EREs suspensivos, básicamente nas pequenas empresas.
Do demáis, todos son desencontros: modificación nas causas do despido, xeralización do contrato para o fomento da contratación indefinida, redefinición das causas dos contratos temporais, legalización das axencias privadas de colocación, trasposición da Directiva de empresas de traballo temporal...
Nesta pequena entrada non vou afondar en ningún destes temas, queda para outro día. O que si quero engadir é que precisamente o que non necesita o noso sistema normativo é unha -outra- reforma de flexibilización do despido. Quizáis, algún cambio no réxime dos despidos colectivos, ao fin de desincentivar certo tipo de acordos en fase de consultas. Ou, en todo caso, precisaría de modificacións para porlle coto a disfuncións do sistema que producen unha forte destrución de emprego -subvencións do FOGASA ao despido e recoñecemento  da improcedencia do despido como reglas máis lesivas-.
O que si se precisa, en particular para a pequena empresa, é lanzar unha mensaxe de que o despido non ten que ser a única ferramenta de xestión de persoal para afrontar períodos de dificultades económicas. Máis ben, hai que facilitar certas medidas de flexibilidade interna, sempre ao servizo do mantemento do emprego.
Xa afondarei nestas cuestións.

29 may. 2010

UNHA EXPLICACIÓN MÁIS

Non é a miña intención deixar de liderar a oposición ao reitor entrante. Antes ben, de Alternativa Universitaria non me agrada nada: nen o seu modelo de Universidade, nen o seu suposto progresismo nen as súas políticas prácticas. Pero lle pido a todo o meu colectivo que deixa á marxe calquera sentimento de xenreira polas friccións de campaña. As houbo, claro, e síntome máis vítima que actor das mesmas. Porén, manter a tensión por iso non é bo para contruírmos o futuro.
A min me venceu Salustiano Mato, pero non me convenceu. Non acredito no seu programa. Tampouco no seu equipo. Con todo, temos que facer unha oposición construtiva. Desprezo as políticas, tan de moda nestes días, de canto peor mellor. A Universidade ten urxencias e oportunidades nestes meses: Campus do mar, finanzamento universitario e negociación coa Xunta, titulacións, definición de centros...Nestes temas temos que estar ao carón do noso reitor. Que teña el éxito vai significar que o teñamos todas e todos nós.
Ao mesmo tempo, logo de repensar os resultados máis en frío, teño que recoñecer que son un reto e unha esperanza de futuro. Quizáis eu son aínda demasiado novo, quizáis irrumpín moi de súpeto como líder dun grupo. O que si teño claro é que levei un moi bo equipo, un moi bo programa e que fixemos unha boa campaña. Non me arrepinto de nada do feito.
Xa que logo, vou articular a oposición, aínda que sen presas. Vou coordenar Nova Universidade, cando menos a curto prazo, e agás que o grupo non me renove a confianza. No medio prazo xa pensaremos na estratexia. É cedo para falar.
O que si quero engadir: fun vencido, pero non derrotado. Manteño a miña crenza nunha Universidade máis xusta, máis solidaria, máis académica, máis investigadora, máis integradora, máis socialmente responsable e máis comprometida coa súa contorna. En todo o que non ten sido nos últimos anos.

21 may. 2010

PECHE DE CICLO

Logo dos resultados de onte, dos que ninguén dubide que foron peores do que eu agardaba, non ten moito sentido manter as características que tivo o blog ata agora mesmo. Basicamente, nos vindeiros meses non vai ser a política universitaria da UVigo tema fundamental, senón outros, e moi nomeadamente as políticas sociais e as relacións laborais.
Xa que logo, supoño que a meirande parte da xente que seguiu o blog nestes meses se vai baixar do carro. Saúdos e grazas. Foi unha experiencia, algo estresante pero aleccionadora para min. Vou seguir as pautas de blog dalgúns dos meus colegas. Oxalá alguén manteña algún tipo de interese. Os comentarios tamén serán benvidos neste novo ciclo.
Aperta.

18 may. 2010

CARTA DE FIN DE CAMPAÑA

Prezad@s compañeir@s:

Chego esgotado ao final de campaña. Foron  moitos días de conversas, de escoita, de proposta, de traballo. En fin, de construírmos Universidade. Antes que nada, meu pensamento está no meu rival, Salustiano Mato. No último día, unha aperta fraternal. Somos membros dunha mesma comunidade. E queremos o mellor para a nosa institución. Mais que enxerguermos desde ópticas diversas as prioridades.

Dito isto, pido o voso voto para Nova Universidade. Non é tempo de lembrar a nosa oferta programática, ben visible e dabondo coñecida. Pero si de pór énfase nas nosas preocupacións fundamentais. Quero deixarlle ao vindeiro goberno, no 2014, unha Universidade máis comprometida coas súas persoas. Unha Universidade na que as carreiras profesionais, de PDI e de PAS, existan. Na que os cadros de persoal dean resposta aos retos que ten esta institución. E na que exista un mapa de titulacións, de grao e posgrao, complementarios os uns dos outros e que garantan a profesionalidade e a mellora continua das carreiras profesionais das nosas egresadas e egresados.

Quero unha Universidade europea e aberta ao mundo. Galega, por riba doutras consideracións. Que participe solidariamente do sistema universitario galego en comuñón cos nosos irmáns e irmás de Compostela e da Coruña. Aposto por unha Universidade pública, que crea nas súas propias posibilidades e que confíe na súa propia xente. Que non percure fóra o que xa ten dentro. Enraigañada na nosa contorna, xunto cos actores socioempresariais, públicos e privados, co mundo da cultura, da comunicación e do deporte. Arelo unha Universidade responsable nas súas políticas sociais corporativas. Responsable tamén medioambientalmente.

E quero unha Universidade aberta, democrática e participativa, escola de democracia e de participación. Berce de cidadáns e cidadás comprometidos coa defensa radical dos dereitos fundamentais. En particular, da liberdade de expresión e pensamento. E na que defendamos a igualdade por mor de sexo-xénero, para que quizáis nosos bisnetos poidan enxergar unha sociedade igualitaria. Igualitaria tamén coas minorías, coas persoas discapacitadas e coas xentes económicamente desfavorecidas.

Pido o voso voto, en suma, para dirixir a Universidade estes catro anos decisivos. Para superar os nosos retos e as nosas debilidades, tan recoñecidas unánimemente en todos os indicadores públicos. Desde a humildade, non desde a autocomplacencia. Pero con ambición no noso futuro. Quero mandar unha mensaxe portadora de esperanza, porque o futuro é noso. Da xente que traballa, moitas veces no máis absoluto desleixo e falto do recoñecemento e agarimo por parte da súa propia institución.

Porque, toda a nosa xente paga a pena, vota, con +KBZA.

Por unha Nova Universidade.


Grazas pola vosa confianza. Estou certo de que as urnas se inzarán de votos de cambio.


Jaime Cabeza

Peche de campaña

NOVONEYRA


A personalidade de Uxío Novoneyra, logo xa do décimo cabodano do seu pasamento, é toda unha paráfrase do día tan especial que se viviu hoxe en Galicia. Un día das letras distinto, moi afastado do espírito fundacional do centenario da publicación de Cantares Gallegos. Terra e lingua simbolizadas nunca mellor que hoxe na figura do poeta do Courel.
Morreu o home, pero emerxeu o símbolo. A Galicia dos devanceiros que xacen na longa ringleira de camposantos que van desde a súa terra ata Compostela e que nos esixen manter o facho da nosa identidade. Do noso pobo que, alén doutras diferencias, ten lingua e terra. A terra dos eidos que os labregos traballaron arreo. E da lingua que defenderon coa fala, súa e nosa.
Hoxe non estiven en Compostela. Porque hai prioridades nun mundo de pequenas renuncias. Quizáis porque a miña paixón militante é baixa nunha conxuntura na que un ten que escoller sempre entre un modelo de sociedade e un modelo de nación. Porén, un ten que conter as bágoas diante do testemuño da súa vida, a de Novoneyra. Para el todo foi coherencia, no sentimento social e nacional, no seu mundo dialéctico.
Con seguridade, en poucos anos lembraremos nun 17 de maio ao outro gran bardo galego, Manuel María. As dúas almas xemelgas que deixaron  un inmenso baleiro no noso mundo poético. Que daquela o 17 maio sexa menos reivindicativo será sinal de esperanza. De que algo mudou para ben. Polo de agora, Novoneyra é un símbolo da loita pola nosa lingua. Hoxe e sempre. Nos eidos e nos fogares nos que existirá para sempre.

16 may. 2010

¡QUE VIENE EL COCO!



Quen non sufriu de neno a ameaza destes mostros infantís que nos causaban pesadelos? O coco non viña, pero existía desde logo nos nosos soños.
Esta imaxe é a que mellor pode reflectir a campaña de intoxicación que está sucedendo nestes últimos días ao redor da nosa candidatura e impulsada por xente da que non cabe dubidar que intereses defende. Eu non teño capacidade física de saír ao paso de tanto infundio como está  a chover. Que se imos suprimir o programa de xubilacións anticipadas, que se imos pechar os mestrados profesionalizantes de Enxeñería Industrial, que se vamos suprimir certos servizos deportivos…Cantos haberá que eu non saiba!
Polo tanto, á comunidade universitaria lle teño que dicir, como xente adulta, que o coco non existe. Que o venres vai emerxer un goberno de Nova Universidade que ten un programa dabondo público no que non hai páxinas segredas e que vai despexar esta mesta néboa de falsidades. Que Nova Universidade ten unha folla de rota clara que xa fixo pública.
En particular, ao alumnado, quero dicirlle que vote masivamente. Eles pretenden condicionar o voto do seu público máis cautivo con imputacións que se desmontan por si mesmas. Pero hai unha inxente maioría lonxe do seu control que ten que votar cambio, por unha Universidade máis limpa e transparente.
E, á nosa militancia: que non caiades na tentación de respostar coas mesmas prácticas. A lexitimidade dun goberno ten que ser, por riba doutras consideracións, ética. A verdade é o único camñno para vencermos. Porque somos mellores, tamén nas nosas actitudes de campaña.