31 mar. 2010

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Hoxe recibín a visita de dúas personas da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Ignacio e Paulo. Por pouco máis dunha hora, eles dous, Carme Verde e eu mesmo debatemos das situación e das perspectivas na Universidade de Vigo da atención á diversidade.
Coido que a conversa foi vizosa e, desde logo, Carme e eu collimos moitas notas programáticas. Hai catro grandes eixos nos que a nosa institución ten que centrar a súa praxe política: o primeiro deles, a adaptación dos espazos e a supresión das barreiras arquitectónicas. O segundo, a acollida e atención das necesidades cotiás das persoas con discapacidades. O terceiro, as adaptacións curriculares dos estudos que se impartan para afortalar e difundir o coñecemento dos colectivos con circunstancias diversas, e asemade a posta en marcha de estudos de posgrao nesta materia. O cuarto, a loita contra os estereotipos sociais que unicamente expresan sentimentos de piedade para eles, mediante divulgación e participación.
O noso proxecto vai ser socialmente responsable ao respecto. Vai enxergar con ollada crítica o cumprimento dos estándares legais e a introducción de boas prácticas. Vai esixirlle ás entidades contratantes coa Universidade o axuste ás súas obrigas legais. E vai por en marcha medidas de acción positiva para integrar social, académica e profesionalmente ás persoas discapacitadas. Elas son, tamén, cidadáns e cidadás con dereitos cheos de realización persoal.
Como medida estrutural, na Vicerreitoría de Benestar, Calidade e Igualdade vai existir unha Oficina de Atención á Diversidade. Na mesma, as entidades de defensa dos dereitos destes colectivos van ter un papel consultivo e van ser interlocutores necesarios do noso goberno.
Paseniñamente, pero con decisión, hai que ir construíndo unha Universidade máis integradora.

MICROMOVIES: Unha praia para o campus de Vigo

O Faro de Vigo describe as pezas do concurso de micromovies.

24 mar. 2010

VÍDEO DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO EQUIPO DE NOVA UNIVERSIDADE

1ª PARTE



2ª PARTE




3ª PARTE

PRESUPOSTO DE BIBLIOTECA

A dotación de fondos bibliográficos ten unha importancia evidente nunha Universidade. En épocas de aforro, hai que diminuír o gasto accesorio para concentrar os esforzos no máis esencial. Fai ben a Universidade en promover polícas de reducción de custes, por necesidade e por exemplo.
O que pasa é que a reducción de custes se produce en partidas curiosas. Nestes días comprobamos abraiados as tesoiras que se lle meteron aos orzamentos de biblioteca nos Departamentos. O promedio -creédeo, nós non o creíamos ata que botamos contas- é un recurte dun 60 por 100. Debe ser que este ano se van publicar no mundo un 60 por 100 menos de libros dos que se publicaron no ano anterior, ou, ao mellor, é que xa temos os nosos andeis ateigados de libros e xa non cabe ningún máis.
Desde Nova Universidade xa preguntamos en Consello de Goberno por esta diminución. A resposta que se nos deu remitiu a decisión ao propio servizo. Pero esta remisión é máis ben outra mostra da irresposabilidade dun equipo de goberno que non se responsabiliza da acción de goberno.
A indignación da comunidade universitaria é unánime. Nesta entradiña, me sinto un membro máis dunha comunidade á que se lle nega o máis esencial para o seu labor docente e investigador. É unha vergoña que se produza esta diminución. Que ben estaría que se producira noutras partidas, bastante máis superestruturais! Entrementres, estudaremos e leremos propaganda institucional, NODOS e outras fontes informativas varias.

Presentación equipo Nova Universidade

O que recollen os medios da presentación de onte en Ourense


LA REGIÓN








FARO DE VIGO




LA VOZ DE GALICIA (Edición Ourense)





DIARIO DE PONTEVEDRA




 

18 mar. 2010

O Campus do Medio Ambiente para Ourense

Nova Universidade apoiou, dende o seu xérmolo, o proxecto de Cidade do Mar para Vigo, unha captación de sinerxias fundamentais para o futuro do campus olívico. Mais tamén queremos propor a procura da Excelencia para o campus de Ourense coa proposta que, sen dúbida, levaremos no noso programa eleitoral e que, dende hoxe mesmo, queremos facer pública: o campus do Medio Ambiente e a Cidade da Natureza para Ourense. Estamos ante unha aposta polo Medio Ambiente da cidade das Burgas, (Centro de Interpretación Ambiental, Xardín Botánico de Montealegre, termalismo...) e a súa provincia, onde se concentran o maior número de parques e espazos naturais de Galicia, pero tamén ante unha aposta que pode e debe trascender as nosas fronteiras, contando para iso coa colaboración, tanto da Xunta de Galicia, coma do Goberno central, que por suposto que loitaremos por conquerir. Asemade, pode e debe ser un proxecto fornecido alén das nosas fronteiras, tendo en conta a proximidade do norte de Portugal, na fronteira natural do parque Geres-Xures, coa posibilidade de acadar apoios en varias das institucións e universidades do país veciño, ou mesmo coas universidades de León e Oviedo, conformando, entre todos, un eixo estratéxico fundamental para o futuro do campus de Ourense, da nosa Universidade e de toda Galicia. Polo de hoxe, o que podo dicir e que o Medio Ambiente acadará o rango de Vicerreitoría no equipo de Goberno que presentarei o vindeiro martes en Ourense e, a partires de entón, os noso compromiso con este proxecto chegará ata onde queira a comunidade universitaria e a sociedade ourensá.

O "plantón" de Tano

Primeiro convocatoria irregular, despois "plantón"



17 mar. 2010

PECHE DA PRIMEIRA ROLDA

Hoxe rematei as visitas a todos os centros da Universidade de Vigo. A nivel de equipos directivos e PDI, podo xa dicir que tentei falar con toda a comunidade universitaria e que toda a xente foi oportunamente convocada ás diferentes reunión. Foi un esforzo grande, pola miña parte e pola parte dos compañeiros e compañeiras que estiveron conmigo. Pero, ao mesmo tempo, resultou un traballo gratificante, de coñecemento máis amplo da nosa institución e das persoas que a compoñen.

A nivel programático, estas reunións nos arriqueceron moitísimo. O programa que vamos presentar no mes de abril en Pontevedra é froito dun traballo forte que estamos a pechar. Pero tamén de achegas de xente, moita dela non específicamente simpatizante do noso grupo pero que, con altura de miras e lealdade institucional, estivo con nós para opinar, criticar e ofrecer a súa visión das cousas.

Insistín case sempre no rogo de que se tratara aos nosos rivais co mesmo afecto e boa acollida que se nos deu a nós. Do que se trata é de poder competir coa mellor e maior perspectiva da Universidade de Vigo e das diferentes sensibilidades e críticas. Estou certo de que así foi e así é. Moi en particular, chamei aos equipos e grupos máis achegados a nós para que así sucedera cando o líder da outra corrente lles pedira unha entrevista.

En xeral, hai que recoñecelo, a acollida foi inmellorable. Quixera salientar a dalgunhas direccións que nós temos por moi próximas ao rival e que dialogaron con nós sinceiramente e con ánimo moi construtivo. O agradecemento que lles quero enviar é moi sinceiro. E sen dúbida preludio dunha forte cooperación institucional a partires do mes de xuño. Unicamente temos que lamentar que se declinara a nosa petición de reunión por parte da dirección da Facultade de Belas Artes. Nós respectamos, desde logo, a decisión do seu decano. Pero, coa mesma enerxía, expresamos que o diálogo é a mellor canle para alicerzar unha relación construtiva na que as dúas partes aprendamos recíprocamente.

Quedan aínda moitos kilómetros por percorrer, moitas reunións e moito esforzo. As reunións co PAS avanzan, pero aínda quedan ocos que cubrir. E o mesmo co alumnado. Chegaremos a toda a comunidade. Con humildade, ánimo de escoitar e a seguridade de que sementamos un froito do que haberá boa colleita.

12 mar. 2010

Esta tarde na sede de Inclusión

Esta imaxe corresponde a esta tarde na sede da organización Inclusión en Poio onde Cabeza pronunciou unha charla-coloquio sobre “medidas de atención as persoas con dependencia na Universidade de Vigo”. Esta organización está adicada a integración social de colectivos en situación de exclusión ou risco. Na súa intervención, o candidato de Nova Universidade estivo acompañado polo presidente da asociación, Ángel Alonso, e o seu coordinador, Luis Leiro, que lle manifestaron o seu apoio e reclamaron “accións a prol dunhas políticas de integración social na Universidade que melloren a situación” destes colectivos.

CHARLA EN INCLUSIÓN CENTRO (Poio)

Jaime Cabeza en Poio

11 mar. 2010

ESTÍMULOS PARA A FUNCIONARIZACIÓN DAS PERSOAS CONTRATADAS DOUTORAS

Somos unha Universidade con percentaxes baixas de funcionarización. O PDI con categoría de contratado doutor non ten estímulos especiais para obter unha acreditación que lles semella moitas veces complexa e pouco accesible. Hai un andazo de pesimismo colectivo entre estas persoas. O que non debería suceder, dadas as evidentes vantaxas de pertencer aos corpos funcionaríais de PDI.

Que pode facer a Universidade? Dúas liñas políticas: a do pao ou a da cenoria. Desbotemos desde xa a do pao. Para o PDI laboral foi un proceso importante a asimilación en dereitos ao PDI funcionario, básicamente obtida –con certas pequenas eivas- no convenio colectivo vixente. Para min e para nós, esta situación non debe ser revertida. Hai que incentivar, non sancionar.

O problema son as políticas de incentivo, porque non son doadas de artellar. Hainas que negociar fundamentalmente no eido das relacións co comité do PDI laboral. Poderían ser medidas conxunturais de reducción de obrigas docentes, pero sempre temporais e con avaliacións cada moi pouco tempo. Non, desde logo, reduccións estruturais e sen monitorización.

Pero coido que hai un ámbito vizoso de negociación e posibilidades. Parte da idea de que os custes de Seguridade Social no réxime xeral –o dos contratados doutores- son moito máis grandes do que son no réxime de Funcionarios Civís do Estado – dos titulares funcionarios-. O que implica que a funcionarización implica un aforro de custes importante para a Universidade. Xa que logo, cabe propor que se estableza un crédito individual correspondente, por exemplo, a dous anos de diferencia de cotización entre o que se cotiza no réxime xeral e o que se cotizaría en funcionarios civís. Ao fin de que dita cantidade, capitalizada individualmente, poida servir para actividades de estímulo de funcionarización. Isto é, para gastos que teñan que ver cos criterios que impón ANECA para a acreditación do corpo de titulares de Universidade.

medios encontro cfv

10 mar. 2010

HOXE NO CFV




Xuntaza coa directiva do Círculo de Empresarios de Galicia para tratar as posibilidades e sinerxias da Uvigo co CFV.
De esquerda a dereita Inma Anaya, Jesús Bahillo, Jaime Cabeza e Irene Garrido.


9 mar. 2010

coidando a nosa imaxe...

Foto nos baños dun centro comercial de Vigo (non é fotomontaxe)
Hai moitos xeitos de promocionar a Uvigo, este é un.

8 mar. 2010

enlace o artigo do Faro de Vigo de hoxe

Máis concialición, pero máis responsabilidade tamén

I+D+i pantasma

Novas ó respecto a errónea política de I+D+i na época de Mato do que hoxe se fala en Faro de Vigo dado que non conseguiu captar nengún investigador.


Neste enlace podemos acceder ó momento en cuestión
http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2007/12/28/0003_6437758.htm

5 mar. 2010

MÁSTERS PROFESIONALIZANTES E REGLAS POUCO PROFESIONAIS

As normas de “desgravacións” de másters “profesionalizantes” son para rir ou para chorar, segundo o humor de cada quen, pero non para tomar en serio. Seguro que o equipo de goberno tampouco se toma en serio esta proposta. Simplemente, está de coña coa comunidade universitaria. Quere que a posibilidade de desgravación estea no papel pero non na realidade. Cada nova que temos deste tema resulta máis abracadabrante e a un xa se lle esgotan os calificativos. Unicamente cabe pedirlle aos responsables desta desfeita que, por favor, deixen de facer o parvo.

Xa non vou falar de elementos cuantitativos: no mellor dos casos, 300 horas de docencia. Pero, se o máster ten 60 cretos –por exemplo- iso implica un cómputo irrisorio, de xente que simplemente non está na realidade dos posgraos e que unicamente fía todo ao voluntarismo do PDI. E, claro, só cando se deu clase un ano a custe cero cabe logo aplicar esta “desgravación”. Porque xa se sabe que dar clase nun máster non é docencia, é unha “desgravación”, isto é, ter menos clases. Alguén o entende?

Aínda máis: se o máster xa funcionou, pero se lle pagou ao PDI, non cabe pasar a “desgravación”. Para chegar a esta, hai que pasar un ano dando clase de moca. Polo tanto, se se pagou, hai que purgar a culpa un ano antes de poder “desgravar”, isto é, colacionar a docencia. O que resulta incomprensible: desde o primeiro ano se pode pagar, sen que se esixa carencia de ningún tipo. E se se pagou, non foi sempre porque se quixera, senón porque non se deu outra opción.

Por suposto, a comisión do máster pode incumprir todos os seus compromisos, deixar de pagar a quen se lle comprometeu que se lle pagaría e así chegar á “terra prometida” da “desgravación” de 300 horas. Esta é a proposta dos voceiros do equipo de goberno. Claro, como ao equipo de goberno non lle interesa se as comisións cumpren ou non seus compromisos, tanto ten.

En conclusión: non vai haber no 2010-2011 másters profesionalizantes que “desgraven” en docencia. O goberno outra vez marcou as cartas antes de repartilas. E logo dirá, para esperpento colectivo, que é que ninguén quere que os másters se conten como docencia ordinaria.

Fixen o propósito persoal de estudar de boa fe a proposta para tentar alzar a suspensión do máster en xestión e dirección laboral. Non vai poder ser. Mágoa que á Universidade de Vigo non lle interese o máis mínimo. A min si que me interesa. Non o de Xestión e Dirección Laboral, senón todos. E me indigna esta desfeita que segue a facer esta manda de indocumentados.

1 mar. 2010

“DESGRAVACIÓNS” POR DIRECCIÓN DE PROXECTOS DE FIN DE CARREIRA E OUTRAS “DESGRAVACIÓNS”

Chegoume a rexouba de que era intención de Nova Universidade e de min mesmo a de eliminar as desgravacións por proxectos de fin de carreira e outras desgravacións por labor doncente. Nada máis lonxe da realidade.

Seguro que as mensaxes non chegan nidiamente porque non as transmitín coa claridade necesaria. O que quixen dicir é simplemente que o feito dos profesores dirixiren proxectos de fin de carreira non ten que ser unha desgravación, senón computar directamente como obriga docente. É dicir, ten que contar de feito máis do que conta.

A dirección persoalizada de proxectos e outros traballos é un labor pouco recoñecido e, desde logo, absorbente. Hoxe nos reunimos co equipo directivo da Escola de Telecomunicacións e comentabamos que compría modificar o concepto de crédito por grupo de docencia por crédito por alumno/a como unidade de medida. É dicir, que non é o mesmo impartir docencia a 100 persoas que impartila a cinco. O cómputo ten que ser distinto. E tanto máis distinto na docencia de grao e posgrado.

Nestas coordenadas, é máis natural e doado o cómputo da dirección de proxectos de fin de carreira. Porque encaixa sen problemas no concepto crédito alumno. Claro que ten que computar! Ou acaso non é parte da nosa función docente?

Polo tanto, defendemos que compute. O que queremos é un cómputo de docencia transparente e sen as trampas do sistema actual.