16 abr. 2011

A CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR NA CERNA DOS DEREITOS FUNDAMENTAIS

O pasado luns publicouse no BOE unha sentencia fundamental do Tribunal Constitucional. Unha das que abre novas senllas na xurisprudencia deste órgano e que nos convence da necesidade de que haxa alguén que supervise o labor dos tribunais ordinarios desde a perspectiva da garantía dos dereitos fundamentais.
Trátase da sentencia 26/2001, do 14 marzo, que eleva definitivamente a conciliación da vida familiar e laboral a rango de dereito fundamental. A entidade empresarial –tratábase da Xunta de Castela e León- denegáralle pola tácita a un traballador o seu pedimento de traballar en exclusiva en quenda de noite para poder conciliar a súa vida familiar e laboral.
Como case sempre, os órganos da xurisdicción ordinaria valoraron o conflito desde unha perspectiva únicamente de legalidade, sen enxergar o problema desde o punto de vista constitucional, e denegáronlle o dereito ao traballador, xa que non estaba previsto na  organización do traballo da dita Administración autonómica.
O feito de ser varón o solicitante e, polo tanto, non ter socialmente atribuída a misión de coitado dos fillos, dificultaba o outorgamento do amparo. Porén, cunha fundamentación limpa, novedosa e suxestiva, o Tribunal ancora a solicitude do interesado no dereito a non sufrir discriminación por outras condicións ou circunstancias sociais.
A sentencia está inzada de afirmacións de interese. Fala sen concesións de corresponsabilidade e de considerar a conciliación como un valor fundamental do noso sistema xurídico. Mesmo o voto discrepante propón consideracións de interese. Di que lles obriga aos xuices a seren intervencionistas. Claro! Nestas materias, a maior liberdade das persoas únicamente se consigue con intervencionismo público!
Por suposto, a xurisdicción ordinaria vai tentar minimizar a trascendencia desta sentencia coa súa lingualxe leguleia e vulgar. Pero a súa fundamentación xurídica está destinada a imporse, no longo prazo, polas dinámicas dunha sociedade que quere ser máis democrática.
As persoas estamos de noraboa. Un Estado algo máis social e democrático.