30 ene. 2011

UNHA PEQUENA ACHEGA Á REFORMA DO SISTEMA DE PENSIÓNS

                O pacto de pensións ten suficiente enxundia como para merecer un longo comentario que non estou en condicións de abordar un domingo á noite. Se teño folgos, algo vou escribir nos próximos días. Hoxe unicamente quero formular tres ideas introdutorias que penso que son fundamentais como premisas de análise.
                A primeira delas refírese aos sistemas de intercambio de información no ámbito da Unión Europea e ao Método Aberto de Coordenamento. Moito se fala –con razón- da necesidade que ten o Goberno español de atender aos requerimentos de Bruselas, desde logo esixentes no que ten que ver coas liñas xerais de política económica. Pero habería que abondar máis na evolución dos sistemas europeos de Seguridade Social, cada un deles fillo da súa propia historia e moi diverxentes entre si. Tanto máis diverxentes se se ten en conta a aposta por sistemas de capitalización que veñen formulando os Estados Membros do Leste. Con todo, xusto é recoñecer que as grandes liñas de reforma que anuncia o pacto –incremento da idade mínima de xubilación, toma en consideración de máis anos da vida activa no cálculo da pensión e desincentivo da xubilación anticipada, fundamentalmente- son orientacións común a outros Estados pertos do noso, como son os casos máis evidentes das Repúblicas de Francia e Alemaña. Quero dicir que as críticas hainas que contextualizar.
                A segunda, e precisamente con base na súa contextualización, debe recoñecerse que meter as tesoiras ás pensións públicas ten máis pegada no Reino de España da que ten noutros Estados europeos. Isto é así porque o noso sistema público xermolou nos anos sesenta do século pasado sobre as cinzas do mutualismo laboral. Isto é, esmagou os sistemas profesionais de Seguridade Social. Hoxendía, na nosa realidade apenas hai traballadores coa cobertura de sistemas profesionais, a diferenza do que sucede nos Estados cos que sempre se nos compara. É dicir, a clase traballadora na nosa realidade é moito máis dependente da pensión pública. Está moi ben que se promovan e fomenten os sistemas privados de pensións. Pero a mensaxe fundamental debería ser que se establezan sistemas profesionais con dobres aportacións das empresas e das persoas traballadoras. No entanto, e dada a desprotección xeral neste ámbito, as reformas á baixa das pensións deberían ser especialmente prudentes.
                E a terceira refírese ás fontes de finanzamento e á teima tan “patria” de que as pensións contributivas únicamente se deben soster con contribucións de Seguridade Social. Esta lexitimación do sistema baseada na súa autosuficiencia é moi perigosa porque supón o anuncio evidente de novas, futuras e non tan lonxanas medidas de recorte. O Método Aberto de Coordenamento amósanos que os Estados Europeos admiten as achegas orzamentarias para o finanzamento dos sistemas públicos de Seguridade Social, sen que iso supoña afastarse da ortodoxia financieira. Os Pactos de Toledo, desde o ano 1995, compartimentalizaron a solidariedade intrínseca aos sistemas públicos de Seguridade Social. Probablemente, a separación das fontes de finanzamento foi estratéxicamente necesaria. Pero debe recoñecerse que a estratexia non é un fin en si mesmo e que, ao mellor, haina que revisar logo de quince anos. 

26 ene. 2011

FOLGA XERAL 27 XANEIRO: INOPORTUNA



Non vai ser políticamente o máis correcto a día de hoxe, pero quero amosar o meu rexeitamento á convocatoria feita mañá, en Galiza, pola Confederación Intersindical Galega e apoiada, entre outros colectivos, polo Bloque Nacionalista Galego. Non me vou sumar á folga por varios motivos, fundamentalmente porque penso que non é o máis aconsellábel facer folga xusto mañá.

Estamos –xa o sabía CIG cando preavisou- na recta final do diálogo social na materia de reforma das pensións. Eu non concordo con parte das medidas que ten publicitado o Goberno que quere encetar, básicamente no adiamento en dous anos da idade mínima de xubilación. Non me parece que sexa un tema que debamos adoptar sen máis no ano 2011, senón que sería máis aconsellábel estudar devagar a experienza doutros Estados Europeos que afrontan o baby-boom antes de nós e tirar conclusións. Probablemente haxa que subir a idade dentro duns anos, pero non xusto agora.

O que sucede é que estamos de cheo na onda reformista que provocou o executivo Zapatero. E eu pregúntome se CIG vai convocar outra folga xeral a resultas da reforma da negociación colectiva, cousa que con tota probabilidade vai suceder en abril. Pregúntome tamén se ten a seguridade de que o Goberno non vai ceder en parte das súas pretensións anunciadas. Estratéxicamente lle pregunto que sucedería se logo CCOO e UGT conseguiran un bo acordo co Goberno. Alguén pensaría en serio que foi grazas á folga de CIG, ELA e LAB? Ou é que o acordo non pode ser bon, por razóns metafísicas que eu descoñezo?

Desde outra perspectiva, soster a folga de mañá vai supor un sacrificio inmenso para a militancia de CIG e un esforzo desproporcionado, no que, ademáis, se xoga moito. Dubido que CIG teña ben calculado dito risco. E, por suposto, o sacrificio que CIG lle pide á clase traballadora non é xusto. Non se pode recurrir cada pouco tempo a unha folfa xeral. A folga xeral debe ser un recurso extraordinario para que sexa eficaz e teña o prestixio dunha acción necesaria cívica de exercicio de dereitos fundamentais. Xa fixemos unha folga xusta e exitosa en setembro.

Xa para rematar, a competitividade coas centrais sindicais máis representativas CCOO e UGT debe manterse no espazo electoral, non noutros. Ben acepto que as centrais estatais xogan a pecharlle espazos ao sindicalismo de clase nacionalista, nunha estratexia cortoplacista e miope. Pero, con todo, a unidade de acción sindical é básica nestes tempos. Non xoguemos á división, para ledicia dos think tanks do pensamento financieiro. Por máis que CCOO e UGT non admitan o dereito lexítimo de CIG, ELA e LAB de se sentar nas mesas estatais de concertación social.

Isto o expreso, claro, desde o agarimo e implicación persoal máis fonda co sindicalisto representativo de clase. Desde a miña implicación persoal.

13 ene. 2011

PEREJIL


Lembro o nome da derradeira xesta heróica do glorioso exército español para non nomear ao innomeábel que a inspirou, daquela “Ministro de la Guerra” do Reino de España. E, desde hai anos, xurista áulico da dereita española.
Hoxe toca falar do seu último “aturuxo”: resposta ás críticas da presidenta saínte do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, aos e ás diputadas pola non renovación en prazo das maxistraturas xa caducadas e da maxistratura vacante. Segundo a opinión de tan epatante exministro, a señora Casas presidiu á época máis negra do Tribunal e é responsábel de que a sentenza do Estatut de Catalunya se adiara por máis de tres anos.
É lóxico que se sinta aludido, como máximo estratega da oposición a que se renovara o Tribunal. Pero é que as súas críticas á xa expresidenta resultan absolutamente mendaces e propias dalguén de moi baixa catadura moral. Se houbo unha presidenta discreta, que únicamente falou polas súas sentenzas e resolucións, foi a maxistrada Casas. Se houbo alguén que anovou a doutrina do Tribunal Constitucional nunha liña máis garantista dos dereitos fundamentais foi ela. Se a xurisprudenza actual é máis consonte á do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, debémolo a ela en gran parte. Iso, claro, é ao que chama o noso homiño “período máis negro”. Por outra banda, se alguén ten a culpa de que se adiara a sentenza do Estatut foi o que abriu a guerra das recusacións. Alguén se lembra de quen recusou a Pérez Tremps? Que tería pasado de non ser polo pasamento do maxistrado García-Calvo y Montiel? Quen xogou primeiro a alterar a correlación de forzas no Tribunal Constitucional? E, noutra orde de ideas, que maxistrada foi a que, ao final, tivo que asumir o relatorio do voto maioritario, para que poidese saír esa sentenza?
A pelaxe deste personaxe do Partido Popular é ben coñecida. A súa estratexia actual é  clara. Hoxe despedimos a catro maxistrados/a do TC e damos a benvida a outros/a catro. Pero, ademáis de a Casas Baamonde, da que a miña opinión é ben coñecida, permítaseme salientar a saída dun maxistrado do grupo “conservador”, Vicente Conde Martín de Hijas, un xurista extraordinario. Pero, ademáis, unha persoa libre e recta de criterio. Xusto do que abomina o noso señor opinante de hoxe. Prefire que os novos maxistrados electos a proposta do seu grupo sexan máis ben persoas dóciles que lle collan o teléfono e que atendan as súas consignas. A liberdade de criterio de Conde Martín de Hijas, que mesmo lle valeu para non chegar el a presidente do TC incomódalle ao exministro de Defensa. Por que insiste tanto na designación de Enrique López? Por gran xurísta ou por “chico obediente”?
Da noxo pensar que en xente como o líder de Perejil repousa a responsabilidade da designación da nosa Corte Constitucional.

10 ene. 2011

TURQUÍA

Onte apareceu no País un artigo moi interesante asinado polo Nobel turco Orhan Pamuk relativo ás relacións de Turquía con Europa e coa Unión Europea. Pareceume un testemuño rotundo do fracaso de Europa nos últimos anos e da incapacidade da esquerda europea para dar rumo ao noso soño integrador.
É obvia a frustración da xente deste país coa real politik das  institucións europeas, capitaneadas pola República Francesa, que hoxendía está a traizoar totalmente a súa historia e a súa bagaxe cultural co liderado das posicións de rexeitamento ao ingreso da Nación de Ataturk. Da noxo que un presidente que ten os seus devanceiros no leste teña tan pouca sensibilidade á idea fundacional da Unión Europea. Pero máis noxo da a nosa incapacidade de integrar realidades culturais e relixiosas distintas. Todo un indicador do mal que están os dereitos civís e de cidadanía nestes escuros anos todo ao longo de Europa.
Que se ceiben os sentimentos integristas e antieuropeos alén do Bósforo é a nosa exclusiva responsabilidade, e non a dun pobo que xa desde comezos do século XX apostou por unha identidade laica. Seica aínda estamos a tempo de cambiar as cousas, pero pode que xa sexa demasiado tarde. Ao final, se van impor os políticos máis intransixentes que querían unha Europa exclusivamente baseada na súa identidade cristiá. Eu aborrezo destas orientacións e vexo que imposible vai xer integrar as nacións da costa Este do Adriático con esta clase política de tan pouco nivel que temos.
E desde logo, a identidade cultural de Europa queda moi amputada sen a aportación do berce da metade máis fértil, durante moitísimos anos.