31 may. 2010

QUE REFORMA LABORAL?

As institucións internacionais, FMI e OCDE á cabeza, levan tempo urxindo unha reforma laboral. Mesmo o Reino de España ten que render contas ante a reunión dos ministros de economía e finanzas. No ámbito interno, tamén moitas institucións, capitaneadas neste caso polo Banco de España, se pronuncian na mesma liña.
Nesta conxuntura, as partes sociais manteñen aberta unha mesa de diálogo social da que non cabe esperar froito. E o Goberno do Estado expresa que vai actuar impondo unha reforma laboral. A estas alturas, e por moitos desmentidos que haxa, a probabilidade de que se publique no BOE un Real Decreto-lei a mediados de xuño é moi grande. Máis ben se diría que poucas posibilidades existen de que non se produza.
Hai acordo, non cabe dúbida, en temas importantes, básicamente nun: o desemprego xuvenil. Que é un dos principais retos do noso mercado de traballo é obvio, os datos son moi elocuentes. O que sucede é que a diagnose está clara; o que non están nada claras son  as medidas paliativas e curativas. Todo o contrario, do documento do 12 abril se deduce que o Goberno non sabe que facer exactamente.
Tamén as posicións están pertas na implantación do sistema alemán da reducción da xornadas (kurtarbeit). A ver que regulación se impón, para que a súa efectividade sexa maior que a dos EREs suspensivos, básicamente nas pequenas empresas.
Do demáis, todos son desencontros: modificación nas causas do despido, xeralización do contrato para o fomento da contratación indefinida, redefinición das causas dos contratos temporais, legalización das axencias privadas de colocación, trasposición da Directiva de empresas de traballo temporal...
Nesta pequena entrada non vou afondar en ningún destes temas, queda para outro día. O que si quero engadir é que precisamente o que non necesita o noso sistema normativo é unha -outra- reforma de flexibilización do despido. Quizáis, algún cambio no réxime dos despidos colectivos, ao fin de desincentivar certo tipo de acordos en fase de consultas. Ou, en todo caso, precisaría de modificacións para porlle coto a disfuncións do sistema que producen unha forte destrución de emprego -subvencións do FOGASA ao despido e recoñecemento  da improcedencia do despido como reglas máis lesivas-.
O que si se precisa, en particular para a pequena empresa, é lanzar unha mensaxe de que o despido non ten que ser a única ferramenta de xestión de persoal para afrontar períodos de dificultades económicas. Máis ben, hai que facilitar certas medidas de flexibilidade interna, sempre ao servizo do mantemento do emprego.
Xa afondarei nestas cuestións.

29 may. 2010

UNHA EXPLICACIÓN MÁIS

Non é a miña intención deixar de liderar a oposición ao reitor entrante. Antes ben, de Alternativa Universitaria non me agrada nada: nen o seu modelo de Universidade, nen o seu suposto progresismo nen as súas políticas prácticas. Pero lle pido a todo o meu colectivo que deixa á marxe calquera sentimento de xenreira polas friccións de campaña. As houbo, claro, e síntome máis vítima que actor das mesmas. Porén, manter a tensión por iso non é bo para contruírmos o futuro.
A min me venceu Salustiano Mato, pero non me convenceu. Non acredito no seu programa. Tampouco no seu equipo. Con todo, temos que facer unha oposición construtiva. Desprezo as políticas, tan de moda nestes días, de canto peor mellor. A Universidade ten urxencias e oportunidades nestes meses: Campus do mar, finanzamento universitario e negociación coa Xunta, titulacións, definición de centros...Nestes temas temos que estar ao carón do noso reitor. Que teña el éxito vai significar que o teñamos todas e todos nós.
Ao mesmo tempo, logo de repensar os resultados máis en frío, teño que recoñecer que son un reto e unha esperanza de futuro. Quizáis eu son aínda demasiado novo, quizáis irrumpín moi de súpeto como líder dun grupo. O que si teño claro é que levei un moi bo equipo, un moi bo programa e que fixemos unha boa campaña. Non me arrepinto de nada do feito.
Xa que logo, vou articular a oposición, aínda que sen presas. Vou coordenar Nova Universidade, cando menos a curto prazo, e agás que o grupo non me renove a confianza. No medio prazo xa pensaremos na estratexia. É cedo para falar.
O que si quero engadir: fun vencido, pero non derrotado. Manteño a miña crenza nunha Universidade máis xusta, máis solidaria, máis académica, máis investigadora, máis integradora, máis socialmente responsable e máis comprometida coa súa contorna. En todo o que non ten sido nos últimos anos.

21 may. 2010

PECHE DE CICLO

Logo dos resultados de onte, dos que ninguén dubide que foron peores do que eu agardaba, non ten moito sentido manter as características que tivo o blog ata agora mesmo. Basicamente, nos vindeiros meses non vai ser a política universitaria da UVigo tema fundamental, senón outros, e moi nomeadamente as políticas sociais e as relacións laborais.
Xa que logo, supoño que a meirande parte da xente que seguiu o blog nestes meses se vai baixar do carro. Saúdos e grazas. Foi unha experiencia, algo estresante pero aleccionadora para min. Vou seguir as pautas de blog dalgúns dos meus colegas. Oxalá alguén manteña algún tipo de interese. Os comentarios tamén serán benvidos neste novo ciclo.
Aperta.

18 may. 2010

CARTA DE FIN DE CAMPAÑA

Prezad@s compañeir@s:

Chego esgotado ao final de campaña. Foron  moitos días de conversas, de escoita, de proposta, de traballo. En fin, de construírmos Universidade. Antes que nada, meu pensamento está no meu rival, Salustiano Mato. No último día, unha aperta fraternal. Somos membros dunha mesma comunidade. E queremos o mellor para a nosa institución. Mais que enxerguermos desde ópticas diversas as prioridades.

Dito isto, pido o voso voto para Nova Universidade. Non é tempo de lembrar a nosa oferta programática, ben visible e dabondo coñecida. Pero si de pór énfase nas nosas preocupacións fundamentais. Quero deixarlle ao vindeiro goberno, no 2014, unha Universidade máis comprometida coas súas persoas. Unha Universidade na que as carreiras profesionais, de PDI e de PAS, existan. Na que os cadros de persoal dean resposta aos retos que ten esta institución. E na que exista un mapa de titulacións, de grao e posgrao, complementarios os uns dos outros e que garantan a profesionalidade e a mellora continua das carreiras profesionais das nosas egresadas e egresados.

Quero unha Universidade europea e aberta ao mundo. Galega, por riba doutras consideracións. Que participe solidariamente do sistema universitario galego en comuñón cos nosos irmáns e irmás de Compostela e da Coruña. Aposto por unha Universidade pública, que crea nas súas propias posibilidades e que confíe na súa propia xente. Que non percure fóra o que xa ten dentro. Enraigañada na nosa contorna, xunto cos actores socioempresariais, públicos e privados, co mundo da cultura, da comunicación e do deporte. Arelo unha Universidade responsable nas súas políticas sociais corporativas. Responsable tamén medioambientalmente.

E quero unha Universidade aberta, democrática e participativa, escola de democracia e de participación. Berce de cidadáns e cidadás comprometidos coa defensa radical dos dereitos fundamentais. En particular, da liberdade de expresión e pensamento. E na que defendamos a igualdade por mor de sexo-xénero, para que quizáis nosos bisnetos poidan enxergar unha sociedade igualitaria. Igualitaria tamén coas minorías, coas persoas discapacitadas e coas xentes económicamente desfavorecidas.

Pido o voso voto, en suma, para dirixir a Universidade estes catro anos decisivos. Para superar os nosos retos e as nosas debilidades, tan recoñecidas unánimemente en todos os indicadores públicos. Desde a humildade, non desde a autocomplacencia. Pero con ambición no noso futuro. Quero mandar unha mensaxe portadora de esperanza, porque o futuro é noso. Da xente que traballa, moitas veces no máis absoluto desleixo e falto do recoñecemento e agarimo por parte da súa propia institución.

Porque, toda a nosa xente paga a pena, vota, con +KBZA.

Por unha Nova Universidade.


Grazas pola vosa confianza. Estou certo de que as urnas se inzarán de votos de cambio.


Jaime Cabeza

Peche de campaña

NOVONEYRA


A personalidade de Uxío Novoneyra, logo xa do décimo cabodano do seu pasamento, é toda unha paráfrase do día tan especial que se viviu hoxe en Galicia. Un día das letras distinto, moi afastado do espírito fundacional do centenario da publicación de Cantares Gallegos. Terra e lingua simbolizadas nunca mellor que hoxe na figura do poeta do Courel.
Morreu o home, pero emerxeu o símbolo. A Galicia dos devanceiros que xacen na longa ringleira de camposantos que van desde a súa terra ata Compostela e que nos esixen manter o facho da nosa identidade. Do noso pobo que, alén doutras diferencias, ten lingua e terra. A terra dos eidos que os labregos traballaron arreo. E da lingua que defenderon coa fala, súa e nosa.
Hoxe non estiven en Compostela. Porque hai prioridades nun mundo de pequenas renuncias. Quizáis porque a miña paixón militante é baixa nunha conxuntura na que un ten que escoller sempre entre un modelo de sociedade e un modelo de nación. Porén, un ten que conter as bágoas diante do testemuño da súa vida, a de Novoneyra. Para el todo foi coherencia, no sentimento social e nacional, no seu mundo dialéctico.
Con seguridade, en poucos anos lembraremos nun 17 de maio ao outro gran bardo galego, Manuel María. As dúas almas xemelgas que deixaron  un inmenso baleiro no noso mundo poético. Que daquela o 17 maio sexa menos reivindicativo será sinal de esperanza. De que algo mudou para ben. Polo de agora, Novoneyra é un símbolo da loita pola nosa lingua. Hoxe e sempre. Nos eidos e nos fogares nos que existirá para sempre.

16 may. 2010

¡QUE VIENE EL COCO!



Quen non sufriu de neno a ameaza destes mostros infantís que nos causaban pesadelos? O coco non viña, pero existía desde logo nos nosos soños.
Esta imaxe é a que mellor pode reflectir a campaña de intoxicación que está sucedendo nestes últimos días ao redor da nosa candidatura e impulsada por xente da que non cabe dubidar que intereses defende. Eu non teño capacidade física de saír ao paso de tanto infundio como está  a chover. Que se imos suprimir o programa de xubilacións anticipadas, que se imos pechar os mestrados profesionalizantes de Enxeñería Industrial, que se vamos suprimir certos servizos deportivos…Cantos haberá que eu non saiba!
Polo tanto, á comunidade universitaria lle teño que dicir, como xente adulta, que o coco non existe. Que o venres vai emerxer un goberno de Nova Universidade que ten un programa dabondo público no que non hai páxinas segredas e que vai despexar esta mesta néboa de falsidades. Que Nova Universidade ten unha folla de rota clara que xa fixo pública.
En particular, ao alumnado, quero dicirlle que vote masivamente. Eles pretenden condicionar o voto do seu público máis cautivo con imputacións que se desmontan por si mesmas. Pero hai unha inxente maioría lonxe do seu control que ten que votar cambio, por unha Universidade máis limpa e transparente.
E, á nosa militancia: que non caiades na tentación de respostar coas mesmas prácticas. A lexitimidade dun goberno ten que ser, por riba doutras consideracións, ética. A verdade é o único camñno para vencermos. Porque somos mellores, tamén nas nosas actitudes de campaña.

13 may. 2010

Entrevista Duvi

enlace á información

Os que non lles gustou o vídeo da "amante de Tano" son "pouco intelixentes" según...

O decano de Belas Artes e candidato á vicerreitoría de Estudantes. Sen comentarios sobre esta afirmación.

10 may. 2010

DEBATE DE ESTUDANTADO

Hoxe celebramos o debate organizado polos Comités. Quero felicitar públicamente ao moderador, Iago Varela, que exerceu o seu labor con rigor. E agradecerlle á xente que asistiu ao acto a súa actitude. Coido que de novo asistimos a un exercicio de democracia moi aconsellable nos tempos que corren. O formato foi diferente a encontros anteriores, e bastante acaído para o caso do estudantado.


Cada un pode xulgar o que escoitou. Eu, desde logo, son o menos indicado para facer valoracións de conxunto. Simplemente, quixen reflectir as liñas mestras dun programa longamente debatido con asociacións e delegacións de alumnas/os. No caso dos Comités, os seus obxectivos programáticos atoparon eco na miña primeira intervención para logo, entrar na quenda de réplica e nas preguntas do auditorio.

Quero salientar en particular as preguntas que nos fixo o auditorio, porque reflicten problemas reais: déficits nos cursos de maiores, problemas de adaptación do grao, descoito cara aos egresados de Ciencias do Mar, insuficiencias na titulación de Traducción e Interpretación, incertidumes dos estudantes de diplomaturas…O feito de descoñecermos os que debatíamos o contido das preguntas deu, desde logo, máis vivacidade ao acto.

Logo están as cuestións más programáticas. Penso que quedou clara a nosa aposta por unha universidade pública, democrática, galega e de calidade. E penso, ademáis, que a proposta de Nova Universidade vai supor un empurrón a moitas iniciativas que, polo ben do alumndo, hai moito tempo que tiñan que estar desenvolvidas.

DEBATE ORGANIZADO POR COMITÉS


Esta mañá durante a celebración do debate organizado por asociación de estudantes "Comités"
Foto de Digna Besadío (descargada do DUVI)
enlace noticia

9 may. 2010

O DÍA DE EUROPA

Xa hai 60 anos da declaración de Robert Schuman! Se hoxe vivise, tería un forte desacougo polas tensións que ten a idea de Europa e pola miopía duns xefes de goberno sen a amplitude de miras necesaria como para avanzar decisivamente na integración europea.

Hoxendía, cando moitos dos gobernantes do Leste de Europa conciben a Unión como un mercado para os seus bens e servizos e como un dos caladoiros financieiros nos que obter uns fondos para o seu desenvolvemento –como foi o caso do tráxicamente finado L. Kaczynski ou é o do presidente checo V. Klaus-, é certo que os seus homónimos occidentais tampouco lle queren mellor ás políticas máis desenvolvidas para artellar o vello soño europeo. A hostilidade de Merkel e de Sarkozy cara á integración de Turquía é un exemplo sobranceiro da pouca xenerosidade coa que hoxe se vive dito soño.

Recén rematado o informe de sabios presidido por F. González, as súas conclusións, mais que pesimistas, son unha folla de rota para adoptar opcións estratéxicas de futuro. Desde logo, algúns quixéramos un prantexamento máis social. Pero sen dúbida os principais problemas son institucionais. Non tanto do aparello normativo canto da confianza nas propias institucións. O mellor reflexo é o moi baixo perfil que lles deron aos novos cargos as personalidades dos cadanséus titulares –Van Rompuy e C. Ashton-.

Con todo, a entrada en vigor do Tratado de Lisboa o 1 decembro 2009 afortalou algo o marco xurídico. Cando xa pasou o Ecuador da presidencia do Reino de España un pensa que a febleza das decisións deste semestre tería sido maior cos vellos Tratados. Falando de Europa, sempre queda o pequeno consolo de que, paseniñamente, pero algo se avanza.

Neste contexto, habería que espallar na Universidade de Vigo algo máis de adhesión e complicidade cos procesos de integración europea. E reparar en que a nosa posición ten que ser máis interactiva e de pertenza. Os proxectos europeos son unha das nosas grandes asignaturas pendentes, por máis que algo se ten avanzado nos últimos anos. E, desde logo, a mobilidade de estudantes e PDI. Que nos catro anos seguintes obteñamos resultados moito mellores nestas estratexias vai ser unha das fundamentais varas de medir o progreso da nosa institución.

As mesmas promesas do 2006


View more documents from guestf7b28f5.

Recortes prensa

ELECCIÓNS NO REINO UNIDO, LIBERAIS E CONSERVADORES

Case foi unha sorpresa que Nick Clegg non obtivese mellor resultado electoral, logo da súa campaña e dos debates que mantivo con Cameron e con Brown. A min non me sorprendeu. De feito, se ao final se coaliga cos tories, como semella que vai suceder, non penso que vaia deixar unha pegada moi forte na orientación do goberno.

Non vou falar do sistema electoral inglés, tradicional e bipartidista, non. Vou falar do pensamento ideolóxico do Conservative Party. Na súa mensaxe, o liberalismo económico radical e ortodoxo fai que o espazo dos liberais se reduza en moitísimo. Os tories mesturan un tradicionalismo social moi forte e un agarimo ideolóxico ás súas tradicións, e, ao mesmo tempo, unha fe absoluta nas leis do mercado.

Eu lle recomendo á xente un libro do 1990, Legislating for conflict, de Auerbach. Neste libro se fai análise do paralelismo entre as propostas teóricas de F. Hayek no seu libro Law, Liberty and Legislation e a praxe política do gabinete de Mrs. Thatcher. Unha praxe orientada a varrer o intervencionismo estatal en todos os eidos da vida, froito, como dixen, das súas conviccións liberais.

Hai unha película moi coñecida, Full Monty, que reflicte o ambiente moi pobre da bisbarra de Sheffield e o desmantelamento dos servizos de emprego, froito destas orientacións tan desprotectoras do goberno Thatcher. Logo veu o seu epígono, Major, que protagonizou as máis tristes esceas do desapego inglés ao proceso de constitución da Unión Europea.

Neste contexto, que o Labour Party deixe o goberno con toda probabilidade prantexa certas dúbidas. Non tanto a da pouca adhesión dos tories á Unión Europea, cuestión ben coñecida e que desde logo vai lastrar o desenvolvemento das políticas de integración. Pero si de derrubo do tecido de protección social que desde 1997 foi construíndo o gabinete primeiro de Mr. Blair e logo de Mr. Brown.

É un lugar común falar, desde que Blair abriu a “Terceira Vía” do New Labour, da pouca convicción de esquerdas do Labour Party. Probablemente, algo de razón haxa nesta liña de opinión. Sempre o Reino Unido foi o Estado europeo menos regulado. Porén, o seu labor vai ser máis recoñecido cando comece, probablemente, ese proceso de derrubamento que aventa un goberno tory. Sen dúbida, nen Blair nen Brown foron gobernantes da altura intelectual e moral de H. Wilson. Pero son, a fin de contas, laboristas.

A linguaxe dos tecnócratas do mercado é engaiolante- É unha mágoa que moita xente se deixe seducir por ela e, mais ceder nos seus principios, se autodefina aínda así como “progresista”. Ese adxetivo que, manoseado, deixou de dicir algo xa hai moitos anos. Deus nos protexa dalgúns progresistas!

7 may. 2010

alumnos vigo

ALUMNOS DEREITO ECONÓMICO CON JAIME
Sheila, Diego e Gerardo


ALUMNOS VIGO (Ángel, Kolo, Jorge, María, Sandra, Iria, Lucas, Melca, Zhong e Martín)


 

ALUMNOS DE FILOLOXÍA E TRADUCCIÓN CON INMA
Zhong, Jorge, Lucas, Inma e Martín (foto esquerda)
ALUMNOS DE INDUSTRIAIS CON ALEJANDRO e ALFONSO
Jorge e Kolo (foto dereita)
ALUMNAS QUÍMICAS (Melca, Iria, Aida e Isabel)

en Torrecedeira

recortes hoxe

cos alumnos do campus de ourense

4 may. 2010

PRESENTACIÓN DO VÍDEO DE CAMPAÑA. CONCEPTOS



Figuración real e rodaxe en alta definición, unha aposta pola comunicación publicitaria audiovisual.

SOLIDARIEDADE COS ESTUDANTES DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN E DO DEPORTE

NOTA A MEDIOS

candidato a reitor pola formación Nova Universidade, Jaime Cabeza, manifesta a súa solidariedade cos estudantes aos que se lles negou un espazo para unha asemblea hoxe na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, e pide “respeto a un dereito tan básico e fundamental, como é o dereito a reunión” nunha Universidade pública.

Cabeza recorda que “calquer decano en funcións, como é o caso do aínda responsable da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, debe ser consciente das súas obrigas e non renunciar ás mesmas, mais que se perdan unhas eleccións” e “saber administrar con elegancia a súa derrota, sen manifestar ningún tipo de represaria contra os que, libremente, se expresaron nas furnas”.

O líder de Nova Universidade afirma que “é esencial non crear baleiros de poder nen situacións de ausencia de servizo público, pois non debemos esquecermos de que, antes que nada, somos servidores públicos”.

Jaime Cabeza manifesta o seu compromiso firme co recoñecemento a participación e representación do estudantado en todos os órganos da Universidade de Vigo, como principio inquebrantable.