31 ene. 2010

XUBILACIÓNS

De novo se pon en marcha a engranaxe de modificación do sistema de Seguridade Social e se quenta un debate que requeriría máis sosego e menos ideoloxía da que moita xente lle quere aportar. Porque, con todas as súas contradiccións, o sistema de Seguridade Social é o sinal de identidade máis fundamental que ten o noso Estado Social. Xogar a aprendiz de bruxo nesta materia é un exercicio ben irresponsábel e pouco construtivo. O modelo de reforma constante e consensuada implantado cos Pactos de Toledo a partires do 1995 constitúe a garantía de que se manterá o sistema público de Seguridade Social, que herdarán os nosos fillos nesta sorte de solidariedade interxeneracional que supón o sistema público.

Temos ventaxa con outros Estados europeos. O noso baby-boom adiouse ata os anos sesenta e a xeración que se está a xubilar estes anos é a da posgruerra, isto é, a que non naceu. É por iso que os riscos e os desequilibrios do noso sistema resultan, a día de hoxe, menos inmediatos do que sucede, vg., en Alemaña ou en Francia. Porén, hai que estar vixiantes para asumirmos cantos menos perigos mellor. E, no Método Aberto de Coordenamento artellado a nivel europeo, intercambiar información e boas prácticas e planificar e avaliar en común. É certo que outros Estados, como a República Federal de Alemaña, xa adiaron a xubilación aos sesenta e sete anos.

Terémolo que facer nós? Probablemente. Ou, máis ben, case seguro que si a medio prazo. Quixera lembrar que cando se estableceu o primeiro seguro público de xubilación no Reino de España, o Retiro Obreiro do 1919, a ida de retiro era de sesenta e cinco anos. Mais nun tempo no que a esperanza de vida roldaba os 45 anos. A xubilación muduo desde aquela a súa significación moitísmo, pero non se pode dicir que sexa ilexítimo discutir este tópico. Tamén é certo que os 65 anos constitúen un dos elementos máis simbólicos do noso sistema de benestar.

O documento do Goberno abre unha reflexión, con outros factores: cálculo da base reguladora –que conten máis de quince anos para calcular a contía da pensión- limitacións necesarias das prexubilacións, reformas importantes na viuvez –hai que cambiar radicalmente o modelo- e na orfandade-. Eu engadiría algúns máis necesarios, entre eles a avaliación dos efectos da xubilación anticipada, o cuestionamento do modelo do desemprego, ou a entidade das prestacións familiares. Dito documento vai ser obxecto de debate na subcomisión do Senado dos Pactos do Toledo, de negociación nas mesas de diálogo social e de discusión parlamentaria. Sen dúbida, neste longo camino parte dos obxectivos máis radicais se van limar.

Con todo, que desde 2013 se introduza paseniñamente un alongamento das vidas activas e un afastamento da idade de xubilación ordinaria, ao redor de dous meses por ano, non supón un cuestionamento do noso modelo de benestar. É unha ferramenta máis, como o cerco ás prexubilacións ou outras medidas para que, de feito, as persoas traballadoras se aparten do mercado de traballo aos sesenta e cinco e non aos sesenta e dous anos e medio. No fondo, a única pregunta encol da idade ordinaria é se ese proceso de retraso aos sesenta e sete anos vai comezar no 2013 ou no 2020-2025. Porque quizáis, e na miña opinión, aínda hai marxe para esperar uns anos.

E logo están outras medidas para facer un mercado de traballo máis inclusivo e para que máis persoas contribúan: emprego da xuventude, da muller, da poboación inmigrante, traballo sulagado, estabilización de contratos temporais, prestacións familaires e de natalidade –mellor servizos de gardería que subsidios-…No fondo, o debate da sostibilidade da nosa pirámide poboacional.

Un comentario interno: o día de Santo Tomé fixemos doutor honoris causa ao profesor Yasumoto, cuxo padriño foi José Antonio Rodríguez Vázquez. Todo un símbolo na nosa Universidade. Este ano se xubila el, e tamén outro exreitor, Luis Espada. Quizáis se lles nomee eméritos, oxalá! Desde logo, ningún dos dous adiantou a súa idade de xubilación. E que manteñan, en todo caso, o sentimento de pertenza á nosa institución! Pero cómpre reflexionar de cómo facerlle máis atractivo o mantemento da carreira universitaria ao PDI que ten tamén a posibilidade de acollerse lexítimamente a programas de xubilación anticipada.

29 ene. 2010

NOTA DE PRENSA: "CABEZA AGRADECE QUE AS ELECCIÓNS SE CELEBREN ANTES DOS EXAMES DE MAIO E XUÑO"




Jaime Cabeza amosa a súa satisfacción tras o encontro mantido esta mañá co reitor saínte, Alberto Gago, e co candidato doutro grupo polo feito de que, finalmente, as eleccións á Reitoría se desenvolvan segundo un calendario previamente consensuado, que logo terá que ser aprobado polos órganos competentes. Tamén, porque se produzan as votacións con anterioridade ao comezo dos exames de fin de curso.

Ademáis do calendario electoral, na reunión tamén se abordaron temas como as inauguracións previstas, sobre as que Cabeza recoñeceu a total lexitimidade por parte de Gago a darlles relevo, sempre que se limitasen a un plano estritamente institucional e contando cos representantes das dúas formacións que se presentan ás eleccións. Gago concordou con Cabeza en que invitaría aos dous candidatos pois a “Universidade é cousa de todos e un proxecto común” polo que seguirían a traballar todos os presentes.

Cabeza reiteroulle ao reitor o seu apoio incondicional en dúas cuestións estratéxicas como son o plan de financiamento e o campus de excelencia internacional cidade do mar. “Na universidade hai cuestións nas que estamos todos implicados, e estas son dúas básicas para Nova Universidade nas que estivemos e seguiremos estando nunha posición de consenso por riba da convocatoria electoral”.

O candidato de Nova Universidade dixo, en resposta a preguntas dos xornalistas, que este “tipo de reunións son moi positivas e unha boa práctica” de partida no proceso que se inicia. Neste senso, Cabeza sinala que Nova Universidade está a piques de rematar a elaboración do programa electoral e que nos últimos dous meses xa visitou máis da metade dos centros da Universidade Vigo. Igualmente Jaime Cabeza está a pechar o equipo co que concorrerá a estes comicios.


28 ene. 2010

Seguimos visitando centros

Jaime Cabeza, minutos antes de comenzar a reunión con docentes en Ourense



27 ene. 2010

MOITA ATENCIÓN A DATA. Os alumnos deben ter facilidades para votar.

O venres na reunión prevista co rector saínte falarase da data convinte para as eleccións.
Hoxe os medios recollen a nosa inquietude dun posible alongamento do mandato ata finales de maio o que faría que a cita fose difícilmente concorrida dada a coincidencia cos examens dos alumnos.



ROLDA DE ENCONTROS EN CENTROS

A pretensión é recoller impresións nos centros e dar a coñecer os eixos programáticos que centran o discurso de Nova Univeridade. É unha oportunidade para que as voces sexan escoitadas e os proxectos comprendidos e debatidos.





24 ene. 2010

RESPONSABILIDADE SOCIAL E UNIVERSIDADE

Temos que introducir canto antes este debate na nosa institución, relativo á función social que debe desenvolver no contexto dunha sociedade e dunha economía globalizadas, como globalizadas están asemade a educación e investigación universitarias. A responsabilidade social tenta dar resposta aos aspectos máis vocacionais dunha entidade que quere algo máis que cumplir a normativa vixente. Quere establecer un código interno de mellora de aspectos esenciais das súas relación coa sociedade e co mundo.

A Universidade ten que ser modelo de bo goberno. Bo goberno implica moitas esixenzas. Entre outras, desde logo, unha xestión que se basee na transparencia informativa a todos os niveis e nunha acaída utilización dos nosos recursos. Como exemplo, na decisión e execución dos investimentos necesarios, na priorización duns ou doutros, na opción pola austeridade como sinal de identidade. E, polas connotacións tan especiais e estratéxicas, implica unha vocación fundamental pola sostibilidade. Sostibilidade social, no respeto polos dereitos individuais e colectivos. Sostibilidade medioambiental, no deseño de políticas de conservación dos recursos. E sostibilidade económica, cunha planificación e execución que garantan a eficiencia na asignación das achegas e na consecución dos obxectivos de docencia, investigación básica e transferencia de tecnoloxía.

Quixera insistir algo máis na sostibilidade social. A Universidade de Vigo debería ser modelo na xestión das persoas . Debería asumir unha vocación intensa polo coidado das carreiras académicas e profesionais e dos dereitos laborais dos seus servidores públicos. Debería concebirse como unha escola de democracia na que o estudantado vivira unha formación en valores cidadáns e de integración social. E debería erixirse como líder nos proxectos de cooperación internacional. Debería, en fin, concebirse como defensora radical dos dereitos fundamentais das persoas.

E tamén hai que insistir na sostibilidade medioambiental. Canto hai por facer neste eido de actuacións, alén da constitución deste cadaleito vivinte que ven sendo desde hai anos a OMA! Residuos, contaminación, impacto medioambiental, eficiencia no consumo enerxético son outras tantas disciplinas nas que non aprobamos ata o de agora por avaliación continua. Temos que facer un esforzo extraordinario para aprobar na convocatoria extraordinaria que aínda nos queda.

A responsabilidade social ten que ser máis que eixo programático. Ten que ser un concepto transversal que conxugue unha pluralidade de políticas que melloren a nosa institución e que fagan que nos sintamos algo máis enchidos por pertencer a ela. Non para fachendear diante de ninguén, senón para estarmos seguros de que contribuímos a deixar o mundo algo mellor de como está hoxendía.

17 ene. 2010

Particípovos do artigo que publiquei hoxe na prensa

Práceme que haxa certos temas de interese xeral nos que o consenso amosa que somos, por riba doutras cousas, unha comunidade. Nalgúns proxectos comúns ilusionantes a implicación unánime do colectivo da Universidade de Vigo, ademáis afortalado por outras institucións da nosa contorna e pola sociedade civil, é sinal de esperanza. O Campus do Mar entendeuse desde o Claustro Universitario, co gallo do informe anual que presentou no pasado decembro o reitor saínte, como un reto ao que debíamos encamiñar os nosos esforzos. Así o fixemos, e asumimos o compromiso de afastalo da contenda eleitoral e das liñas programáticas duns e doutros.


Desde a perspectiva de Nova Universidade, Campus do Mar constitúe o obxectivo estratéxico no eido da investigación máis importante que a nosa institución ten diante no curto e medio prazo. Nós sumámonos ao consenso coa arela de que sexamos líderes dunha estrutura investigadora que constitúa sinal de identidade e testemuño de capacidade investigadora e integradora. Que ademáis o campus adquira unha condición transfronteirizca coa implicación doutras entidades do Espazo Europeo de Educación Superior supón aínda máis doses de ilusión. Á fronte deste proxecto, en calidade de comisionado, o profesor Emilio Fernández, un dos investigadores con traxectoria máis recoñecida e consolidada da nosa institución, conta coa adhesión e apoio total duns e doutros. Hai, desde logo, elementos para sermos optimistas. O éxito do comisionado vai ser, por ventura, o éxito noso.

Xa que logo, complicidades e consensos en temas fundamentais. Como foi o caso dos Estatutos da Universidade de Vigo, xa ratificados polo Consello da Xunta esta mesma semana e, polo tanto, a piques de ser norma vixente. Un texto básico que, mais as debilidades que poida ter, ostenta a virtude de nacer dun pacto e un acordo moi amplo no eido dos tres colectivos que conforman a nosa institución. Non podía ser doutro xeito: desde Nova Universidade entendeuse que unha colaboración leal na comisión que elaborou o texto e nos órganos polos que transitou ata o Claustro melloraría o resultado final. E tamén o entendeu así neste caso o equipo de Goberno.

E noutro ámbito de toma de decisións, levamos tempo demandando que haxa complicidades e acordos entre os tres reitores das Universidades galegas. Endexamais se pode dicir que o consenso estea rachado no noso sistema universitario. É por iso polo que quero expresar, no nome do meu grupo, o agradecemento pola nova rota de entendemento que esta semana encetaron Barro, Barxa e Gago. Aos tres. E ademáis, porque se pospoñan conflitos impropios de tempos de estreituras económicas.

Unha boa reflexión, en sintonía


Os soños de Alternativa e a realidade que non aconteceu


13 ene. 2010

NOTA DE PRENSA. NECESIDADE DE QUE GAGO CONVOQUE XA ELECCIÓNS

Advirte que non se utilice a institución para facer campaña


O candidato a Reitoría da Universidade de Vigo por Nova Universidade, Jaime Cabeza, pídelle ao reitor saínte, Alberto Gago, que, “agora que por fin parece que resolveron meridianamente, despois de tres meses, o tema da presentación do candidato da súa formación”, anuncie “canto antes” a data de celebración das eleccións, “para que todos teñamos moi claras as reglas de xogo e os seus prazos” e “poidamos concorrer en condicións de igualdade e transparencia”.



Neste senso, o candidato de Nova Universidade pídelle ao reitor saínte que, a partires de agora, manteña unha posición “estritamente institucional” e “non caia na tentación” de utilizar a Universidade de Vigo, os seus funcionarios, persoal laboral ou recursos, “para facer campaña en favor do candidato de Alternativa Universitaria”.



“Estaremos vixiantes para que isto non suceda e para que se respeten as distintas normas que regulan a utilización de campañas de logros e autobombo” por parte dos que están no poder e que “impiden a utilización de imaxes ou símbolos asociados ao mesmo” porque, advirte o candidato, “debe quedar ben claro que Salustiano Mato non é o candidato da Universidade de Vigo, senon un candidato máis, que tan siquera estivo na Universidade durante os últimos anos”.



Cabeza lembra que “apenas quedan catro meses” para esgotar a lexislatura e “non é de recibo que aínda non saibamos a data das eleccións”, porque “se outros non fixeron os deberes, alá eles”, pero “a comunidade universitaria ten dereito a dispor de toda a información necesaria de cara ao vindeiro proceso electoral”, xa que as eleccións “son sempre unha oportunidade para o contraste de ideas, algo bo e natural, mal que lles pese a algúns”.



En concreto, o candidato de Nova Universidade refírese ao feito de que o candidato de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, utilizando como pretexto a “crise económica”, considerase unha “perda de tempo” que na actualidade dous candidatos distintos cheguen a competir nunhas eleccións a Reitoría e non pacten unha candidatura única. “Se queren falar da crise, adiante, comencemos polos soldos da Xerencia e demáis altos cargos, pero que non cuestionen o sano exercicio da democracia nunha institución que, se algo precisa nos últimos tempos, e de máis debate e crítica contra calquer intento de instalar o pensamento único”, agrega Cabeza.



Jaime Cabeza salienta que “Alternativa Universitaria leva 12 anos gobernando a Universidade de Vigo e agora presenta un candidato que mesmo fala do que nós levamos moito tempo denunciando, da falta de implicación social, empresarial e institucional da Uvigo”, poñendo en evidencia que “non hai máis ´Alternativa´ que a do cambio”. “Un cambio –conclúe Cabeza- auténtico e de verdade, porque o resto é pretender aplicar a lei de Lampedusa, cambiando algo para que todo siga igual”.



Saúdos,

Gabinete de Comunicación de Nova Universidade

Contacto: santome@uvigo.es

11 ene. 2010

TANO SEN TINO



Benvida a esta declaración, realista e coherente, do reitor saínte sobre a posibilidade de plantexar unha facultade de Medicina para a UVigo. En cuestións deste tipo, a demagoxia e o populismo poden ser o camiño máis doado, pero non sempre o mellor. E as probas me remito...

 

Sobran palabras. Esto saíu publicado hoxe 14 de xaneiro de 2010.


7 ene. 2010

BOAS NOVAS NA SEGURIDADE SOCIAL: PRESTACIÓN POR CESAMENTO DE ACTIVIDADE DO TRABALLO AUTÓNOMO

O día 23 de decembro pasado o Consello de Ministros aprobou un proxecto de lei polo que se lles recoñece ás persoas autónomas a prestación por cesamento de actividade. A eiva máis evidente ata hoxe do noso sistema de Seguridade Social, a inexistenza de prestación por desemprego para estes colectivos, vai ser superada. É por iso que o proxecto ten que ser saudado como unha moi boa nova.
Non todo son acertos no proxecto. Non vou entrar nestas letras nos seus aspectos técnicos, pero si vou por de manifesto algún dos seus problemas e dos erros do noso sistema. Desde hai anos, e en comuñón coa Estratexia Europea de Emprego, a lexislación e a acción do Goberno tenta fomentar o autoemprego como ferramenta de empregabilidade e loita contra o desemprego. Pero para que a ferramenta sexa eficaz, ten que aportarlle á xente seguridade. A seguridade é o lexema parte do termo “flexiseguridade” que os poderes económicos e financieros tentan esquecer –e consígueno-. Os paradigmas flexíbeis de emprego –dos que o traballo autónomo é un dos máis salientabeis- precisan da seguridade de que as persoas non sexan excluídas social e laboralmente.
O noso sistema de protección por desemprego non contempla ata hoxe protección para as persoas encadradas nos reximes de autónomos. E por enriba desincentiva aínda na actualidade e penaliza as iniciativas de autoemprego, con sistemas de incompatibilidades moi estritos, con extincións prematuras da prestación e con condicións gravosas para a capitalización da prestación. É un sistema que lanza ao colectivo beneficiario de cobertura económica a mensaxe de que non tenten establecerse por conta propia.
Neste estado de cousas me sorprendeu positivamente a lectura do proxecto, porque ten rasgos de modernidade e de boa cobertura. Entre outros, que sexa obrigatoria para todas as persoas que non teñan cobertura por estar en pluriactividade –agás por desgraza, o caso do traballo por conta propia no sistema especial agrario, isto é, a meirande parte do agro galego, as nosas labregas-. Porque ten unha cotización asumíbel no eido do réxime de autónomos –o 1’5 por 100, aínda con bonificación de medio punto-. Ou que siga os paradigmas estruturais do sistema de protección por desemprego no eido do traballo por conta allea.
Ten a súa faciana escura, desde logo. Eu salientaría dúas críticas: a primeira, a súa excesiva separación do sistema de protección por desemprego. O finanzamento e a xestión das dúas prestacións –de desemprego e de cesamento de actividade- non teñen nada que ver. Desde o meu punto de vista, sería aconsellábel introducir mecanismos de solidariedade entre traballo por conta allea e por conta propia na cobertura derivada de falla de ingresos do traballo. Isto é, unha especie de “caixa única” que protexera a ambos os dous colectivos. A segunda, referida a que non se protexe o mantemento da actividade, senón únicamente o cesamento. Sería bo admitir en certos casos e con certas esixenzas a compatibilidade entre traballo por conta propia e prestación, ao fin de darlle viabilidade ao negocio.
Son dúas críticas políticas, alén dun bo feixe de críticas técnicas que habería que engadir. Con todo, hai que saudar este proxecto de lei, de contido social necesario e longamente agardado. No noso caso, o tecido produtivo galego pode ser dos máis positivamente afectados por unha reforma protectora, que ademáis xurde en tempos de crise e desalento de tantos e tantas profesionais. Un vento de esperanza.

1 ene. 2010

DECRETO DO GALEGO, quo vadis?

É inxusto, desde logo, comentar unha norma que aínda non foi publicada no Diario Oficial e da que non sabemos máis que o trazo groso que saiu nos medios de comunicación. Pero ese trazo groso me produciu, como a tanta xente galega, una preocupación xigante, que non podo deixar de expresar nunhas liñas.
Este “tripartismo” entre as linguas –galego, castelán, inglés- cheira a una apariencia de igualdade formal, que agacha unha renuncia a que a xeración máis nova teña competencias na lingua minoritaria, isto é, no galego. A ninguén lle parece mal que haxa una cuota en lingua estranxeira, e mesmo que a cuota chegue á terceira parte. Os sistemas lingüísticos máis eficientes son os que renuncian ao principio de educar na lingua nai e os que inxiren outras linguas desde o comezo. Pero tamén os que respectan e fomentan os sinais de identidade e as linguas minoritarias. Aplicar un sistema de igualdade formal é renunciar desde o principio ao obxectivo da igualdade material.
Non quero falar da miña experiencia persoal como pai de familia. Pero penso que, a pouco que recoñezamos as cousas como son, coincidiremos en que a socialización dos nosos cativos se produce case exclusivamente en castelán, como lingua do ocio, do xogo e de acceso á cultura. Certo é que a situación en Vigo é máis complexa aínda, pero o mesmo sucede nas vilas. A xeración que está hoxe na escola vai ser, no mellor dos casos, diglóxica. De feito, xa o vai ser coa normativa actual. Pero máis aínda se o proxectado chega ao DOG, que vai chegar. O Decreto non vai ser, neste senso, a causa dunha situación moi previsíbel, pero si cómplice e coadxuvante da mesma. E a xente nova que conserve o galego como primeira lingua seguirá a percibir o castelán como a lingua da promoción social, o mesmo que lle sucedeu sempre aos nosos devanceiros.
A educación infantil vai ser desagaleguizada de feito. A primaria e a secundaria estarán ao albur dunha curiosa sorte de “asemblearismo” de pais e nais, aos que se lles encomenda a decisión “técnica” de se as matemáticas ou o coñecemento do medio se imparten en castelán ou en galego. Todo iso, despois dunha enquisa que foi un engano á xente de boa fe. En fin, logo se falará de compoñendas e de “garantía” de aptitudes en galego.
Non me gustan os titulares. A acción positiva do galego ten que estar explícita no texto con medidas concretas, coercibeis e evaluabeis. Seica están agachadas debaixo dos grandes titulares. Oxalá! Pero moito o dubido. A aparienza é moi outra.