29 dic. 2010

PACTOS DE TOLEDO

Hoxe se van votar as recomendacións de reforma da Seguridade Social no ámbito da Comisión de seguimento dos Pactos de Toledo. Tiven acceso ao borrador do documento que se somete a votación. Trátase dun texto sumamente aberto, no que, desde logo, se ceiba ao Goberno para que presente, na práctica, un proxecto de lei sometido a moi poucas condicionantes. En si mesmo, este carácter demasiado aberto estaría ben se cando menos se orientaran algo máis certas actuacións políticas. Hai, ao meu xuízo, unha excesiva prudencia para non se afastar dunha linguaxe moi correcta políticamente, pero moi pouco efectiva no deseño de reformas estruturais do sistema de Seguridade Social.

É por iso que o documento non se presta a críticas moi fortes, nen tampouco a eloxios significativos. Con todo, é un texto relativamente longo, de 24 páxinas, no que se suxiren moitas ideas, e algunhas delas cun notábel grao de concreción na letra miúda, non nas grandes medidas estruturadoras. Cabe, xa que logo, formular un feixe de comentarios. Non me vou parar hoxe en aspectos concretos, senón en formular catro ideas xerais e, ademáis, en subliñar o interese de que se coñeza un texto que, teóricamente, debería ser o guieiro para saber cara onde camiña noso sistema de Seguridade Social. Estas catro ideas xerais son as que seguen:

1ª.- Hai, ao meu xuízo, unha excesiva teima na separación das fontes de finanzamento do sistema. Por exemplo, no documento se fai moito fincapé en que non se poden soster con presupostos da Seguridade Social os complementos a mínimos –esta non é unha idea nova- pero tampouco as bonificacións á Seguridade Social como medida de fomento de emprego e as actuacións concretas de xubilación anticipada. Non é que caiba criticar esta orientación en si mesma. Porén, reflicte unha idea sumamente perigosa: o principal motivo de lexitimación do sistema público consiste na súa autosuficiencia. Cando non sexa así, e cando o fondo de reserva non abonde para manter o nivel de protección social, hai que usar as tesoiras de xeito ineluctábel. Porque tampouco a Seguridade Social se pode soster con achegas orzamentarias do Estado. Neste punto, habería que lembrarlle aos e ás parlamentarias que noutros Estados da Unión Europea, que non son nen moito menos minoritarios, as pensións básicas se sosteñen con achegas orzamentarias, e non pasa nada.

2ª.- Hai una evidente relación entre o dito no número anterior e a promoción dos sistemas complementarios de Seguridade Social. A historia do noso sistema, a partir da Lei de Bases do 1963, é a dun sistema que se afortalou nos alicerces dun mutualismo laboral que desapareceu na ara do sistema público. É por iso que no Reino de España non temos apenas un nivel profesional de cobertura social. Haino que desenvolver, e así o recoñecen as recomendacións, mediante o maior estímulo aos plans de emprego do tipo dos plans de pensións. Esta idea é interesante e paréceme ben. Pero habería que engadir que diminuír o nivel de cobertura social namentres non se xeralice este nivel profesional de Seguridade Social é moi perigoso. Porque, na práctica, as persoas traballadoras son eiquí moito máis dependentes do sistema público de pensións do que o son na práctica totalidade de Estados europeos. Habería que recoñecer, xa que logo, a nosa maior dependencia da Seguridade Social pública, que desde logo debe condicionar todas as reformas restritivas.

3º.- O máis significativo do documento é unha aposta, máis o menos explícita, polo incremento do número de anos que se deben ter en conta para o cálculo das pensións de xubilación. Hai unha defensa que non comparto para nada das modificacións que se produciron en 1997 para incrementar o período de oito a quince anos. Non é que haxa que defender un período de cómputo moi breve, que desde logo, introduce un factor de aletoriedade excesivo. Pero hai que recoñecer que o período de quince anos é xustamente o que máis lle perxudica á poboación activa menos cualificada, que entre os 50 e os 65 anos adoita ter moitos problemas de desemprego estrutural. Cabería apoiar, por exemplo, un cálculo no que se computaran 20 anos, pero escollidos durante un período de 25, ou unha fórmula semellante. É dicir, unha regla na que se ampliara o tempo para calcular a base reguladora, pero que lle permitise á persoa interesada desbotar os peores anos, nos que seica ten lagoas de cotización que se van encher, no mellor dos casos, con bases mínimas ficticias.

4º.- Afóndase en aspectos de xestión, loita contra o fraude e información a cidadás e cidadáns. En xeral, son liñas acaídas e necesarias. Pero hai un recoñecemento ao meu xuízo excesivo do labor das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermedades Profesionais. Non cabe negarlles un papel importante, pero que desde logo ten moitos aspectos escuros. Habería que recoñecer que non sempre foron suficientemente leais co sistema e que a súa xestión require de certo control por parte das entidades xestoras e da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social. Con todo, hai que expresar que neste conxunto temático o borrador contén ideas de interese.

En xeral, xa que logo, o documento adoece de inconcreción. As orientacións da reforma que se albiscan nas declaracións de intencións do Goberno caben, por desgracia, neste traxe tan amplo. Son estas intencións as que producen máis arrepío e non unhas recomendacións demasiado amplas. Sen que caiba negarlles aportacións interesantes en moitos temas. Entre outros, que por primeira vez se aborda con amplitude unha perspectiva de xénero na Seguridade Social que é, a día de hoxe, inadiábel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.