18 abr 2010

UNHAS VERBAS AO FIN DA XORNADA

Cando xa caeu a noite e repousaron xa algo as actividades desta semana quero expresar unha moi breve reflexión dalgunas delas.

O mércores fixemos acto de entrega dos premios do concurso de micromovies. Ademáis de darlle os meus parabéns á xente que participou teño que salientar un feito que pon de manifesto certas eivas do noso campus. Un dos participantes que recollía un diploma non deu chegado a tempo. Cando xa pechábamos o acto entrou na sala cunha ferida nunha perna. Resulta que ten certo grao de discapacidade e comentou que as condicións en Lagoas-Marcosende en termos de accesibilidade son fatais. Que xa lle pasou o mesmo outras veces. Non se trata de botarlle a culpa a ninguén, pero si de salientar a urxencia de ter a sensibilidade necesaria nos espazos universitarios para a xente con diversidades funcionais ou sensoriais.

Visitei o xoves ao presidente da Deputación de Pontevedra. Quero agradecerlle, desde logo, o bo recibimento que me fixo. O mesmo que, en xeral, me deu toda a clase política que xa teño visitado. O máis salientable da conversa que mantivemos foi o seu compromiso da manter unha relación fluída e de colaboración forte. Paréceme fundamental, básicamente no que ten de coordenación cos pequenos Concellos da provincia de Pontevedra. E de institución da que precisamos para a mellora dos Campus da Xunqueira e de Lagoas-Marcosende. Iso si, chamoume a atención a moi feble relación que manteñen na actualidade ambas as dúas entidades, Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo.

Onte foi o día do debate encol da política de persoal organizado por CIG co meu rival de AU. Evidentemente saín moi satisfeito do mesmo e quero amosar o meu agradecemento á dita central sindical, ao moderador e a todas as persoas que traballaron para que saíra ben. Quero mencionar expresamente aos técnicos que traballaron para que o acto se poidese seguir por UvigoTV. O seu esforzo pagou a pena. Unicamente quero engadir que sempre me sometín ao formato de debate que se me pediu, calquera que fora a proposta que me chegara e sen condicións previas. Estou certo de que, se houbo algún fallo, a experiencia fará que no futuro se corrixa.

E logo os actos menos mediáticos. Reunións con PAS –esta semana tocaron as bibliotecas dos campus de Ourense e Pontevedra-, alumnado…E traballo interno, moito traballo interno. Sinto moita responsabilidade polo entusiasmo do grupo. Aínda queda moito treito por camiñar. Pero, como dicía meu bisavó Cabeza de León no 1931, “sin cexar un istante, cheos de fe e de espranza, chegaremos sin dúbida e non tarde, â consecución compreta dos nos nosos anceios”.

3 comentarios:

  1. Menos mediáticos e tamén menos importantes, señor Cabeza?
    Dedicarlle unha palabra ó alumnado... Deixame sen palabras.

    ResponderEliminar
  2. Non confunda vostede, dixen "menos mediáticos" simplemente. Por certo, como o PDI non aparece siquera mencionado, debe entender vostede que o PDI é insignificante para min? Por favor, teña un mínimo de rigor...

    ResponderEliminar
  3. Moi ben Jaime. Referente al anónimo.... carai, sempre esta atento cando subes un post eh!!! Deben ter contratado a moita xente na outra candidatura... cal e a unica candidatura que se reunio con todos os membros da universidade?? Mato??? Mmmm creo que non Cabeza... mmm pois si... un minimo de decencia e rigor... seica os pobres alumnos de CC.SS. de Pontevedra seguen esperando o plantón de AU... que vergoña

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.