11 abr. 2010

CHANTADAS AS TENDAS DO METAL

Hoxe leín na prensa que sindicalistas metalúrxicos seguen a súa medida de presión do campamento ao carón do edificio da Xunta de Galicia. A protesta ven motivada pola derrogación do sistema anterior de contratación temporal baseado nunha bolsa de emprego –a coñecida ABE- estruturada co gallo do convenio colectivo do ano 2006.

Na miña condición de presidente da mesa de negociación dalquel convenio do 2006 quixera verquer una breve reflexión. Non cabe dúbida de que a situación do 2006 era sideralmente diferente á que temos no 2010. Daquela a idea era repartir un traballo temporal que rebordaba case as posibilidades dos profesionais metalúrxicos. Hoxe hai unha crise de pedimentos na carteira dos asteleiros que condiciona fondamente o rerpartimento dun emprego máis escaso.

A bolsa do emprego foi unha ferramenta que serviu na súa data para superar un conflito moi longo e unha folga que sangrara o sector, logo de nove anos de paz social. Seica foi boa, seica non, pero probablemente perdeu parte do seu sentido. Quixera lembrarlles aos sindicatos –e á patronal- que se aceptara como unha alternativa á súa pretensión de establecer cláusulas subrogatorias para as empresas auxiliares que contrataran coas principais. Teño a impresión de que no 2010 as cousas son distintas: os obxectivos sindicais -segundo eu os interpreto- consisten máis ben en repartir o emprego temporal minguante que se produce e en evitar o intrusismo profesional.

Cal é a técnica mellor, a bolsa de emprego ou o sistema pactado entre a patronal, CCOO e UGT, isto é, a cartilla profesional, inspirada desde logo na construcción? Non o sei. Desde logo, o ABE se manifestou na práctica como un sistema conflitivo de máis. Eu desexo de corazón que o novo sistema funcione ben. Fago votos por que así sexa. Con todo, quero engadir que hoxe hai un valor común do que participan todas as partes –patronal e sindicatos- de que sector precisa dunha regulación xusta do acceso ao emprego. As cousas non eran así cinco anos atrás.

Pero a miña preocupación é outra: enxergo demasiado tacticismo na conflitividade do metal, diante do comezo dos procesos eleitorais sindicais. A CIG ten ao redor do 48 por 100 da representatividade e esa é a cuestión que explica moitas liortas. Pode ser que as percentaxes cambien no 2010-2011. A prol duns ou doutros, tanto ten. Pero sería bo que o sector non padecera un virus eleitoral, porque os problemas de fondo son outros. Que o 52 por 100 da representatividade asine acordos non é o mellor. Cómpre que se retome a unidade sindical. Con altura de miras, por riba desde logo do proceso eleitoral. O necesitan as empresas e os traballadores. Que entendamos que estamos nun período decisivo. Hai que ter xenerosidade. Polas empresas, pola clase traballadora e polo sector. Por todo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.