Mostrando entradas con la etiqueta PDI. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PDI. Mostrar todas las entradas

11 mar 2010

ESTÍMULOS PARA A FUNCIONARIZACIÓN DAS PERSOAS CONTRATADAS DOUTORAS

Somos unha Universidade con percentaxes baixas de funcionarización. O PDI con categoría de contratado doutor non ten estímulos especiais para obter unha acreditación que lles semella moitas veces complexa e pouco accesible. Hai un andazo de pesimismo colectivo entre estas persoas. O que non debería suceder, dadas as evidentes vantaxas de pertencer aos corpos funcionaríais de PDI.

Que pode facer a Universidade? Dúas liñas políticas: a do pao ou a da cenoria. Desbotemos desde xa a do pao. Para o PDI laboral foi un proceso importante a asimilación en dereitos ao PDI funcionario, básicamente obtida –con certas pequenas eivas- no convenio colectivo vixente. Para min e para nós, esta situación non debe ser revertida. Hai que incentivar, non sancionar.

O problema son as políticas de incentivo, porque non son doadas de artellar. Hainas que negociar fundamentalmente no eido das relacións co comité do PDI laboral. Poderían ser medidas conxunturais de reducción de obrigas docentes, pero sempre temporais e con avaliacións cada moi pouco tempo. Non, desde logo, reduccións estruturais e sen monitorización.

Pero coido que hai un ámbito vizoso de negociación e posibilidades. Parte da idea de que os custes de Seguridade Social no réxime xeral –o dos contratados doutores- son moito máis grandes do que son no réxime de Funcionarios Civís do Estado – dos titulares funcionarios-. O que implica que a funcionarización implica un aforro de custes importante para a Universidade. Xa que logo, cabe propor que se estableza un crédito individual correspondente, por exemplo, a dous anos de diferencia de cotización entre o que se cotiza no réxime xeral e o que se cotizaría en funcionarios civís. Ao fin de que dita cantidade, capitalizada individualmente, poida servir para actividades de estímulo de funcionarización. Isto é, para gastos que teñan que ver cos criterios que impón ANECA para a acreditación do corpo de titulares de Universidade.

5 mar 2010

MÁSTERS PROFESIONALIZANTES E REGLAS POUCO PROFESIONAIS

As normas de “desgravacións” de másters “profesionalizantes” son para rir ou para chorar, segundo o humor de cada quen, pero non para tomar en serio. Seguro que o equipo de goberno tampouco se toma en serio esta proposta. Simplemente, está de coña coa comunidade universitaria. Quere que a posibilidade de desgravación estea no papel pero non na realidade. Cada nova que temos deste tema resulta máis abracadabrante e a un xa se lle esgotan os calificativos. Unicamente cabe pedirlle aos responsables desta desfeita que, por favor, deixen de facer o parvo.

Xa non vou falar de elementos cuantitativos: no mellor dos casos, 300 horas de docencia. Pero, se o máster ten 60 cretos –por exemplo- iso implica un cómputo irrisorio, de xente que simplemente non está na realidade dos posgraos e que unicamente fía todo ao voluntarismo do PDI. E, claro, só cando se deu clase un ano a custe cero cabe logo aplicar esta “desgravación”. Porque xa se sabe que dar clase nun máster non é docencia, é unha “desgravación”, isto é, ter menos clases. Alguén o entende?

Aínda máis: se o máster xa funcionou, pero se lle pagou ao PDI, non cabe pasar a “desgravación”. Para chegar a esta, hai que pasar un ano dando clase de moca. Polo tanto, se se pagou, hai que purgar a culpa un ano antes de poder “desgravar”, isto é, colacionar a docencia. O que resulta incomprensible: desde o primeiro ano se pode pagar, sen que se esixa carencia de ningún tipo. E se se pagou, non foi sempre porque se quixera, senón porque non se deu outra opción.

Por suposto, a comisión do máster pode incumprir todos os seus compromisos, deixar de pagar a quen se lle comprometeu que se lle pagaría e así chegar á “terra prometida” da “desgravación” de 300 horas. Esta é a proposta dos voceiros do equipo de goberno. Claro, como ao equipo de goberno non lle interesa se as comisións cumpren ou non seus compromisos, tanto ten.

En conclusión: non vai haber no 2010-2011 másters profesionalizantes que “desgraven” en docencia. O goberno outra vez marcou as cartas antes de repartilas. E logo dirá, para esperpento colectivo, que é que ninguén quere que os másters se conten como docencia ordinaria.

Fixen o propósito persoal de estudar de boa fe a proposta para tentar alzar a suspensión do máster en xestión e dirección laboral. Non vai poder ser. Mágoa que á Universidade de Vigo non lle interese o máis mínimo. A min si que me interesa. Non o de Xestión e Dirección Laboral, senón todos. E me indigna esta desfeita que segue a facer esta manda de indocumentados.

1 mar 2010

“DESGRAVACIÓNS” POR DIRECCIÓN DE PROXECTOS DE FIN DE CARREIRA E OUTRAS “DESGRAVACIÓNS”

Chegoume a rexouba de que era intención de Nova Universidade e de min mesmo a de eliminar as desgravacións por proxectos de fin de carreira e outras desgravacións por labor doncente. Nada máis lonxe da realidade.

Seguro que as mensaxes non chegan nidiamente porque non as transmitín coa claridade necesaria. O que quixen dicir é simplemente que o feito dos profesores dirixiren proxectos de fin de carreira non ten que ser unha desgravación, senón computar directamente como obriga docente. É dicir, ten que contar de feito máis do que conta.

A dirección persoalizada de proxectos e outros traballos é un labor pouco recoñecido e, desde logo, absorbente. Hoxe nos reunimos co equipo directivo da Escola de Telecomunicacións e comentabamos que compría modificar o concepto de crédito por grupo de docencia por crédito por alumno/a como unidade de medida. É dicir, que non é o mesmo impartir docencia a 100 persoas que impartila a cinco. O cómputo ten que ser distinto. E tanto máis distinto na docencia de grao e posgrado.

Nestas coordenadas, é máis natural e doado o cómputo da dirección de proxectos de fin de carreira. Porque encaixa sen problemas no concepto crédito alumno. Claro que ten que computar! Ou acaso non é parte da nosa función docente?

Polo tanto, defendemos que compute. O que queremos é un cómputo de docencia transparente e sen as trampas do sistema actual.

23 feb 2010

CENTRO DE POSGRAO

Xa expusen algunhas veces as críticas á política das silveiras que se ten feito estes catro anos no tema do posgrao. Toda semellanza cunha estratexia reflexiva de que oferta de posgrao require a Universidade de Vigo é mera coincidencia. O máster urxe boa gobernanza para que no cuatrienio 2010-2014 a nosa institución estruture unha oferta harmónica, planificada, sinérxica e socialmente responsable. No ámbito das titulacións, nos vamos xogar a partida do posgrao. Sen esquecer, por suposto, a implantación canto máis ortodoxa poidamos dos graos.

Neste contexto, hai que racionalizar recursos, conxugar esforzos e dinamizar a oferta. Para afrontar estes obxectivos ambiciosos, hai que proxectar a idea dun centro de posgrao. Isto é, un centro de seu, cunha entidade similar á que teñen os centros nos que na actualidade se imparten graos, posgraos, diplomaturas ou licenciaturas, pero que leve a marca do posgrao na Universidade de Vigo. Non cómpre nunha primeira fase que todos se abeiren neste centro, abonda con que naza cun pequeno feixe de másters, pero con azos de espallamento. Para que, co tempo, sexa un centro referencial.

Leín que Emilio Fernández proxecta esta idea para o Campus do Mar. Será un marabilloso xérmolo e alicerce doutro centro máis xeralista. A optimización de recursos é evidente, e tamén as complicidades entre uns másters e outros, a consecución dun know-how e a formación dun persoal directivo e de servizos especializado. Claro que a idea require esforzo planificador, amplitude de miras e xenerosidade do PDI e do PAS, para pór en mancomún as iniciativas de toda a comunidade universitaria. Desde logo, os estudantes serían directos beneficiarios, e tamén a nosa capacidade investigadora.

Mágoa que o goberno de Alternativa Universitaria optara por amortizar a nosa presenza física no centro de Vigo. Nun contexto diferente, o centro de posgrao podería ademáis amparar a formación continua, nun diálogo máis fluído coas necesidades formativas da nosa sociedade civil. Porén, aínda e tempo de dotarmos de estruturas necesarias e racionalizadoras. Onde sexa.

9 feb 2010

ESCULCA

Levo xa a día de hoxe moitos centros visitados. As conversas e debates cos equipos directivos e co persoal docente xa nos ten aportado un input informativo importante, ao que se suman tamén diversas reunións co persoal de administración e servizos e con asociacións de estudantes. É sen dúbida un labor gratificante ter a oportunidade de coñecer máis e mellor á comunidade universitaria e a tantas compañeiras e compañeiros. Só por iso paga a pena asumir unha candidatura e investir gran parte do tempo do que un dispón neste empeño.

Sería inxusto non recoñecer que a xente está arriquecendo o noso programa. Eu lle agradezo a cada persoa que veu falar conmigo e connosco a súa aportación por construírmos unha Universidade mellor , desde abaixo, con humildade e sen posicións paternalistas cheas de prexuízos. Ben é certo que moitas das nosas hipóteses iniciais se van confirmando, en moitas ocasións por desgraza. Pero tamén o é que o debate matiza afirmacións de partida, abre novas frontes, propicia a asunción de obxectivos adicionais e suma perspectivas novas de análise.

Esa está a ser a nosa disposición: a de escoitar, a de servir, a de pór nosas capacidades na busca dunha Universidade máis solidaria e máis xusta. Como dirían algúns, de estar sempre na actitude de esculca. Hoxe mantivemos unha arriquecedora conversa co persoal de CACTI e de I+D. Que pouca sensibilidade houbo con estruturas de investigación tan fundamentais desde a xestión da Universidade! E, ao mesmo tempo, cantas capacidades subempregadas! Tamén estivemos co equipo directivo de Enxeñería de Minas que nos aportou unha mensaxe dun centro pequeño, pero con moitas potencialidades e cunha necesidade forte de proxectarse social e institucionalmente. Onte, Enxeñería Industrial, e un longo etcétera de conversas.

Non é doado transmitir este sentimento de gratitude polas complicidades, polas suxestións e polas críticas tamén. Sempre engado que é de lealdade institucional arriquecer o noso programa colectivamente, do mesmo xeito que o é arriquecer o do adversario. Na concorrencia competitiva entre uns e outros, para dotarmos de referenzas programáticas esixentes e que melloren a Universidade de Vigo. Estouno pasando ben. Comprobando que a “Universidade das persoas” é o mellor leiv motiv que podíamos ter escollido.

28 nov 2009

Outra de profesorado: tres necesidades obxectivas

Auditoría, RPTs e dereitos de participación e liberdade sindical.
Tres expresións para endereitar o rumo.
Primeira: a UVigo precisa dunha auditoría de PDI para coñecer como están as cousas e cara onde hai que camiñar. Probablemente externa, para que non haxa sospeitas. Para coñecer con obxectividade que necesidades hai máis urxentes e como procurar equilibrios. Por que non se fai? A alguén lle preocupan os resultados que poida arroxar?
Segunda: hai que ter RPT de PDI. Por que non se ten?, Por que o POD xamais foi unha RPT? Que condicionantes fácticos o impiden? Hai alguén interesado en que non haxa RPT? Por que hai RPT de PAS e non de PDI?
Terceira: na Universidade non se respetan os dereitos de participación e de negociación colectiva das representacións unitarias de PDI e das organizacións sindicais. Ninguén se decatou de que se está a vulnerar o contido adicional da liberdade sindical? A ninguén lle importa?
En positivo: comprométome a que haxa auditoría externa, a que haxa RPT e a que se teñan en conta os dereitos de liberdade sindical e participación.

23 nov 2009

DESGRAVACIÓNS, 2ª PARTE

A linguaxe ten estas cousas. Fíxoseme o comentario de que "desgravacións" era un termo de dereito tributario e leva razón quen o dixo. Pero é certo que a analoxía é moi expresiva.
Pero, desde outro punto de vista, "desgravación" para a páxina excel que nos goberna é un caixón de xastre no que entra todo o que a páxina excel non quere que estea considerado como docencia.
Falemos en positivo: para Nova Universidade, "desgravacións" é un termo residual que unicamente corresponde a conceptos moi excepcionais. O demáis -docencia oficial, incluíndo organización da mesma, traballos de fin de máster, dirección de teses...- non é desgravación, son tarefas docentes que hai que considerar. O que lle adica tempo a estas funcións non ten desgravacións, simplemente desenvolve labor docente que hai que considerar na planificación.
A partir de ahí: deixar de dar docencia non debe ser un premio aos bos investigadores/as. Non entendo que haxa que desgravar docencia por desenvolver labor investigador. Temos a dobre condición -docencia e investigación- que hai que gardar equilibradamente. Deixar de dar clases non é premio, é deixación de obrigas. É bon que as persoas boas investigadoras transmitan os seus coñecementos. Logo, pretenderán ter quinquenios e complementos autonómicos por labor docente!
En positivo: os cargos de xestión deben ter desgravacións, non cabe dúbida, pero coido que hai que ser restritivos. Entendo que a desgravacións por titularidade de vicerreitorías non debe superar as 150 horas, que as xefaturas de área non deben ter máis de 60 horas de desgravación. Eu mesmo, no caso de ser reitor, quixera manter algo de docencia, por exemplo 30 ou 60 horas, coido que é necesario. En definitiva, eu restrinxiría as desgravacións por cargo docente. E mantería as de directir/a de departamento.
Logo hai cuestións que deben ser non tanto desgravacións como amortización definitiva de parte das obrigas docentes. Nesta liña, hai que incentivar que as persoas de máis de 60 anos opten por seguer en activo. Para iso, é necesario flexibilizar algo as súas obrigas. Na miña opinión, habería que reducirlles a docencia, mesmo con posibilidades de xubilación parcial -xa está para os laborais, falta o desenvolvemento regulamentario en clases pasivas do Estado-.
En definitiva, hai que adelgazar o concepto de desgravación e chamarlle ás cousas polo seu nome: a docencia non é desgravación.
Por suposto, este cambio obriga a un proceso construtivo no que se entre na análise das situacións dos distintos ámbitos. A conclusión, a priori, é obvia: non hai que agachar déficitis de profesorado con conceptos residuais que ocultan a realidade da situación do cadro de persoal da nosa Uni.

20 nov 2009

DESGRAVACIÓNS DOCENTES

É un dos elementos máis curiosos das normas que artellan as obrigas docentes do PDI. Para o programa Excel que goberna as obrigas docentes e o cadro de persoal da UVigo desgravación é todo aquilo que non é docencia nas vellas diplomaturas e licenciaturas e nos novos graos. Polo tanto as demáis tarefas docentes oficiais entran neste amplo e escuro concepto do que se deduce que non se precisa más cadro de persoal no universo en expansión das desgravacións. Tamén, por suposto, outros conceptos, como as desgravacións por cargos académicos. Ou proxectos fin de carreira. Ou certos proxectos financiados.
A primeira idea resulte evidente: chamándolle desgravacións ás docencias en posgrao se produce un achatamento das necesidades de persoal. Hai tempo que desde a Reitoría se lanzou a consigna de que o crecemento por POD estaba esgotado. Claro, facendo contas ao antollo do que quere que estea esgotado, o estará, sen dúbida. Non haberá bos posgraos, pero se conterá a plantilla.
A segunda é obvia: hai que diferenciar as reduccións de docencia estruturais das conxunturais. Poñamos un exemplo: se un PDI ten descontamento por sexenios, o vai ter para sempre. É absurdo calcular a súa docencia teórica contando o que xamais vai dar.
A terceira ten moito interese: estase a lanzar a idea de que a desgravación é un premio. Aos profesores/as con máis méritos se lles premia con menos clases. Coido que é un incentivo perverso: a mensaxe é que dan clase os profesores mediocres, os bos non. Nesta liña, habería que preguntarse por que se desgrava por proxectos financiados externamente: para que a docencia non amole aos bos investigadores?
A cuarta é moi curiosa: ninguén se decatou que cada vez máis as desgravacións por cargo teñen un carácter máis político e de pagamento de fidelidades? Eis as desgravacións que se incrementan: as vicerreitorías e as xefaturas de área. Mesmo chegamos ao absurdo de que desgravan máis as xefaturas de área que as direccións de departamento.
E unha idea conclusiva: as desgravacións é o ámbito no que unha Universidade ten máis autonomía para engadir ou diminuír carga docente. Coido que en épocas como a actual non se deberían ampliar certas desgravacións.
En resumo: outro bodrio máis pasado en Consello de Goberno. Houbo reflexión ao respecto? Pouca, moi pouca. Iso si: pagáronse favores.

17 nov 2009

NORMAS DE POD: OS FÍOS DUN TITIRITEIRO

Mágoa para o Goberno da UVigo que o persoal docente non sexamos monicreques! Vou adicar un pequeno feixe de entradas os vindeiros días para explicar por que as normas de POD que se presentan a aprobación no Consello de Goberno do xoves son inaceptabeis. E, ao mesmo tempo, a bosquexar as que serán algunhas das liñas mestras da nosa política de profesorado. Con fórmulas que se entendan doadamente, e que non se pretenden agachar debaixo dos tecnicismos dunha páxina Excel.
A primeira norma elemental á que ten que respostar unha política de profesorado é a de respectar as reglas de xogo. E de entre elas, unha hora de docencia ten que ser unha hora de cómputo. Coido que se chegou a un acordo na mesa sectorial de Universidades para que a asignación máxima de horas presenciais por profesor/a sexa de 240 ao ano. Supoño que coincidimos en que a salvagarda do pactado debe ser un eixo fundamental dunha acción de Goberno responsábel. Pois ben, logo as normas de POD deciden que se vai contar nas 240 horas e que non se vai contar. O que supón tanto como converter en papel mollado o acordo acadado na mesa sectorial.
A proposta do equipo de goberno é, xa que logo, intrínsecamente fraudulenta. Que é iso de que unhas horas computan e outras non, outras computan determinadas percentaxes e outras unha percentaxe distinta? É, ademáis de escurantismo deliberado, unha evidente laminación dos dereitos profesionais do persoal docente.
Hoxe non vou falar de desgravacións, iso o outro día, pero as horas impartidas non son desgravacións, son horas impartidas. Pero, desde logo, o que se vai presentar á aprobación do Consello de Goberno do xoves provoca que unhas persoas teñan moitas máis obrigas docentes ca outras. É claramente inxusto e moi dubidosamente legal. Estou certo de que as organizacións sindicais que asinaron o acordo sectorial van estar en desacordo coas normas de POD. Pero teño a seguridade de que tamén o van estar todas as persoas que teñan unha mínima capacidade crítica.
A primeira receita é obvia: a docencia nos estudos oficiais da Universidade computa nos límites máximos de docencia do profesorado universitario. Outra alternativa implica defraudar os dereitos profesionais das persoas.