5 mar 2010

MÁSTERS PROFESIONALIZANTES E REGLAS POUCO PROFESIONAIS

As normas de “desgravacións” de másters “profesionalizantes” son para rir ou para chorar, segundo o humor de cada quen, pero non para tomar en serio. Seguro que o equipo de goberno tampouco se toma en serio esta proposta. Simplemente, está de coña coa comunidade universitaria. Quere que a posibilidade de desgravación estea no papel pero non na realidade. Cada nova que temos deste tema resulta máis abracadabrante e a un xa se lle esgotan os calificativos. Unicamente cabe pedirlle aos responsables desta desfeita que, por favor, deixen de facer o parvo.

Xa non vou falar de elementos cuantitativos: no mellor dos casos, 300 horas de docencia. Pero, se o máster ten 60 cretos –por exemplo- iso implica un cómputo irrisorio, de xente que simplemente non está na realidade dos posgraos e que unicamente fía todo ao voluntarismo do PDI. E, claro, só cando se deu clase un ano a custe cero cabe logo aplicar esta “desgravación”. Porque xa se sabe que dar clase nun máster non é docencia, é unha “desgravación”, isto é, ter menos clases. Alguén o entende?

Aínda máis: se o máster xa funcionou, pero se lle pagou ao PDI, non cabe pasar a “desgravación”. Para chegar a esta, hai que pasar un ano dando clase de moca. Polo tanto, se se pagou, hai que purgar a culpa un ano antes de poder “desgravar”, isto é, colacionar a docencia. O que resulta incomprensible: desde o primeiro ano se pode pagar, sen que se esixa carencia de ningún tipo. E se se pagou, non foi sempre porque se quixera, senón porque non se deu outra opción.

Por suposto, a comisión do máster pode incumprir todos os seus compromisos, deixar de pagar a quen se lle comprometeu que se lle pagaría e así chegar á “terra prometida” da “desgravación” de 300 horas. Esta é a proposta dos voceiros do equipo de goberno. Claro, como ao equipo de goberno non lle interesa se as comisións cumpren ou non seus compromisos, tanto ten.

En conclusión: non vai haber no 2010-2011 másters profesionalizantes que “desgraven” en docencia. O goberno outra vez marcou as cartas antes de repartilas. E logo dirá, para esperpento colectivo, que é que ninguén quere que os másters se conten como docencia ordinaria.

Fixen o propósito persoal de estudar de boa fe a proposta para tentar alzar a suspensión do máster en xestión e dirección laboral. Non vai poder ser. Mágoa que á Universidade de Vigo non lle interese o máis mínimo. A min si que me interesa. Non o de Xestión e Dirección Laboral, senón todos. E me indigna esta desfeita que segue a facer esta manda de indocumentados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.