Mostrando entradas con la etiqueta persoas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta persoas. Mostrar todas las entradas

9 feb 2010

ESCULCA

Levo xa a día de hoxe moitos centros visitados. As conversas e debates cos equipos directivos e co persoal docente xa nos ten aportado un input informativo importante, ao que se suman tamén diversas reunións co persoal de administración e servizos e con asociacións de estudantes. É sen dúbida un labor gratificante ter a oportunidade de coñecer máis e mellor á comunidade universitaria e a tantas compañeiras e compañeiros. Só por iso paga a pena asumir unha candidatura e investir gran parte do tempo do que un dispón neste empeño.

Sería inxusto non recoñecer que a xente está arriquecendo o noso programa. Eu lle agradezo a cada persoa que veu falar conmigo e connosco a súa aportación por construírmos unha Universidade mellor , desde abaixo, con humildade e sen posicións paternalistas cheas de prexuízos. Ben é certo que moitas das nosas hipóteses iniciais se van confirmando, en moitas ocasións por desgraza. Pero tamén o é que o debate matiza afirmacións de partida, abre novas frontes, propicia a asunción de obxectivos adicionais e suma perspectivas novas de análise.

Esa está a ser a nosa disposición: a de escoitar, a de servir, a de pór nosas capacidades na busca dunha Universidade máis solidaria e máis xusta. Como dirían algúns, de estar sempre na actitude de esculca. Hoxe mantivemos unha arriquecedora conversa co persoal de CACTI e de I+D. Que pouca sensibilidade houbo con estruturas de investigación tan fundamentais desde a xestión da Universidade! E, ao mesmo tempo, cantas capacidades subempregadas! Tamén estivemos co equipo directivo de Enxeñería de Minas que nos aportou unha mensaxe dun centro pequeño, pero con moitas potencialidades e cunha necesidade forte de proxectarse social e institucionalmente. Onte, Enxeñería Industrial, e un longo etcétera de conversas.

Non é doado transmitir este sentimento de gratitude polas complicidades, polas suxestións e polas críticas tamén. Sempre engado que é de lealdade institucional arriquecer o noso programa colectivamente, do mesmo xeito que o é arriquecer o do adversario. Na concorrencia competitiva entre uns e outros, para dotarmos de referenzas programáticas esixentes e que melloren a Universidade de Vigo. Estouno pasando ben. Comprobando que a “Universidade das persoas” é o mellor leiv motiv que podíamos ter escollido.

31 ene 2010

XUBILACIÓNS

De novo se pon en marcha a engranaxe de modificación do sistema de Seguridade Social e se quenta un debate que requeriría máis sosego e menos ideoloxía da que moita xente lle quere aportar. Porque, con todas as súas contradiccións, o sistema de Seguridade Social é o sinal de identidade máis fundamental que ten o noso Estado Social. Xogar a aprendiz de bruxo nesta materia é un exercicio ben irresponsábel e pouco construtivo. O modelo de reforma constante e consensuada implantado cos Pactos de Toledo a partires do 1995 constitúe a garantía de que se manterá o sistema público de Seguridade Social, que herdarán os nosos fillos nesta sorte de solidariedade interxeneracional que supón o sistema público.

Temos ventaxa con outros Estados europeos. O noso baby-boom adiouse ata os anos sesenta e a xeración que se está a xubilar estes anos é a da posgruerra, isto é, a que non naceu. É por iso que os riscos e os desequilibrios do noso sistema resultan, a día de hoxe, menos inmediatos do que sucede, vg., en Alemaña ou en Francia. Porén, hai que estar vixiantes para asumirmos cantos menos perigos mellor. E, no Método Aberto de Coordenamento artellado a nivel europeo, intercambiar información e boas prácticas e planificar e avaliar en común. É certo que outros Estados, como a República Federal de Alemaña, xa adiaron a xubilación aos sesenta e sete anos.

Terémolo que facer nós? Probablemente. Ou, máis ben, case seguro que si a medio prazo. Quixera lembrar que cando se estableceu o primeiro seguro público de xubilación no Reino de España, o Retiro Obreiro do 1919, a ida de retiro era de sesenta e cinco anos. Mais nun tempo no que a esperanza de vida roldaba os 45 anos. A xubilación muduo desde aquela a súa significación moitísmo, pero non se pode dicir que sexa ilexítimo discutir este tópico. Tamén é certo que os 65 anos constitúen un dos elementos máis simbólicos do noso sistema de benestar.

O documento do Goberno abre unha reflexión, con outros factores: cálculo da base reguladora –que conten máis de quince anos para calcular a contía da pensión- limitacións necesarias das prexubilacións, reformas importantes na viuvez –hai que cambiar radicalmente o modelo- e na orfandade-. Eu engadiría algúns máis necesarios, entre eles a avaliación dos efectos da xubilación anticipada, o cuestionamento do modelo do desemprego, ou a entidade das prestacións familiares. Dito documento vai ser obxecto de debate na subcomisión do Senado dos Pactos do Toledo, de negociación nas mesas de diálogo social e de discusión parlamentaria. Sen dúbida, neste longo camino parte dos obxectivos máis radicais se van limar.

Con todo, que desde 2013 se introduza paseniñamente un alongamento das vidas activas e un afastamento da idade de xubilación ordinaria, ao redor de dous meses por ano, non supón un cuestionamento do noso modelo de benestar. É unha ferramenta máis, como o cerco ás prexubilacións ou outras medidas para que, de feito, as persoas traballadoras se aparten do mercado de traballo aos sesenta e cinco e non aos sesenta e dous anos e medio. No fondo, a única pregunta encol da idade ordinaria é se ese proceso de retraso aos sesenta e sete anos vai comezar no 2013 ou no 2020-2025. Porque quizáis, e na miña opinión, aínda hai marxe para esperar uns anos.

E logo están outras medidas para facer un mercado de traballo máis inclusivo e para que máis persoas contribúan: emprego da xuventude, da muller, da poboación inmigrante, traballo sulagado, estabilización de contratos temporais, prestacións familaires e de natalidade –mellor servizos de gardería que subsidios-…No fondo, o debate da sostibilidade da nosa pirámide poboacional.

Un comentario interno: o día de Santo Tomé fixemos doutor honoris causa ao profesor Yasumoto, cuxo padriño foi José Antonio Rodríguez Vázquez. Todo un símbolo na nosa Universidade. Este ano se xubila el, e tamén outro exreitor, Luis Espada. Quizáis se lles nomee eméritos, oxalá! Desde logo, ningún dos dous adiantou a súa idade de xubilación. E que manteñan, en todo caso, o sentimento de pertenza á nosa institución! Pero cómpre reflexionar de cómo facerlle máis atractivo o mantemento da carreira universitaria ao PDI que ten tamén a posibilidade de acollerse lexítimamente a programas de xubilación anticipada.

24 ene 2010

RESPONSABILIDADE SOCIAL E UNIVERSIDADE

Temos que introducir canto antes este debate na nosa institución, relativo á función social que debe desenvolver no contexto dunha sociedade e dunha economía globalizadas, como globalizadas están asemade a educación e investigación universitarias. A responsabilidade social tenta dar resposta aos aspectos máis vocacionais dunha entidade que quere algo máis que cumplir a normativa vixente. Quere establecer un código interno de mellora de aspectos esenciais das súas relación coa sociedade e co mundo.

A Universidade ten que ser modelo de bo goberno. Bo goberno implica moitas esixenzas. Entre outras, desde logo, unha xestión que se basee na transparencia informativa a todos os niveis e nunha acaída utilización dos nosos recursos. Como exemplo, na decisión e execución dos investimentos necesarios, na priorización duns ou doutros, na opción pola austeridade como sinal de identidade. E, polas connotacións tan especiais e estratéxicas, implica unha vocación fundamental pola sostibilidade. Sostibilidade social, no respeto polos dereitos individuais e colectivos. Sostibilidade medioambiental, no deseño de políticas de conservación dos recursos. E sostibilidade económica, cunha planificación e execución que garantan a eficiencia na asignación das achegas e na consecución dos obxectivos de docencia, investigación básica e transferencia de tecnoloxía.

Quixera insistir algo máis na sostibilidade social. A Universidade de Vigo debería ser modelo na xestión das persoas . Debería asumir unha vocación intensa polo coidado das carreiras académicas e profesionais e dos dereitos laborais dos seus servidores públicos. Debería concebirse como unha escola de democracia na que o estudantado vivira unha formación en valores cidadáns e de integración social. E debería erixirse como líder nos proxectos de cooperación internacional. Debería, en fin, concebirse como defensora radical dos dereitos fundamentais das persoas.

E tamén hai que insistir na sostibilidade medioambiental. Canto hai por facer neste eido de actuacións, alén da constitución deste cadaleito vivinte que ven sendo desde hai anos a OMA! Residuos, contaminación, impacto medioambiental, eficiencia no consumo enerxético son outras tantas disciplinas nas que non aprobamos ata o de agora por avaliación continua. Temos que facer un esforzo extraordinario para aprobar na convocatoria extraordinaria que aínda nos queda.

A responsabilidade social ten que ser máis que eixo programático. Ten que ser un concepto transversal que conxugue unha pluralidade de políticas que melloren a nosa institución e que fagan que nos sintamos algo máis enchidos por pertencer a ela. Non para fachendear diante de ninguén, senón para estarmos seguros de que contribuímos a deixar o mundo algo mellor de como está hoxendía.

7 ene 2010

BOAS NOVAS NA SEGURIDADE SOCIAL: PRESTACIÓN POR CESAMENTO DE ACTIVIDADE DO TRABALLO AUTÓNOMO

O día 23 de decembro pasado o Consello de Ministros aprobou un proxecto de lei polo que se lles recoñece ás persoas autónomas a prestación por cesamento de actividade. A eiva máis evidente ata hoxe do noso sistema de Seguridade Social, a inexistenza de prestación por desemprego para estes colectivos, vai ser superada. É por iso que o proxecto ten que ser saudado como unha moi boa nova.
Non todo son acertos no proxecto. Non vou entrar nestas letras nos seus aspectos técnicos, pero si vou por de manifesto algún dos seus problemas e dos erros do noso sistema. Desde hai anos, e en comuñón coa Estratexia Europea de Emprego, a lexislación e a acción do Goberno tenta fomentar o autoemprego como ferramenta de empregabilidade e loita contra o desemprego. Pero para que a ferramenta sexa eficaz, ten que aportarlle á xente seguridade. A seguridade é o lexema parte do termo “flexiseguridade” que os poderes económicos e financieros tentan esquecer –e consígueno-. Os paradigmas flexíbeis de emprego –dos que o traballo autónomo é un dos máis salientabeis- precisan da seguridade de que as persoas non sexan excluídas social e laboralmente.
O noso sistema de protección por desemprego non contempla ata hoxe protección para as persoas encadradas nos reximes de autónomos. E por enriba desincentiva aínda na actualidade e penaliza as iniciativas de autoemprego, con sistemas de incompatibilidades moi estritos, con extincións prematuras da prestación e con condicións gravosas para a capitalización da prestación. É un sistema que lanza ao colectivo beneficiario de cobertura económica a mensaxe de que non tenten establecerse por conta propia.
Neste estado de cousas me sorprendeu positivamente a lectura do proxecto, porque ten rasgos de modernidade e de boa cobertura. Entre outros, que sexa obrigatoria para todas as persoas que non teñan cobertura por estar en pluriactividade –agás por desgraza, o caso do traballo por conta propia no sistema especial agrario, isto é, a meirande parte do agro galego, as nosas labregas-. Porque ten unha cotización asumíbel no eido do réxime de autónomos –o 1’5 por 100, aínda con bonificación de medio punto-. Ou que siga os paradigmas estruturais do sistema de protección por desemprego no eido do traballo por conta allea.
Ten a súa faciana escura, desde logo. Eu salientaría dúas críticas: a primeira, a súa excesiva separación do sistema de protección por desemprego. O finanzamento e a xestión das dúas prestacións –de desemprego e de cesamento de actividade- non teñen nada que ver. Desde o meu punto de vista, sería aconsellábel introducir mecanismos de solidariedade entre traballo por conta allea e por conta propia na cobertura derivada de falla de ingresos do traballo. Isto é, unha especie de “caixa única” que protexera a ambos os dous colectivos. A segunda, referida a que non se protexe o mantemento da actividade, senón únicamente o cesamento. Sería bo admitir en certos casos e con certas esixenzas a compatibilidade entre traballo por conta propia e prestación, ao fin de darlle viabilidade ao negocio.
Son dúas críticas políticas, alén dun bo feixe de críticas técnicas que habería que engadir. Con todo, hai que saudar este proxecto de lei, de contido social necesario e longamente agardado. No noso caso, o tecido produtivo galego pode ser dos máis positivamente afectados por unha reforma protectora, que ademáis xurde en tempos de crise e desalento de tantos e tantas profesionais. Un vento de esperanza.

13 nov 2009

PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR: IMOS Á TOA


Hai una frase célebre dun xuíz norteamericano verbo da utilización da proba estatística que dí que os xuíces utilizan dita proba do mesmo xeito que os borrachos utilizan os farois: para sosterse, non para alumearse. Algo semellante habería que dicir da ferramenta do Plan de Ordenación Docente –POD- na nosa Universidade: nas mans do equipo de goberno, endexamais valeu para planificar, unicamente para soster decisións pouco xustificabeis e algunha que outra arbitrariedade.

O cadro de PDI non se xestiona cun programa Excel. A xestión das persoas é algo máis complexo, que require de planificación a curto, medio e longo prazo. Non vale a improvisación permanente da que hai tempo veñen facendo gala nosos vicerreitores/as d e profesorado. Este ano se nos prometeu un plan estratéxico de profesorado, que se sometería ao Claustro ao longo do 2009. Pero o sorprendente sería que cumpliran algún compromiso! Teño que confesar que someteron á consideración de Nova Universidade un documentiño que non merece máis comentarios. Unicamente que nin siquera daba a talla de “documento”, e moito menos de “estratéxico”. Teño a impresión de que o gardaron no caixon e, para o que era, case mellor.

Namentres, un ten que escoitar a algúns gabándose da extraordinaria política da UVigo cos Pargas Pondais, como sucedeu hoxe en Ourense. A autocomplacencia entra de cheo no ridículo e no insulto á intelixencia das persoas. Seica haxa algún futuro para esas persoas, pero moi dubidosamente se o fían á “xestión” dos que agora nos gobernan. E aínda por riba a “estratexia” de “Alternativa” semella que pasa por engordar máis a bola de neve dos Parga Pondais a costa das figuras de profesores axudantes, especie a eliminar segundo seu pensamento. E, se non, que se comproben as normas de POD dos últimos anos. Alguén ten claro onde hai que consolidar cadro de persoal?, haberá alguén que entenda que hai ámbitos deficitarios de profesorado?, non entende o Goberno da Universidade que está axigantando a desproporción?, cando alguén vai facer política de persoal de verdade?

Hai moitos centros que non teñen relevo xeracional. Hai áreas de coñecemento zombis, por mor de políticas de depauperación progresiva que convirten unha enorme percentaxe da nosa institución nun eiral. A responsabilidade do equipo de goberno, pola súa nefasta xestión de persoal, é inmensa. E inmenso é o desánimo dos moitos/as que non pertencen á minoría para a que goberna Gago e o seu equipo.

3 nov 2009

COUSAS QUE IMPORTAN.- COMPLEMENTOS ESPECÍFICOS E GRATIFICACIÓNS EXTRAORDINARIAS

Son un dos funcionarios demandantes na demanda que unha pluralidade de persoas diriximos contra a Universidade de Vigo en solicitude de que se recoñeza o dereito á toma en consideración íntegra do complemento específico nas pagas extras, incluíndo xa que logo quinquenios, sexenios e complementos por cargo académico. Un de tantos e tantas que reclamamos o que consideramos noso dereito económico. Quero agradecerlles ás persoas que están liderando esta reclamación o seu esforzo xeneroso.

Cando os conflitos se xudicializan, non cabe estar certo dun resultado determinado, por máis que un entenda que a reclamación é xusta e xurídica. Cabe, iso si, lamentar que non sexamos quen de arranxar este problema por canles extraxudiciais cando unha ollada panorámica á Universidade española amosa que a maioría das institucións veñen aboando completo o complemento específico nas gratificacións extraordinarias. Ou cando menos cabe dicir que é una mágoa que o reitor saínte manifeste que “descoñece prácticamente todo” deste asunto. Ao mellor é que ninguén lle presentou ata agora una reclamación ao respecto! O desinterese da parte recurrida e demandada é, xa que logo, grande de máis.

Precisamos urxentemente dun cambio de actitudes. Xa abonda de prepotencia! A desinformación e desinterse do reitor é un insulto ás organizacións sindicais e as estruturas representativas que xa hai tempo veñen chamando a atención do que consideran os dereitos económicos do PDI.

Eu, desde a humildade, xúrovos que cando menos tería negociada a cuestión xa hai tempo coas ditas entidades representativas. E comprométome a non intepretar na liña máis restritiva posíbel a normativa do PDI e do PAS. A “prudencia” do goberno é ben compatíbel con solucións legais, negociadas e que favorezan unha fluída interlocución en defensa dos dereitos profesionais de toda a comunidade universitaria.