Mostrando entradas con la etiqueta Personas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Personas. Mostrar todas las entradas

11 mar 2010

ESTÍMULOS PARA A FUNCIONARIZACIÓN DAS PERSOAS CONTRATADAS DOUTORAS

Somos unha Universidade con percentaxes baixas de funcionarización. O PDI con categoría de contratado doutor non ten estímulos especiais para obter unha acreditación que lles semella moitas veces complexa e pouco accesible. Hai un andazo de pesimismo colectivo entre estas persoas. O que non debería suceder, dadas as evidentes vantaxas de pertencer aos corpos funcionaríais de PDI.

Que pode facer a Universidade? Dúas liñas políticas: a do pao ou a da cenoria. Desbotemos desde xa a do pao. Para o PDI laboral foi un proceso importante a asimilación en dereitos ao PDI funcionario, básicamente obtida –con certas pequenas eivas- no convenio colectivo vixente. Para min e para nós, esta situación non debe ser revertida. Hai que incentivar, non sancionar.

O problema son as políticas de incentivo, porque non son doadas de artellar. Hainas que negociar fundamentalmente no eido das relacións co comité do PDI laboral. Poderían ser medidas conxunturais de reducción de obrigas docentes, pero sempre temporais e con avaliacións cada moi pouco tempo. Non, desde logo, reduccións estruturais e sen monitorización.

Pero coido que hai un ámbito vizoso de negociación e posibilidades. Parte da idea de que os custes de Seguridade Social no réxime xeral –o dos contratados doutores- son moito máis grandes do que son no réxime de Funcionarios Civís do Estado – dos titulares funcionarios-. O que implica que a funcionarización implica un aforro de custes importante para a Universidade. Xa que logo, cabe propor que se estableza un crédito individual correspondente, por exemplo, a dous anos de diferencia de cotización entre o que se cotiza no réxime xeral e o que se cotizaría en funcionarios civís. Ao fin de que dita cantidade, capitalizada individualmente, poida servir para actividades de estímulo de funcionarización. Isto é, para gastos que teñan que ver cos criterios que impón ANECA para a acreditación do corpo de titulares de Universidade.

23 dic 2009

OS ORZAMENTOS PARA 2010. preguntas "naive"

O malo dos orzamentos é que radiografían en positivo e en negativo as liñas e estratexias dunha institución. As louvanzas ou as críticas que expresemos os que non somos técnicos na materia encamíñanse ao significado de que haxa ou non determinadas partidas ou de que dotación consten.
Parte dos orzamentos son maquillaxe. Básicamente os que se refiren a política social. Por que no 2010 hai dotación para plan de igualdade ou garderías? Non eran prioridades para o 2009 ou para os anos anteriores? Parabéns de que aparezan. Mágoa que non apareceran antes. Benvidos ás políticas de benestar!
Que pasa con investimentos en consolidación ou captación de profesorado? A mensaxe que se lles lanza aos Pargas Pondais é obvia. Vai haber plan transitorio de estabilización? Non. Vai haber consolidación dabondo? Non. Vai haber esperanza para eles? Con Alternativa Universitaria gobernando, sen dúbida non.
Que pasa con áreas de coñecemento, grupos e centros desenvolvidos? Algún plan de acción positiva? Non. Algunha liña que permita albiscar equilibrios? Non. Que pechen os seus proxectos!, esa é a mensaxe. E logo alguén lles vai demandar que sexan competitivos? Que percuren autofinanzamento?
As pasarelas e demáis investimentos suntuarios do campus de Lagoas-Marcosende, son tan estratéxicos nun ano de crise? Hai compromisos de pagamento ineludibles? Cantas toneladas de cemento nos van sulagar?
E, polo de agora, por que crece o remanente? É que a Universidade non ten capacidade de execución do seu orzamento? É desexábel que creza ano tras ano?