9 feb 2010

ESCULCA

Levo xa a día de hoxe moitos centros visitados. As conversas e debates cos equipos directivos e co persoal docente xa nos ten aportado un input informativo importante, ao que se suman tamén diversas reunións co persoal de administración e servizos e con asociacións de estudantes. É sen dúbida un labor gratificante ter a oportunidade de coñecer máis e mellor á comunidade universitaria e a tantas compañeiras e compañeiros. Só por iso paga a pena asumir unha candidatura e investir gran parte do tempo do que un dispón neste empeño.

Sería inxusto non recoñecer que a xente está arriquecendo o noso programa. Eu lle agradezo a cada persoa que veu falar conmigo e connosco a súa aportación por construírmos unha Universidade mellor , desde abaixo, con humildade e sen posicións paternalistas cheas de prexuízos. Ben é certo que moitas das nosas hipóteses iniciais se van confirmando, en moitas ocasións por desgraza. Pero tamén o é que o debate matiza afirmacións de partida, abre novas frontes, propicia a asunción de obxectivos adicionais e suma perspectivas novas de análise.

Esa está a ser a nosa disposición: a de escoitar, a de servir, a de pór nosas capacidades na busca dunha Universidade máis solidaria e máis xusta. Como dirían algúns, de estar sempre na actitude de esculca. Hoxe mantivemos unha arriquecedora conversa co persoal de CACTI e de I+D. Que pouca sensibilidade houbo con estruturas de investigación tan fundamentais desde a xestión da Universidade! E, ao mesmo tempo, cantas capacidades subempregadas! Tamén estivemos co equipo directivo de Enxeñería de Minas que nos aportou unha mensaxe dun centro pequeño, pero con moitas potencialidades e cunha necesidade forte de proxectarse social e institucionalmente. Onte, Enxeñería Industrial, e un longo etcétera de conversas.

Non é doado transmitir este sentimento de gratitude polas complicidades, polas suxestións e polas críticas tamén. Sempre engado que é de lealdade institucional arriquecer o noso programa colectivamente, do mesmo xeito que o é arriquecer o do adversario. Na concorrencia competitiva entre uns e outros, para dotarmos de referenzas programáticas esixentes e que melloren a Universidade de Vigo. Estouno pasando ben. Comprobando que a “Universidade das persoas” é o mellor leiv motiv que podíamos ter escollido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.