23 feb 2010

CENTRO DE POSGRAO

Xa expusen algunhas veces as críticas á política das silveiras que se ten feito estes catro anos no tema do posgrao. Toda semellanza cunha estratexia reflexiva de que oferta de posgrao require a Universidade de Vigo é mera coincidencia. O máster urxe boa gobernanza para que no cuatrienio 2010-2014 a nosa institución estruture unha oferta harmónica, planificada, sinérxica e socialmente responsable. No ámbito das titulacións, nos vamos xogar a partida do posgrao. Sen esquecer, por suposto, a implantación canto máis ortodoxa poidamos dos graos.

Neste contexto, hai que racionalizar recursos, conxugar esforzos e dinamizar a oferta. Para afrontar estes obxectivos ambiciosos, hai que proxectar a idea dun centro de posgrao. Isto é, un centro de seu, cunha entidade similar á que teñen os centros nos que na actualidade se imparten graos, posgraos, diplomaturas ou licenciaturas, pero que leve a marca do posgrao na Universidade de Vigo. Non cómpre nunha primeira fase que todos se abeiren neste centro, abonda con que naza cun pequeno feixe de másters, pero con azos de espallamento. Para que, co tempo, sexa un centro referencial.

Leín que Emilio Fernández proxecta esta idea para o Campus do Mar. Será un marabilloso xérmolo e alicerce doutro centro máis xeralista. A optimización de recursos é evidente, e tamén as complicidades entre uns másters e outros, a consecución dun know-how e a formación dun persoal directivo e de servizos especializado. Claro que a idea require esforzo planificador, amplitude de miras e xenerosidade do PDI e do PAS, para pór en mancomún as iniciativas de toda a comunidade universitaria. Desde logo, os estudantes serían directos beneficiarios, e tamén a nosa capacidade investigadora.

Mágoa que o goberno de Alternativa Universitaria optara por amortizar a nosa presenza física no centro de Vigo. Nun contexto diferente, o centro de posgrao podería ademáis amparar a formación continua, nun diálogo máis fluído coas necesidades formativas da nosa sociedade civil. Porén, aínda e tempo de dotarmos de estruturas necesarias e racionalizadoras. Onde sexa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.