13 nov. 2009

PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR: IMOS Á TOA


Hai una frase célebre dun xuíz norteamericano verbo da utilización da proba estatística que dí que os xuíces utilizan dita proba do mesmo xeito que os borrachos utilizan os farois: para sosterse, non para alumearse. Algo semellante habería que dicir da ferramenta do Plan de Ordenación Docente –POD- na nosa Universidade: nas mans do equipo de goberno, endexamais valeu para planificar, unicamente para soster decisións pouco xustificabeis e algunha que outra arbitrariedade.

O cadro de PDI non se xestiona cun programa Excel. A xestión das persoas é algo máis complexo, que require de planificación a curto, medio e longo prazo. Non vale a improvisación permanente da que hai tempo veñen facendo gala nosos vicerreitores/as d e profesorado. Este ano se nos prometeu un plan estratéxico de profesorado, que se sometería ao Claustro ao longo do 2009. Pero o sorprendente sería que cumpliran algún compromiso! Teño que confesar que someteron á consideración de Nova Universidade un documentiño que non merece máis comentarios. Unicamente que nin siquera daba a talla de “documento”, e moito menos de “estratéxico”. Teño a impresión de que o gardaron no caixon e, para o que era, case mellor.

Namentres, un ten que escoitar a algúns gabándose da extraordinaria política da UVigo cos Pargas Pondais, como sucedeu hoxe en Ourense. A autocomplacencia entra de cheo no ridículo e no insulto á intelixencia das persoas. Seica haxa algún futuro para esas persoas, pero moi dubidosamente se o fían á “xestión” dos que agora nos gobernan. E aínda por riba a “estratexia” de “Alternativa” semella que pasa por engordar máis a bola de neve dos Parga Pondais a costa das figuras de profesores axudantes, especie a eliminar segundo seu pensamento. E, se non, que se comproben as normas de POD dos últimos anos. Alguén ten claro onde hai que consolidar cadro de persoal?, haberá alguén que entenda que hai ámbitos deficitarios de profesorado?, non entende o Goberno da Universidade que está axigantando a desproporción?, cando alguén vai facer política de persoal de verdade?

Hai moitos centros que non teñen relevo xeracional. Hai áreas de coñecemento zombis, por mor de políticas de depauperación progresiva que convirten unha enorme percentaxe da nosa institución nun eiral. A responsabilidade do equipo de goberno, pola súa nefasta xestión de persoal, é inmensa. E inmenso é o desánimo dos moitos/as que non pertencen á minoría para a que goberna Gago e o seu equipo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.