22 ene 2014

QUE COTICEN OS “PRINGAOS”!


Non quixen entrar no debate da reforma dos conceptos cotizables introducida por RD-lei 16/2013. Por moitos motivos, entre outros porque teño certa fobia a opinar dos temas que máis saen nos medios de comunicación. O que pasa é que este venres teño que dar un curso e tiven que estudar a nova redacción do art. 109 LXSS. Non me quedou outra. E claro, debe ser que leo un texto distinto do que leen outros, ou que xa non entendo nada. Pero me parece unha coña. Coincido en que a reforma é unha trapallada. Non vou falar de procedimentos lexislativos, que é o tema de sempre. Vou falar de contidos. E esta lei, de que vai? Vexamos:

-Vaise cotizar por salarios en especie. Por iso, primas de seguros, cuotas de clubes privados, coches de empresa, alugueiros de vivenda, cheques gasolina…Van cotizar. Claro que para que cotizaran realmente sería necesaria unha pequena reforma: que se destoparan as cotizacións. Porque a meirande parte desta torta a papan traballadores que teñen salarios moi por riba da base máxima. Deume a curiosidade de comprobar se a Lei de Presupostos cambiaba algo neste tema, pero nada, claro. Quen vai cotizar? Os traballadores non cualificados que tiñan suministros enerxéticos, os porteiros de vivendas que vivían no soto das mesmas ou os auxiliares administrativos que non poden xantar na súa casa e reciben vouchers para a comida. Claro, que vai facer o empresario? Eu penso que reservar todos estes "perks" aos traballadores polos que non ten que cotizar máis. Isto é, aos mellor retribuídos.

-Os traballadores que reciban unha orde de mobilidade xeoográfica e perciban compensacións por gastos non previstos en convenio terán que cotizar por elas. Os traballadores que cobraban pluses de transporte os van deixar de cobrar porque son conceptos cotizables. Os traballadores en paro temporal ou parcial, se se lles mellora a prestación de desemprego, van ter que pasar pola caixa da TXSS. Cando perciben axudas de vivenda ou outras medidas de acción social, cotízase, como se vai cotizar polos productos que adquiran en economatos. Pero, iso si, por riba da base máxima, barra libre.

Evidentemente, as empresas quéixanse. Van deixar de conceder unha manchea de beneficios aos traballadores clase de tropa para o finanzamento desas caralladas de bonificacións á Seguridade Social das que o Papo dicía que había que meter as tesoiras, e o que meteron foi estrume abondo para que creceran aínda máis. Despois desta reforma, os traballadores máis ricos van ser máis ricos e os demáis, máis fodidos. Vai haber barullo xudicial, para maior proveito dos avogados de empresa e perderemos case todos. Por suposto, non vai subir a cotización. Do que estou certo é de que dentro de seis meses Mrs. Bathson (doña Báñez) dirá en rolda de prensa que a medida foi todo un exitazo. Porque, se non fose por ela, a cotización teríase derrubado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.