1 ene 2014

ADEUS, SUBVENCIÓN AO DESPEDIMENTO!

As leis de orzamentos sempre son unha caixa de sorpresas. A deste ano, entre outras moitas novidades que non é cousa de comentar agora, suprime sen prazo a responsabilidade directa do Fondo de Garantía Salarial na indemnización por despedimentos obxectivo e colectivo, ben sexa este ordinario ou no cadro dun procedemento concursal. Evidentemente, non hai que albiscar na reforma outra pretensión que aforrar uns cartos nun tempo no que o dito organismo autónomo está a facer fronte a situacións de insolvencia empresarial moi numerosas. De feito, é un banzo máis na rebaixa da responsabilidade do FOGASA, que xa tivo seu antecedente no RD-lei 20/2012. Pero, alén das intencións do corpo lexislativo, o que realmente importa é o comentario de política de dereito. Con esta supresión, é coma se se pechase un ciclo, que comezou na reforma do 2010 coa tentativa de introducir o denominado modelo austriaco de pagamento da indemnización por extinción do contrato. Desbotada esta posibilidade xa na reforma do 2012, a eliminación do art. 33.8 do Estatuto dos Traballadores supón que desaparece unha das especialidades máis importantes que existían canto ao despedimento nas pequenas empresas. Benvida sexa a súa desaparición. Levo anos teimando no distorsionante que é que se subvencione o despedimento. Estaría ben que a subvención se convertera nunha axuda ao mantemento do emprego, pero non á súa destrución. Está ben que os sistemas xurídicos laborais adapten as súas esixencias ás necesidades e circunstancias da pequena empresa. Porén, iso non ten que implicar únicamente facilitar as decisións extintivas das empresas, senón que hai un abano máis amplo de posibilidades. Está pendente, por exemplo, unha reforma seria das suspensións ou reducións de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, para que tamén se acollan a estas medidas as pequenas empresas de menos de 25 traballadores. Porque, cando menos ate hoxe, lles saís máis á conta despedir, vista a subvención que lles regalaba o art. 33.8. A utilización desviada desta institución deu boas probas da súa inconveniencia. Por exemplo, perderon seus traballos moitos traballadores maduros con extincións baseadas en ineptitudes sobrevidas, coa endemoñada complicidade das mutuas de accidentes de traballo. Abondaba con pagarlles aos traballadores, logo de longísimos anos de prestacións de servizo, unha pequenísima indemnización, logo completada polo FOGASA. Iso sen comentar os moi habituais pactos informais para que o traballador non impugnara o cesamento, nos que era moi doado defraudar ao organismo autónomo. O efecto destrutor do emprego da subvención do art. 33.8 está por avaliar. A algúns nos sorprende canto tardou en desaparecer. E nos sorprende aínda máis que desapareza por motivos que teñen moi pouco que ver coa racionalización do despedimento. É unha boa nova para o comezo do ano. Antes de saír correr un pouco polas Avenidas e cismar noutras historias, subo a primeira entrada do 2014 co devezo de que as gradas dos nosos estaleiros se enchan de traballadores moi cedo, como primeira mensaxe de que algo cambia na miña querida cidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.