20 ene. 2014

LAISSEZ FAIRE COLECTIVO. UNHA LEMBRANZA DE KAHN-FREUND

Moitos anos máis tarde, esta semana tiven a oportunidade de lembrar o sistema británico de relacións laborais. Non foi máis que unha pequena pasaxe dunha longa conversa cos meus anfitrións en Hull, Jo Carby-Hall e máis Diane Ryland na cottage desta, e ao longo dunha cea que nos ofreceron á miña dona e a min na nosa visita desta semana pasada. Jo contounos moitas cousas, e entre outras a influencia que na súa vida académica tivo Otto Kahn-Freund, ou os traballos que estaba a realizar da vella doutrina de Lord Denning verbo do constructive dismissal. Comentarios eses que me retrotraeron aos anos noventa e ás miñas estadías invernais en Leicester, Southampton ou Liverpool e o interese que tiven –e que no fondo aínda manteño- polas relación industriais no Reino Unido. Cuestións sentimentais e persoais á marxe, quero expresar a miña perplexidade polo pouco que se estuda no noso país o sistema británico. Se exceptuamos a magnífica traducción que fixo Galiana Moreno do libro The Worker and the Law de Kahn-Freund no ano 1988, e dunhas traduccións posteriores de Valdeolivas dos escritos de Lord Wedderburn anos máis tarde, o certo é que os artigos e publicacións en España verbo do Dereito inglés son anecdóticos. O que non deixa de sorprender. Realmente, a figura de Kahn-Freund no panorama global das relación laborais e a súa pegada é xigante. A súa construcción doutrinal verbo do laissez faire colectivo baséase nun abstencionismo do dereito nas relacións laborais, para que o capital e as organizacións sindicais negocien libremente. Pero sempre e cando haxa unhas organizacións de traballadores que poidan aportar xustiza social e estabilidade ás relacións laborais. Porque parte da idea, obvia, pero excepcionalmente descrita, de que o traballador mantén unha relación co empresario característica de alguén que non ten poder fronte a alguén que o ten todo, de xeito que o contrato de traballo é na súa orixe un acto de submisión e na súa dinámica unha relación de subordinación. É unha mágoa que as novas xeracións de xuristas do traballo non coñezan a obra de Kahn-Freund. Nen lean o informe Donovan, do 1968, do que el presidiu a comisión. A mesma importancia que poden ter os informes de Lord Beveridge no campo da Seguridade Social a ten o de Kahn-Freund no das relacións laborais. Ben é certo que anos máis tarde, cando M. Thatcher sucedeu a J. Callagghan como primeira ministra, comezou a súa cruzada persoal contra as organizacións sindicais e contra este sistema voluntarista de relacións laborais baseado nunha alta sindicación. A súa teimuda belixerancia, baseada nas radicais ideas de F. Hayek –como por certo describiu de xeito moi gráfico Lord Wedderburn- destruiu un sistema de equilibrios internos, a cambio dunha lexislación vulgar e destrutora de todos os mecanismos de contención social. Como escribiu Auerbach, lexislou para o conflito e en defensa da clase dos privilexiados. Ben é certo que sempre no marco dun xogo xenuínamente democrático, que é o sinal diferenciador dos tories británicos fronte as dereitas autoritarias do Sur de Europa. Con todo, o legado teórico de Kahn-Freund é un aporte fundamental para os estudosos das relación laborais. Xa vai chegando a hora de que se lle teña máis en conta no noso país, como referente dun modelo de negociación e conflito que, nas súas dinámicas, sigue existindo nalgúns marcos laborais europeos. Desde logo tamén no Reino Unido, mais os fondos cambios sucedidos desde os anos sesenta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.