26 mar 2012

UNHA FERIDA DOOROSA NO NOSO MODELO SINDICAL

A estratexia de banalizar os danos que producen as súas decisión é un ben coñecido costume da clase dominante. O pasado venres estiven nunha xornada relativa á reforma laboral na que se pronunciou unha das mentes máis lúcidas e provocadoras ao servizo da empresa. Á marxe dunha discusión realmente engaiolante, na que puidemos polemizar –cousa que non me sucede a cotío, máis ben sinto que os defensores da reforma fuxen do diálogo e da discusión- xa ao remate da súa intervención, este profesor pronunciou unha conclusión coa que levo rosmando todo o fin de semana. Dixo que, desde unha perspectiva técnica, era moi inapropiado e pouco defendible concluír que o decretazo implicaba unha regresión do noso modelo sindical. Mesmo teño a impresión de que o expresou de boa fe. Non me parece alguén que agache os seus pensamentos propios.
Neste caso, pois, entendo que non hai engano deliberado, pero si na meirande parte das veces. Cando, con ese aspecto circunspecto e concesivo, a xente engarabetada manifesta que non é para tanto. Engánannos. Vaia se é para tanto! O decretazo supón, sen dúbida, unha tentativa de mutilación do primeiro e máis importante contido de actividade da liberdade sindical: a negociación colectiva. En aparienza, trátase dunhas poucas reformas illadas. Porén, o seu programa destrutivo é inmenso. Abonda con comentar os tres efectos fundamentais:
-A imposibilidade de garantir en cada sector uns mínimos comúns para todos os traballadores e traballadoras. A reforma prohíbe que as partes sociais poidan vincular aos cadanseus representados por pactos supraempresariais. É dicir, impide que desde a negociación caiba dotar a traballadores e empresas de reglas común e indispoñibeis á baixa en ámbitos empresariais. Coa agravante de que, en claro descoñecemento do Convenio nº 135 OIT, o Estatuto dos Traballadores promove que se celebren acordos de empresa con representacións laborais non sindicalizadas, escollidas sen as mínimas garantías e ao servizo dos máis avarentos intereses das empresas.
-A forte laminación da forza vinculante dos convenios colectivos mediante uns procedementos de modificación substancial e inaplicación das condicións de convenios colectivos realmente inxustos, desequilibrados e antisindicais. No caso das modificacións substanciais, a reforma tritura, con inmenso desprezo, a forza de obrigar dos convenios extraestatutarios. No caso das inaplicacións, a inconstitucionalidade da reforma e a súa lesión do dereito de liberdade sindical e do de tutela xudicial son tan elementais que ninguén cunha migalla de bo senso os pode negar. O noso convenio colectivo é vinculante porque así o expresou o pacto constitucional do 78, por máis que lle incomode á clase dominante. E por máis que se apelen no ET a unhas causas “económicas, técnicas, organizativas e de producción” totalmente deturpadas. Causas que, na práctica, nada significan, máis que introducir doses de unilateralismo propias de modelos predemocráticos.
-O absoluto desprezo ás fases de consultas nos despidos colectivos. Quizáis este sexa o asunto máis simbólico. Baixo a disculpa da necesaria desaparación da autorización administrativa –autorización da que estabamos certos que tiña que desaparecer antes ou máis tarde- se reducen as fases de consultas a unha cerimonia erma, da que a súa celebración non ten outra trascendencia que o cumprimento dunha formalidade. Porque, aínda que se chegue a acordo, este non vai facer que se presuma a existencia de causa. É dicir, a mensaxe á empresa está clara: cumple coa formalidade e xa está, non te comprometas nunha xenuína negociación de boa fe, totalmente inútil. En resumo: estase a volver as costas ao modelo europeo de negociación previa aos despedimentos colectivos. E a trivializar a intervención sindical nunhas circunstancias tan complexas para os traballadores como nos expedientes de regulación de emprego.
Se isto non afecta ao noso modelo sindical, que vai afectar? A reforma do 2012 pecha moitas cancelas á negociación. Aínda nos quedan, polo de agora, as canles do conflito. Magro consolo, diante dun goberno tan autoritario, que estou certo de que en pouco tempo vai querer porlle portas ao campo e regular para restrinxir os conflitos laborais. Alguén nos dirá, condescendentemente, que tampouco o modelo colectivo quedaría en entredito!

3 comentarios:

  1. ¿Quien era o cuitadiño que pronunció tamaña sandez, querido amigo? Es importante conocer los nombres de quienes mantienen opiniones que en la jurisprudencia constitucional se llamarían irrazonablemente argumentadas, arbitrarais y con errores patentes

    ResponderEliminar
  2. Obrigado, Don Jaime. Hay que ver de lo que son capaces estos juristas ´prácticos con tarjeta de visita en la que campea la cátedra...

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.