O luns 6 febreiro 2012 -5 días antes do sábado 11 febreiro- publicárase no BOE un texto que a día de hoxe ten a mesma vixencia que o Ordenamento de Alcalá. Pode que lle interese a algún erudito que faga historiografía xurídica, pero pouco máis. Falo, por suposto, do II Acordo para o Emprego e a Negociación colectiva. Un acordo interprofesional absolutamente incompatíbel con moitos dos preceptos que, cinco días máis tarde, publicou unilateralmente o Goberno do Reino de España.
As condicións cambiaron. A adhesión entusiasta de CEOE e de CEPYME ao bodrio de urxencia 3/2012 fai, desde logo, que as centrais sindicais estatais máis representativas queden liberadas dos compromisos asinados noutras condicións moi distintas. Non se trata só de que as circunstancias mudaran –rebus sic stantibus- como dirían os referidos eruditos-. Tamén da exceptio non adimpleti contractus, na linguaxe pedante que hoxe me deu por empregar: non hai que cumplir cando a outra parte non cumple.
Por iso, e por moito máis. As centrais empresariais amosaron toda a súa hipocresía e todo o seu desprezo ao socialmente concertado. A súa posición denota unha mala fe evidente na aplicación dun acordo social de fondo calado no que estamparan a súa sinatura. Supón un abuso da confianza dunha parte social que lles concedeu unha flexibilidade interna nunca antes admitida sindicalmente. Para ben ou para mal –para mal, hai que entender, logo da innoble resposta de CEOE e CEPYME- CCOO e UGT admitiran inaplicacións, mobilidades, xornadas irregulares e unha longa listaxe de medidas que as empresas poderían utilizar na xestión ordinaria dos seus traballadores e traballadoras.
Logo virán as patronais nas mesas de negociacións pedindo boa fe e flexibilidade tratando de paspáns ás persoas que teñen enfronte. Quizáis a necesiten. Desde logo, non a merecen. Se por eles fora, non merecerían nada. Unicamente a responsabilidade da parte social está desde hai tempo poñendo algo de lóxica na negociación colectiva. Con todo, unha cousa é que nos convenios haxa que atender certos argumentos e outra moi distinta que, en lóxica xurídica, o Acordo para o Emprego e a Negociación colectiva manteña a súa vixencia. Desde logo que non. Que ningún representante sindical se sinta vinculado. Evidentemente, a patronal nin se sinte nin se sentiu obrigada por un pacto que naceu como papel mollado. Os líderes das confederacións empresariais lle deron o mesmo valor ao Acordo que o que lle deu o goberno do PP: absolutamente ningún. É ben coñecida a frase atribuída a Don Silvio de Italia: os gobernos débiles concertan socialmente e os fortes gobernan. Eiquí hai moito goberno metido na “casa das liberdades” sen ter que se achegar a Vila Certosa.
Por todo iso, claramente a folga xeral tamén se dirixe contra estas organizacións empresariais desleais, ventaxistas e pouco fiabeis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.