7 mar 2012

“CONCILIACIÓN POR OBRIGA”

Xusto leín as declaracións incríbeis da ministra “de Emprego e Seguridade Social”. Un non sabe se as súas verbas son froito da ignorancia máis vasta que cabe imaxinar ou da mala fe no cálculo máis ruín inzado da baixeza moral característica da dereita deste país. As mulleres desempregadas deste país non concilian nada, porque non traballan. Por certo, as novas multitudes de persoas desempregadas neste país, dos cinco aos seis millóns que agardamos este ano supoño que, seguindo a mesma lóxica que o PP expresa, non cabe outra que atribuílas á pésima xestión do goberno Rajoy. Digo eu, non?

Calquera que faga unha análise mínimamente desapaixoada da evolución do emprego sabe que a incorporación masiva das mulleres ao mercado de traballo en España se produce a partires do 2004, como consecuencia de moitas circunstancias, desde logo. Pero anteriormente nunca se traducira un ciclo económico expansivo en incremento do emprego da muller. Digo isto eu, que xamais votei a ningún dos partidos que detentan o poder no Reino de España. Pero o digo para deixar claro que a dereita deste país xamais se comprometeu co emprego feminino.

Por outra banda, o PP é o maior responsábel do baixísimo índice de emprego da muller que hai no Reino de España. Unha cousa é que a taxa de desemprego feminino sexa elevada, feito que evidentemente é produto de moitas circunstancias, entre outras, desde logo, a moi mellorábel política do PSOE en termos de xénero. Pero outra moi distinta que a taxa de emprego resulte das máis baixas de Europa, do que ten responsabilidade unha política orientada a que ás mulleres traballar non lles pague a pena.

O tópico da conciliación da vida familiar e laboral sempre o empregou o PP para manter a dinámica social da dobre xornada da muller, xamais para introducir doses de corresponsabilidade masculina na atención ao fogar, cousa que unicamente se fixo na Lei Orgánica de Igualdade do 2007. Esta dimensión “bienpensante” da conciliación constitúe un subproduto do pensamento da dereita deste país, empeñada en alienar ao home do coidado da familia e moldear unha sociedade de varóns irresponsabeis do labor de crianza e de traballo no fogar familiar.

Pero ademáis, as reformas encetadas desde o RD-lei 3/2012, como xa teño dito neste blog, son as máis contrarias aos dereitos de conciliación da vida familiar e laboral. Como exemplos máis evidentes, a regulación do traballo a tempo parcial, a desregulación da flexibilidade horaria –sen excepcións necesarias-, a nova lóxica da reducción de xornada por garda legal e as normas de mobilidade funcional, sen matices necesarios. Nestas condicións non é que haxa dificultades de conciliación. É que ás mulleres non lles paga a pena traballar, porque non poden. Sen medidas de estímulo da corresponsabilidade masculina. Se a iso se lle engade a insoportábel suba nas taxas das garderías infantís –como sucede, por exemplo, en Galiza- e a mala calidade dos servizos de atención a persoas dependentes, da que fai profesión de fe a dereita cutre deste país, a consecuencia resulta clara.

Por suposto que Báñez vai conseguir o seu propósito: que baixe o número de mulleres demandantes de emprego. Pero non porque obteñan emprego, senón porque deixen de demandar emprego. Así soluciona todos os problemas de conciliación.

Xa que logo, Goberno do Reino de España, unha de dúas: a dicir a verdade ou a estudar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.