1 mar 2012

A PRECARIEDADE COMO ÚNICA META: O CONTRATO A TEMPO PARCIAL

Cando un escoita falar á xente benpensante das políticas de conciliación da vida familiar e laboral, un non acredita que esta mesma xente poida defender unha reforma laboral que esmaga as máis elementais medidas legais que tentan conxugar as obrigas familiares e personais cun emprego de calidade. As persoas cunha migalla de sensibilidade social non poden senón repudiar o que fixo o Goberno Rajoy, ao cabalo das asesorías laborais da gran empresa, cos dereitos dos traballadores e traballadoras a tempo parcial.
Hai en Europa toda unha literatura e praxe do contrato a tempo parcial de calidade, que parte desde logo do pensamento de Esping Andersen e chega mesmo ao espiñal da doutrina dunha entidade tan querida polo pensamento liberal como é a OCDE. Cando no ano 1997 se aprobou a Directiva comunitaria, o sindicato danés laiouse do que era un solo de dereitos moi pouco garantista. Daquela se estableceron o principio de voluntariedade e máis o principio de igualdade, dous valores cardinais para esta modalidade contratual. Asemade, se preocuparon as lexislacións europeas –tamén a do Reino de España- de garantir certos dereitos de concreción horaria para as persoas que traballaban con xornada inferior á completa. Digo isto para pór de relevo que as garantías do traballo a tempo parcial non constitúen unha filosofía do pensamento social-demócrata, senón un valor partillado tamén pola xente liberal. O traballo a tempo parcial con dereitos é unha condición legal da emancipación laboral e social da muller traballadora, sen perxuízo de que, a longo prazo, o mantemento do emprego feminino non pase polo recurso masivo ao part time. Como amosan os sistemas danés e sueco.
A precariedade e a dualidade laboral retroaliméntanse. O que fixo o RD-lei 3/2012 co art. 12 do ET non é senón recluír a exércitos de mulleres nos ghettos do emprego atípico e sen dereitos. Ao mesmo tempo que non se estimula que emerxa o inxente traballo a tempo parcial sulagado –en sectores como o emprego doméstico, a hostalería ou os servizos varios- constrúese unha relación laboral extraordinariamente feble para estos colectivos de traballadores expostos ao autoritarismo máis arbitrario das empresas.
Como é ben coñecido, a reforma consiste en que toda a xente que traballa a tempo parcial –indefinida ou temporal, xa teña pacto de realización de horas complementarias ou non- pode estar sometida a realizaren hora extraordinarias. “Formalmente” voluntarias na meirande parte dos casos, obrigadas en non poucos convenios. Sen necesarios prazos de preaviso para as persoas afectadas axustaren as súas obrigas extralaborais, sen dereitos de consolidación da xornada, sen garantías de poderen compensar o exceso de xornada antes do remate dos seus contratos, sen capacidade de distinguiren cando realizan xornadas irregulares, cando horas extras, cando horas complementarias, cando xornadas flexibles…Sen dereitos do mínimo control do tempo de traballo, en definitiva. E, ademáis, con esta obscena invitación do goberno do Partido Popular ás empresas para que cometan os máis groseiros fraudes de lei sen a mínima posibilidade de control por parte da Inspección de Traballo.
Eis o que quere a reforma co precariato: un exército de reserva de man de obra barata ao servizo dos primitivos instintos da empresa sen escrúpulos. Por suposto que as empresas e os empresarios e empresarias de boa fe tamén perden con esta invitación ás prácticas informais. Como as horas extraordinarias, sumadas a horarios flexibeis, imposibilitan o control da xornada de quen traballa a tempo parcial, as condutas máis desaprensivas están servidas.
A desvergoña de afirmar que a reforma loita contra a dualidade no mercado de traballo constitúe unha afrenta á intelixencia e unha dolosa afirmación dun goberno instalado na mentira. E as mulleres traballadoras, principais destinatarias deste traballo atípico, son as grandes perdedoras. Que logo veñan alguén da dereita dicindo que defenden os seus dereitos!
Todos os epítetos das estrofas polo de agora aínda toleradas –por pouco tempo, se esta xente segue a gobernar- dos Queixumes dos Pinos non abondan para describir a afrenta ao pobo traballador que fai o decretazo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.