A escalada da agresión conxunta á clase traballadora que están perpetrando en simbiose perfecta o goberno e as centrais empresariais é escandalosa. Un ten a impresión de que esqueceron un e outras que o noso texto constitucional, do que tantas protestas fan da súa defensa, define un Estado Social e Democrático de Dereito. As pretensións que sosteñen non son, nen sociais, nen democráticas, nen de dereito. Cada vez hai unha identidade maior entre o pensamento reaccionario español e o propio dalgúns Estados dos que os dereitos sociais son, simplemente, dereito declamado. O PP pensa dos dereitos sociais o mesmo que o Partido Revolucionario Institucional da Constitución de Querétaro.
A última rede de sostemento social é, para certo persoeiro de Cepyme “inasumible”. O desemprego haino que desmontar. Noutra época, esta afirmación non tería outra calificación que a de bufonada ou baladronada. Pero, nos días que corren, é un chamado á confrontación social. É unha afirmación moi perigosa feita por un radical antisocial, que por desgraza representa unha corrente de opinión emerxente. O Goberno no PP ten unha débeda moral –se é que se pode falar de moralidade no caso do PP- de clarexarlle a toda a xente desempregada e en risco de perda inmediata do seu emprego por mor do decretazo do 10 de febreiro que non vai baixar a cobertura de desemprego e que non vai escoitar os cantos de serea destes persoeiros ruíns e escuros da patronal.
Non é que non haxa que reformar a prestación por desemprego. Haina que reformar, claro está. Pero para protexer máis eficazmente e para darlles un mínimo de seguridade ás clases traballadoras. Hai moito que discutir do noso obsoleto modelo de protección do Tit III da Lei Xeral de Seguridade Social. Ten que estar máis orientado á consecución de empregos e á empregabilidade das persoas desempregadas. E ten que ter máis en conta aos traballadores e traballadoras máis vulnerabeis. Pero, lonxe de investir menos, hai que investir moito máis en políticas activas e pasivas de emprego. Nestas datas, habería que pedirlle aos voceiros do pensamento reaccionario que reflexionen verbo de como se consiguen mercados laborais que sexan ao mesmo tempo flexibeis e seguros.
O que está a facer estos días a patronal, da man do goberno da dereira, é romper os consensos sociais máis elementais. Están atizando un conflito social do que máis tarde quererán facer responsabeis e culpabais aos sindicatos e ás persoas traballadoras e desempregadas neste país. A xente sen emprego, señores voceiros da patronal, non son lacazáns. Son persoas que non traballan porque foron expulsadas do mercado de traballo, ou, aínda peor, porque as redes de inclusión social non lles deron a mesma posibilidade de seren incluídos.
A prestación de desemprego non é un viático nen unha limosna. É un dereito constitucional, expresado no modelo de Seguridade Social do que nos dotamos no ano 1978. Quizáis o goberno amigo das empresas e inimigo da clase traballadora escoite o pensamento radical-reaccionario e lexisle en clave restritiva nas prestacións de Seguridade Social. Pero, daquela, terán cruzado a moi delgada liña que hai entre un modelo de desmantelamento do social e un modelo de antagonismo e de odio de clases. Saiban señores gobernantes, que está en xogo a cohesión social e a convivencia neste país. Cada vez máis, un sinte unha vergoña infinda de ter a nacionalidade española.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.