Estou certo de que o presidente do Goberno do Reino de España, Mariano Rajoy, visita persoalmente meu blog todos os días. Tamén me consta que ten ao seu servizo un tradutor galego-español, porque hai moita xente no seu partido que ten moitas capacidades no manexo de linguas mortas. Así que non ten ningún problema coas miñas propostas, que hoxe lle remito á espera de que mañá as considere no Consello de Ministros. Ademáis, eu, no meu habitual estrabismo, unicamente me vou referir a cuestións colaterais, que pouco repercuten no conxunto.
Leín hoxe na web que a Ministra de Emprego e Seguridade Social -á que nomeou Rajoy polo seu nome miragreiro coa confianza de que vai revelar o terceiro segredo tan ben custodiado ate mañá, de como se crea emprego no noso país- pensa facilitar a capitalización da prestación de desemprego. Paréceme ben –dígoo sen ironía- para correxir o programa con limitacións absurdas introducido polo Goberno Aznar na reforma do 2002. Menos ben me parece –se é que o pensa meter- que reduza con carácter xeral a duración da prestación por desemprego. Non poido neste pequeno espazo xustificarme máis, pero abonda con dicer que esta medida vai no carreiro inverso das propostas alumeadas en Europa baixo o principio da flexiseguridade. Esa non é a fórmula para facilitar que os traballadores asuman retos e riscos nas súas carreiras profesionais.
Outro tema importante é o da reforma das empresas de traballo temporal. Que a día de hoxe restrinxan a súa actividade ao prestamismo laboral e que non poidan desenvolver funcións de formación, selección e colocación á marxe do prestamismo ven de costas á realidade e ás necesidades do noso mercado de traballo. Propóñolle a Don Mariano que se lea a sentenza Comisión e Luxemburgo do 2011 (asunto C-397/10) para que vexa cara a onde van as cousas noutros Estados da UE. Prégolle que teña en conta que hai que encher o baleiro que hoxe hai no ámbito das axencias privadas de emprego, a causa da inactividade política e da incompetencia dos Conselleiros de Emprego que o PP ten nas CCAA nas que goberna. E advírtolle que é infamante que falle o marco institucional nesta situación de desemprego que pasa do 25 por 100 da poboación activa.
Iso está moi ben, pero non chega. Hai que afortalar os servizos públicos de emprego. Se o investimento aconsellado desde Europa é do 4 por 100 do PIB, é lóxico que no Reino de España, coa que está a caer, nos acheguemos máis ben ao 6 por 100. Se non quere o noso querido presidente que os desempregados segan a ser os parias que tan ben se describen en Full Monty. Claro que a ringleira de parados chega a máis lonxe en Vigo, Cádiz, ou Barcelona que en Sheffield. Que non se incrementen as dotacións dos servizos estatal e autonómicos de emprego sería sinal evidente de que ao sr. Rajoy lle interesa o mesmo o emprego do que lle importa o futuro da lingua galega. Ou menos, se cabe.
Abonda por hoxe. Pídolle tamén, sr. presidente, que relea miñas entradas anteriores verbo do contrato a tempo parcial. A idea de fomentalo non vai valer para nada. Unicamente con incentivos, Fátima non vai obrar o miragre.
Boas tardes profesor:
ResponderEliminarGostaríame coñecer a túa opinión sobre cal sería a mellor maneira de apuntalalos contratos no sector da hostalaría
Gracias polas tuas verbas sempre fructíferas e interesantes.
Non entendo moi ben a pregunta. Supoño que falas polo tema dos contratos a tempo parcial. O lóxico sería unha flexibilización recíproca na que a empresa tamén a parte traballadora adaptaran continuamente as súas necesidades. Sería importante regular medidas de traballo compartido -que máis dunha persoa compartise o mesmo posto de traballo-. E establecer reglas moi flexibles para sectores moi dinámicos e traballos de temporada -pubs, centros de verán- nos que se combinara recurso a traballo a tempo parcial con uso flexible de ETTS. Saúdos.
ResponderEliminar