17 feb 2012

AUTORITARISMO, DEMOCRACIA E RELACIÓNS LABORAIS

Xa comezan a espallarse os comentarios microscópicos da reforma laboral que tentan, na análise singular, camuflar os obxectivos de conxunto da reforma. Os valedores deste texto gubernamental empregan verbos de tanta pobreza léxica como “dinamizar”, “flexibilizar”, “incentivar”, “descausalizar”. Todos estes predicados, ademáis de amosar unha maior ou menor capacidade expresiva dos comentaristas, delatan que a linguaxe normal ou mesmo coloquial non contén significantes que se asocien a tanto dislate que ven de cometer o Partido Popular contra a clase traballadora.
Por suposto, algún comentario singular de contidos terei que abordar. Pero hoxe quero enxergar o RD-lei 3/2012 desde un aguieiro distinto: desde a tentativa da dereita autoritaria de diminuír a democracia participativa nas empresas. Levo lustros tentando convencer aos e ás estudantes de que os traballadores e traballadoras non se deixan os seus dereitos fundamentais na porta dos centros de traballo, senón que penetran a relación laboral. Segue a ser verdade isto despois do domingo 12 de febreiro? Quizáis si, pero menos.
Na clase traballadora hai medo. Receo non é o substantivo. É tremor a un empresario que ten a tixola toda na súa man. Que non ten que conceder un anaquiño de participación no seu poder de dirección á representación legal dos traballadores. O modelo de relacións laborais que reflicte a reforma laboral consiste nunha empresa autocrática chea dunha inmensa power distance co traballador, cada vez menos condicionada polos mecanismos de consulta e participación. As persoas están en risco de deixar de ser individuos para se converteren en medios de producción ao servizo das necesidades ou das convenienzas da entidadade produtiva: sen que esta teña que ter para nada en conta que antes que produtores son homes e mulleres coas cadansúas vidas.
Na nosa linguaxe xurídica tendemos a dicir que as reformas son constitucionais ou inconstitucionais, sen que necesariamente transmitamos sempre un pensamento real. A traducción que hoxe quero transmitir desta inconstitucionalidade é que a reforma prohíbe a negociación colectiva. Prohíbe a posibilidade de que desde o sector se ordene a negociación colectiva de empresa. Na súa torpe técnica lexislativa, Mariano Rajoy asina conxuntamente con El-Monarca que queda prohibido negociar convenios absolutamente vinculantes para as empresas. É dicir, que as organizacións empresariais non teñen dereito de representar ás empresas deste país nen de vincular as condicións de traballo das mesmas. Negro sobre blanco. Ou non? Esta prohibición é paradigmática do que pensa a dereita deste país verbo do dereito de negociación colectiva e de liberdade sindical. Ademáis, cabe unha arbitraxe obrigatoria que decida a inaplicación do convenio, en descoñecemento das máis consolidadas doutrinas internacionais, que repudian as arbitraxes obrigatorias que non se produzan en situacións de urxencia.
Hoxe o Goberno, pola súa voceira, anunciou que pensa lexislar a materia de folga. Céibeme o demo! Xa contidos outros dereitos, o máis elemental de rebeldía controlado por unha lexislación que, polo que se escoita, quere ampliar o concepto de servizos esenciais –o Comité de Liberdade Sindical leva décadas denunciando os excesos da lexislación española nesta materia-, quere tildar case todas as folgas de ilegais por políticas, quere impedir as folgas de solidariedade e un longo etcétera. Toda unha alegoría das “liberdades” que defende un goberno “liberal”.
Noutros países de Europa, os liberais e conservadores teñen unha fonda vocación democrática que os fai, no fondo, irmáns e irmás nosos.
PS: Non me esquezo da Xunta de Galiza e do noso presidente Habichuela. Por favor, lembrade, organizacións sindicais e persoal interino e temporal que, se alguén na Xunta lles impón unha reducción de xornada que sexa voluntaria para os funcionarios de carreira, sería contrario ao dereito de igualdade e á Directiva 1999/70/CE, da Unión Europea. Semella que a Xunta non aprendeu co asunto Gavieiro Gavieiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.