12 feb 2012

A REFORMA AO SERVIZO DOS INTERESES DE CLASE

Hoxe viaxei coa miña familia a As Pontes a pasar o día cuns familiares da miña dona aos que quero como familia de sangue. Na estrada que subía desde Pontedeume, xa nas abas do Concello da Capela, o xeo anunciaba a friaxe que hoxe iamos ter na vila do Eume. O ambiente de inverno afondaba a beleza dunha paisaxe que nen a cobiza inmensa dunha multinacional allea aos intereses de Galiza estragou para sempre. Pero, ao mesmo tempo, suxería a saudade que hoxe sentimos os que algún día acreditamos nunha empresa democrática na que traballaran persoas suxeitos de dereitos que tiñan un estatuto de traballadores. Desde hoxe teñen un estatuto de servos.
Meu querido amigo Antonio Baylos expresaba onte no seu blog que era dunha mendacidade inmensa que a exposición de motivos falara dunha reforma equilibrada. Eu poucos adxectivos mellores atopo para calificar esta inmensa agresión que antonte se lle fixo á clase traballadora. Os traballadores e traballadoras son hoxe pouco máis que parias ao servizo dunha empresa autocrática á que o seu goberno amigo lle deu o máis absoluto poder dominical. Desde hoxe xa non hai boa fe recíproca, unicamente deber de lealdade. Soa a ironía que o Sr. Rosell, coa facundia que lle caracteriza, falase de superar vellos arquetipos franquistas –mellor é empregar a palabra “feixista”, como ensina o mestre Vicent Navarro-. Se o réxime feixista negaba a democracia industrial e os dereitos dos traballadores como cidadáns, a reforma de febreiro 2012 é, sen dúbida, unha reforma feixista.
Máis mobilidade –ascendente, descendente-, menos dereitos de encadramento profesional, máis poder unilateral de modificar condicións de traballo, despido máis barato e sen dereitos, anulación de dereitos colectivos,máis vulnerabilidade do convenio colectivo, menos dereitos de conciliación da vida familiar e laboral…Eis o equilibrio do que fala a –extrema- dereita.
E fala aludindo ao mantra de que é o que manda a UE, a OCDE e o BM. A capacidade de mentir deste goberno non ten límites. Onde están os dereitos de flexibilidade para que os traballadores poidan adaptarse aos requerimentos das empresas? Onde están os seus dereitos de seguridade no mercado de traballo? Que hai dun mercado de traballo inclusivo no que traballar pague a pena? Que hai de inserción laboral das persoas en risco de exclusión social? Rien. Que hai dos dereitos de coxestión que hai en Alemaña? E dos dereitos colectivos que teñen en Francia? E das tutelas reais de que gozan os traballadores en moitos Estados Europeos? Se queren, que lexislen en defensa dos seus intereses clasistas e de clase, pero que non nos chamen imbéciles.
Mentiras e mentiras: a Exposición de Motivos conta que se elimina o despido express. Nada máis lonxe da realidade. O que se eliminan son os salarios de tramitación. Por certo, coa mesma técnica que se utilizou no Real Decreto-lei 5/2002. Nestas condicións, xa non hai improcedencia que recoñecer. Pasouse do “despido express”ao “despido e tente tieso”. Xa pagará a empresa a misérrima indemnización que pode recoñecer un Xulgado do Social cando haxa que executar unha sentenza, non antes. Por certo, esta reforma vai incrementar a litixiosidade, non a vai reducir, claro está.
O da negociación colectiva seica non sexa o máis grave, pero si o máis simbólico: a introducción dunha norma imperativa que prohíbe ordenar e estruturar os convenios desde o convenio estatal. Como a reforma impide que se estruture desde o convenio, non vai caber outra alternativa que estruturar desde o conflito. A resposta está servida: acción secundaria en cada empresa na que se pacte por debaixo do convenio de sector –agás xustificacións razonables, claro está-. Restrinxir a capacidade de negociación das centrais sindicais e a patronal é o máis contrario que pode haber ao dereito constitucional de negociación colectiva.
Cabería engadir moitas outras cousas. A reforma é inconstitucional por varios motivos: primeiro, porque limita en exceso a forza vinculante dos convenios, de xeito que, na práctica, o art. 37.1 expresa un mandato que contradí abertamente o Tít III do Estatuto dos Traballadores. Segundo, porque no art. 82.3 ET se introduce unha arbitraxe obrigatoria incompatible cos dereitos de negociación colectiva e de liberdade sindical. E, terceiro, porque a Exposición de Motivos, alén de afirmacións retóricas e tautolóxicas, non xustifica en absoluto a urxencia que lexitima o recurso ao Real Decreto-lei.
Nestas condicións, o que lle queda ao sr. ministro de Xustiza é propor nomes de xuristas obedientes na renovación que toca do Tribunal Constitucional. Xa sei que o PP ten unha débeda impagable de gratitude con Luciano Varela,pero é mellor optar por maxistrados que lle collan o teléfono ao flamante embaixador do Reino de España na “Pérfida Albión”.
Pero, volvendo á arbitraxe obrigatoria: obviamente, é lesiva dos elementais principios que ten expresado o Comité de Liberdade Sindical e o Comité Europeo de Dereitos Sociais. É esta a reforma que nos achega a Europa?
Para rematar, e en síntese: é unha reforma clasista, na que gañan os empresarios e perde a clase traballadora. Unha reforma que abonda na dialéctica de clases.

4 comentarios:

  1. Una lastima que este solo en gallego, creo que es un articulo que debería poder llegar a mas gente.
    Un saludo

    ResponderEliminar
  2. Gracias por tu comentario, tan agradable en su contenido. Es que pretendo también poner de relieve en el blog una reivindicación lingüística frente a una Xunta de Galicia que. literalmente, está persiguiendo la eliminación y la estigmatización del gallego. Pero meditaré en todo caso al respecto.

    ResponderEliminar
  3. Pues sí, Jaime, yo también pienso como el anonimo anterior, porque aún siendo entendible el texto, a los que no hablamos gallego nos cuesta entender algunas frases. Seguro que tu reivindicación lingüistica, que apoyo, será igual de efectiva aunque también esté escrito en castellano. Un saludo

    ResponderEliminar
  4. LLegué a este artículo a través del blog de Antonio Baylós. No soy gallego ni hablo gallego, pero no entiendo los comentarios anteriores, ya que cualquier persona familiarizada con derecho laboral (o aunque así no sea) non debería tener ningún problema para entender todo el texto. He tenido, por curiosidad, que traducir un par de vocablos. El Google translator funciona razonablemente bien. He aprendido, y aprender siempre ha sido una de mis aspiraciones.
    Por cierto, está la red absolutamente tupida de artículos, opiniones (y ya casi tratados) en castellano sobre esta agresión tan brutal que supone la reforma del PP. Supongo que se hace más necesaria la aportación de profesores como el sr. Cabezas en la lengua de su comunidad que en gastar su preciado tiempo en traducir el texto. Gracias.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.