29 ene 2012

ALGUNHA PROPOSTA PARA A REGULACIÓN DO TRABALLO A TEMPO PARCIAL

As cifras de desemprego da nosa economía son inaceptabeis. Non se trata nestas liñas de botarlle a culpa a ninguén, aínda que os datos de onte reflicten moi ben os resultados de certas políticas económicas. O andazo do paro é unha pandemia que debe concentrar absolutamente todas as prioridades políticas. Quixera preguntarlle ao Consello Europeo se os seus membros manterían as mesmas prioridades que expresan se nos cadanseus Estados o número de persoas sen traballo se achegase, aínda de lonxe, ás do Reino de España.
Hoxe quero formular un par de ideas verbo do traballo a tempo parcial. Son dos que penso que é unha modalidade cuxa promoción pode ser especialmente perigosa, porque implica unha segmentación do mercado de traballo en contra da muller. O mantemento dun emprego feminino de calidade debe ir da man doutras estratexias, en particular da flexibilización do tempo de traballo e do mantemento dunha rede de garderías públicas de calidade e servizos sociais nos que se poida confiar. Porén, é unha obviedade expresar que moito do traballo a tempo parcial que existe na nosa realidade é traballo informal, en sectores ben coñecidos –traballo doméstico, hostelería e servizos de ocio, entre outros-. Ademáis, nunha situación de emerxencia como a que estamos atravasando non queda outra que reformar o seu réxime legal coa arela de que poida ser viveiro de creación e mantemento de empregos. Iso si, con certos estándares de calidade.
Os ditos estándares de calidade deben residir en temas abondo coñecidos: a voluntariedade nos tránsitos entre emprego a tempo parcial e a tempo completo e dereitos informativos. Iso xa está na Directiva de 1997 e, teóricamente, tamén no art. 12 do Estatuto dos Traballadores. Pero ademáis, habería que engadirlle outra terceira compoñente: flexibilidade do tempo de traballo para que as persoas que traballen neste réxime poidan atender ás súas obrigas extralaborais.
O sistema actual data da reforma do 2001, que once anos máis tarde non é nen favorábel aos intereses da empresa nen aos da parte traballadora. É simplemente vello e pouco acaído. Como reformas máis importantes do mesmo eu citaría as catro seguintes:
1ª.- A modificación dos requisitos formais relativos ao número de horas e a súa distribución. O que compriría sería que se lle recoñeceran ás dúas partes dereitos de acomodación do tempo de traballo ás súas necesidades, de tal xeito que a empresa debera acceder aos cambios propostos polo traballador se non lle producen unha excesiva distorsión na súa producción. Desde a perspectiva da empresa, a negativa do traballador a prestar servizos nos horarios propostos debería estar xustificada. E, acreditada a necesidade por parte da empresa, debera ser causa automática para recurrir ao prestamismo laboral, no caso de que o traballador a tempo parcial xustifique que non pode atender aos requerimentos da empresa. Iso si, recoñecéndolle sempre á persoa traballadora a percentaxe de xornada que ten contratada en relación coa completa. Para que esta interlocución funcionara, debería de estar rexida por procedementos legalmente establecidos.
2ª.- A regulación do traballo compartido (job sharing), de tal xeito que dúas persoas poidan compartir un mesmo posto de traballo e chegar entre elas a pactos informais para a súa cobertura, dentro de certos límites e coa seguridade de que o servizo vai ser prestado.
3ª.- A redefinición dos requisitos de carencias para que as prestacións contributivas lles poidan ser accesibeis, iso si, atendendo a criterios de proporcionalidade na súa contía.
4ª.- A enumeración, como lista aberta, das condicións nas que debe rexer o principio de igualdade de dereitos entre traballadores a tempo parcial e a xornada completa, acompañada do recoñecemento do carácter excepcional da aplicación do principio de proporcionalidade.
Trátase, en suma, de garantirlle dereitos ás persoas a tempo parcial, de afrontar con realismo as súas necesidades de flexibilidade e de, ao mesmo tempo, ter en conta os factores disuasorios que inhiben ás dúas partes para que se formalicen na nosa realidade máis contratos a tempo parcial. O emprego atípico a tempo parcial pode arrodearse de elementos cualitativos abondos como para ser unha boa modalidade de acceso ao mercado de traballo. Mais os riscos de que produza unha nova segmentación. Non cabe dúbida de que o seu incentivo non deber ser un elemento estrutural do noso sistema xurídico laboral. Unicamente conxuntural. E, por suposto, co realismo suficiente como para que se poida desenvolver certo labor de control público para loitar contra fraudes de leis. Realismo que, na práctica, nunca existiu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.