Hoxe finou Isaac Díaz Pardo. Non son eu quen de glosar a vida dalguén tan fillo do seu tempo e tan fillo da nosa terra. Abonda con dicer que era un dos nosos máis militantes antifeixistas. E que ademáis era unha das máis simbólicas testemuñas da nosa herdanza cultural, esa que a Xunta de Galiza se empeña de cotío en repudiar. Ten algo de taumatúrxico que morra o home cando morre a cultura. Antonte o noso presidente decidiu aniquilar a Consellería de Cultura. Isto é, rebaixala a unha secretaría xeral e encomendala a un dos máis camaleónicos personaxes da Xunta de hoxendía. O pretexto é que tamén desapareceu o Ministerio homónimo, outro símbolo da barbarie do Partido Popular. Os que queremos por igual un verso de Celso Emilio Ferreiro –nado hai mañá un século- que outro de Miguel Hernández non entendemos destas amortizacións. Parece ser que é eficaz eliminar Ministerios e Consellerías de Cultura. A verdade é que para a dereita sempre foi eficaz arramplar coa cultura, para gobernar un país de analfabetos.
A Xunta quédase en oito Consellerías. Reducíronse dous e un feixe de direccións xerais. Todo un modelo de eficacia e de contención do gasto ao servizo da diminución do déficit! Pero o certo é que aínda sobran Consellerías. Sobran exactamente oito, nun goberno autonómico que ten como sinal de identidade non querer facer ningunha política. Xa que as contas as van facer en Madrid, sobran as Consellerías de Facenda e de Economía. Industria non ten, desde logo, política industrial no noso país, ademáis dos dubidosos negocios do IGAPE. Para que queremos políticos que non queren facer política?
Quero propor o exemplo da Consellería de “Traballo e Benestar Social” –por certo, unha das poucas que non sufriu cambios estruturais apreciabeis-. Alguén sabe para que vale esa Consellería desde 2009? Alguén é quen de definir algunha liña política que emprendeu? Alguén sabe definir alguna estratexia de emprego diferenciada que se encetou en Galiza desde 2009? Eu non. Debo de ser un ignorante. Ou un incompetente. Pero non acerto a expresar ningunha iniciativa relevante da Consellería da señora Mato. Nestas condicións, o que teño é que proporlle ao sr. presidente que amortice esta Consellería. Abondaría con ter alguén que asine resolucións administrativas. Un burócrata, nada máis. É certo que a señora Mato non cometeu graves errores, Claro, non fixo absolutamente nada.
Galiza é a segunda Comunidade Autónoma na que máis subiu o paro no 2011. Non son tan imbécil de botarlle a culpa toda á sra. Conselleira coa mesma demagoxia que utiliza a dereita co adversario. Pero si de denunciar que non hai política laboral en Galiza. Que a Consellería non ten rumo. Que camiña cara a ningures. Que non ten modelo. Que non ten nada que aportarlle a España na definición da Plan Nacional de Emprego.
Desde logo, para facer isto non fan falta COnsellerías. Supoño que noutras diferentes de Traballo e Benestar Social pasa algo parello, pero prefiro non opinar máis sen coñecer con fondura. A eficacia de Feijóo (Alberto Núñez) é non gastar porque non se fai nada. Reducir o déficit por demolición da política.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.