Que ledicia me produciu ler as crónicas da toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto! Para a xente que estamos fartos da linguaxe erma e acomplexada que hoxendía prevalece, as súas verbas constitúen esa nordesía que limpa o ar e despexa as nubes. Máis claro non se pode dicer: o plano de finanzamento galego é inxusto, insolidario, insuficiente e propio dunha Administración Autonómica á que non lle importa a Educación Superior. Se aínda podemos crer nun sistema universitario galego ao servizo do país, temos unha nova esperanza. Alguén que fala de competitividade como proceso de mellora conxunta, sen tentar perxudicar ás Universidades irmás. E que pon en cuestión os criterios absolutamente ridículos que xa están, por desgraza, branco sobre negro no DOG do pasado venres 13 e xaneiro. Criterios que non priman para nada unha docencia de calidade en termos reais e que invitan a non colaborar coas outras dúas Universidades no prantexamento de estratexias, senón a rivalizar entre elas.
Hoxe, por desgraza, prevalecen criterios que fomentan unha universidade na que se produza unha investigación de Citation Index. Na que moito PDI non quere participar en proxectos máis achegados á necesidades da contorna porque estes non son eficientes para as súas carreiras profesionais. Ou, pola contra, unha conversión das institucións universitarias en empresas multiservizo ás ordes da gran empresa. Pero que non centre o seu labor no máis esencial, que é a calidade e a profesionalidade dos cadanseús titulados. Quizáis porque cheguei moi noviño a cátedro, nunca me fixei na valoración das revistas nas que publico. Unicamente, na pegada que pode ter meu pensamento xurídico, na convicción de que os xuristas da Universidade debemos ser os Pepiños Grilos do mundo do dereito. Pero si que me preocupa a empregabilidade dos nosos egresados e egresadas, como criterio de calidade máis fiable.
É máis, estou farto desta condescendencia de que únicamente vale o labor dos que publican, iso si, moi xuntiños en coautorías masivas, nesas revistas do dito Citation, que ven ser algo así como o Standard & Poor’s da investigación. Quizáis a mi me rebaixen a nota, pero publico onde me da a gaña e coa arela de ter unha incidenza real no coñecemento xurídico, cousa que poucas, pero algunha vez consigo.
A Xunta adebédalle máis fondos á Universidade, claro que si. Aínda temos que escoitar aos reitores de Santiago e Vigo os seus aplausos á ramplonería e cicatería dunha Xunta que en ningunha das súas competenzas está á altura das necesidades do noso país. Tampouco, desde logo, en Universidades. Que é mesmo incompetente para aillar os índices que reflicten a competitividade dos Sistema Universitario Galego.
Por todo iso, Xosé Luis, recibe as miñas beizóns. O teu novo cargo é unha etapa máis no servizo público. Como estou certo que ti o entendes. Que sexas benvido e que teñas éxito. Teu éxito será o do SUG, non como noutros casos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.