14 ene 2012

CINCO ELEMENTOS DUNHA REFORMA LABORAL MÁIS ACAÍDA

Nos tempos nos que a voceira do Goberno do Reino de España di con esa solemnidade castellano-vella que lle caracteriza –non precisa de altoparlante- que as reformas acordadas entre sindicatos e patronal non abondan, habería que darlle a razón e prantexar cinco ideas pequenas que non afectan a cuestións aparentemenete esenciais do debate pero que, desde logo, afortalarían o emprego e a empregabilidade da clase traballadora. Algunhas delas xa as teño prantexadas en moitos foros, e pido disclpas á xente que pensa que me repito como os feixóns –xa se sabe, aos galegos e galegas de ben os feixós non nos sentan nada ben-.
Primeira.- Hai que incrementar radicalmente a indemnización por fin de contrato temporal para loitar contra a dualidade do mercado de traballo. Nalgúns Estados da Unión Europea nos que se rexistran máis baixas taxas de temporalidade –como é o caso da República de Francia- a denuncia patronal dun contrato temporal se establece como unha percentaxe total da masa salarial cobrada durante a prestación de servizos. Pero, en termos menos ambiciosos, se a causa organizativa para extinguir é unha cláusula de obra, ou de eventualidade, ou de internidade, a indemnización debería de ser aproximadamente a mesma que a dun despido obxectivo.
Segunda.- Cómpre reformular o contrato a tempo parcial, por pouco realista. Leva razón a parte empresarial cando di que se requeriría certo grao de flexibilidade. Eu diría que si, pero para que emerxera todo o traballo sulagado que hai en sectores como o servizo doméstico, a hostelería e, en xeral, o ocio, nos que , en moitas ocasións, os traballadores teñen dificultades para asumir certos compromisos formais. Os traballos deste tipo precisan dun achegamento realista á protección social que non convirta en ilusorias as expectativas a prestacións contributivas de Seguridade Social. E, por suposto, debe haber unha clara determinación horaria na prestación de servizos que posibilite o control do fraude, cando menos nos contratos que cheguen ao 50 por 100 da xornada dun traballador a xornada completa comparable.
Terceiro.- Hai que formular e garantir un dereito efectivo e coercible á formación profesional dos traballadores. É dicir, establecer uns solos mínimos formativos aos que necesariamente ten que estar a empresa, e que se definan por períodos non superiores ao anual. Con certos elementos de discriminación positiva a efectos de finanzamento a prol das pequenas empresas e dos seus traballadores. Un dereito non susceptible de compensación económica, con avaliación e auditoría de resultados.
Cuarto.- É necesario introducir a idea do deber de acomodación das necesidades do traballador na empresa, seguindo a estela de sistemas comparados. Trataríase de ter en conta as necesidades subxectivas dos traballadores na planificación da flexibilidade. É dicer, ter en conta as necesidades de adaptación que ten a empresa ás circunstancias produtivas e as que ten o traballador polas súas circunstancias personais. Polo tanto, compriría formular un deber xeral de acomodación que lle incumba a empresa, e que lle obrigue a acometer todas as adaptacións non desproporcionadas ás necesidades dos seus traballadores por mor de circunstancias familiares, sociais, económicas ou pola pertenza a minorías.
Quinto.- Como receta concreta, levo anos sostendo que, para porlle freo á efectividade do despedimento express con recoñecemento de improcedencia como trituradora de empregos, sería boa idea obligarlle á empresa a adiantar a prestación por desemprego, como un deber de colaboración coa Seguridade Social, en tanto que se sustancia o procedemento por despido. De tal xeito que logo se obviarían as compensacións entre salarios de tramitación e desemprego do art. 209.5. No caso de aquietamento do traballador, abondaría un certificado xudicial de non haber procedemento en marcha para que cese o deber de adianto. E no caso de nulidade xa non habería nada que compensar.
Son ideas pequeniñas, algunhas delas certamente flexibilizadoras. Pero sospeito que non se van ter moi en conta, canto menos desta volta. Pero alguén cunha mialla de bon senso podería dicir que resultan excesivamente ríxidas?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.