A lectura do RD-lei 20/2011 fundiume na tristura. Coñezo a demasiada xente de boa vontade que vota á dereita como para poder encherme de razón e dicirlles sen máis que son merecentes desta labazada e de moito máis. Pero, por máis que leve medio ano afastado do blog, teño que rematar 2011 dicindo que xa abonda, por moito que sexa “o principio do principio”, como di a vicepresidenta, allea ao dano inmenso que as medidas deste goberno miserento van causarlle ao pobo.
Dixen miserento e tamén lle cadran os adxetivos de ruín, cativo, anano, inxusto…Abofé que os adxectivos son moitos. Falar hoxe dun déficit do 8 por 100 no canto do 6 por 100 é da máis desvergoñenta caradura. Foi ou non foi modélico o traspaso de poderes? Quen goberna na práctica totalidade das CCAA e nalgunhas tan endebedadas como Valencia ou Madrid? Se non sabían é por neglixencia propia, ou máis ben por dolo propio. A verdade é que non sinto magoa polo PSOE. Eles o buscaron. Eles saben de quen se fiaron.
O estilo de goberno desta xentalla xa o iremos lembrando: chamarlle pan á fame e auga ao ácido de xofre. Non lle baixan o soldo aos funcionarios: suben a tributación das rendas de traballo, incrementan a xornada e exclúen as aportacións aos fondos de pensións. Incrementan as pensións un 1 por 100 e suben ao tempo a súa tributación ao IRPF. Establecen unha tributación de solidariedade…para coas sociedades de capital.
E logo están as cousas que non se comentan. Por exemplo, negarlle ás viúvas as melloras tributarias nas súas pensións de viuvez e xubilación que acordaran poucos meses antes no Congreso dos Diputados. Ou que non se comentan dabondo: a conxelación do salario mínimo interprofesional para deixar a millóns de cidadáns e cidadás na raia da pobreza. Eu non falo de recesión ou de estancamento. Falo da xente á que lle toca o sufrimento das medidas feitas polos ruíns e poderosos. Porque caberían outras, que a eles non lles conveñen, por suposto.
Hai que expresalo ben claro: a conxelación do SMI non é un "modelo", como expresou, toda chea de razón, a ministra de "Emprego e Seguridade Social". É unha desfeita. Así non converxemos, diverxemos. Eu pídolle ás organizacións sindicais, na negociación e no conflito, moita rebeldía.
Seica veñan outras reformas que empequeñezan a de hoxe. A do mercado de traballo, adiada, agardando un gran pacto social, ata o quince de xaneiro! Coa evidente demagoxia que nos vai vir de difamación das organizacións sindicais de clase, ás que descalificarán de prehistóricas. Porque a esperanza dunha sociedade máis xusta e solidaria é na actualidade…un pensamento prehistórico. Con todo, xa saben: se ao conflito social nos convocan, ao conflito social quedamos convocados.
Os que vivimos na periferia da periferia, no eido que os moi españois Franco, Calvo Sotelo e Rajoy escolleron e escollen para os seus veraneos, xa sabemos que as medidas de reequilibrio non existen nen existirán. Que Galiza xamáis vai ser un país estruturado e moderno. Vai ser, por supusto, a rexión dos vellos sen esperanza e dos novos que marcharán esquecendo os seus devanceiros e as súas orixes. Porque esquecelas é a única posibilidade de futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.