17 ene 2012

AUDIS E CADEIRAS

Alguén se lembra do slogan oficioso do PP da campaña das eleccións galegas do 2009? Lembreime hoxe, cando o cadaleito de Manuel Fraga viaxa de Madrid ao sartego de Perbes. Os Audis da dita campaña, polas ITV que pasaron, foron mercados anos antes do 2005. E cadeiras, habíaas a cachón cando chegou o pródigo bipartito.
Digo isto escoitando os comentarios haxiográficos do finado. Entre a súa herdanza, disque, deulle nova dimensión á Xunta de Galiza co afortalamento e dignificación dos órganos de autogoberno. Eu non vou entrar nesa discusión. O 17 de xaneiro do 2012 o que cómpre é amosarlle a solidariedade á familia Fraga Iribarne e desexarlle, como el estaba certo, que o Pai o acolla entre os seus fillos.
Porén, hai que recordarlle aos que, entre saloucos, hoxe se gaban de ser os sucesores políticos de D. Manuel, que a suposta elefantiase que tiña a Xunta do 2009 foi herdada no 2005. Que moitos entes instrumentais que acubillaron a enchufados –de quen?- naceron na Administración Fraga. Probablemente porque el concebía a presidencia da Xunta como seu porto de abeiro e de retorno e non como unha estación de paso para achegarse ao verdadeito obxectivo, que é España.
No outono do 2012, cando as forzas de progreso accedan de novo ao goberno da Xunta van herdar unha Xunta enfraquecida, alienada do seu papel de goberno dun país e inconsciente de ter gobernado unha nacionalidade histórica. Un Goberno que, entre 2009 e 2012, nos aillou aínda máis na periferia e que non entendeu xamáis as súas responsabilidades políticas.
Certo é que os anos que lle tocaron foron de restriccións. Pero a Xunta que aínda hoxe “goberna” Feijóo é a da restricción como un fin en si mesmo e sen ningún obxectivo político. O que pretende é transpasarlle ao seguinte goberno un esquelete e non un pais no que medre un meniño que fale na lingua nai. Un país que deixou de ser unha nacionalidade histórica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.