17 feb 2010

COMPROMISO DE AUSTERIDADE

É certo que a Universidade de Vigo ten deficiencias estruturais obvias e que precisa dun investimento forte en conceptos diversos. Desde hai tempo vimos denunciando as carencias de persoal, hoxendía escurecidas por unhas dotacións desequilibradas e por un fondo desorde. Isto é particularmente certo no PDI, pero tamén no PAS, suxeito a unha RPT avellentada e pouco realista. No que atinxe aos edificios, é obvia a necesidade de reformas que adapten os espazos docentes aos novos esquemas de ensino no modelo actual. Asemade, cómpre un investimento reequilibrador que revise as distribucións de espazos. Hoxe mesmo visitei laboratorios de enxeñería e puiden comprobar como non poucas persoas traballan en condicións deficientes que mesmo non son as máis axeitadas desde unha perspectiva de prevención de riscos laborais. Hai que mellorar o finanzamento dos nosos masters, nuns anos nos que nos imos xogar unha partida fundamental no artellamento dunha estrutura racional para o posgrado, tarefa da que o equipo reitorial saínte abdicou desde o principio.

As nosas necesidades de finanzamento son elementais e ben coñecidas. O que sucede é que a imaxe que proxectamos moitas veces é a dun gasto pouco xustificable e meditado. Sen caer en demagoxias ben doadas, é certo que habería que meter as tesoiras en partidas moi simbólicas, porque iso forma parte substancial dunha política máis reflexiva de responsabilidade social. Eu non vou criticar a dimensión do equipo de goberno, da que non nos imos afastar substancialmente –en termos cuantitativos- no noso modelo. Si que critico a existencia dalgún comisionado de máis, con rango e complemento de vicerreitor, e dunha proliferación pouco xustificada de xefaturas de área. Critico –isto non é novo- unha estrutura xerencial que amosou, como mínimo, que Alternativa xamais tivo modelo de xerencia. E critico, en fin, unha chea de asesorías externas, á que habería que facerlle un lifting para axustala a unas necesidades máis reais.

En Nova Universidade non temos todos os datos. Pero temos sensibilidade. Estamos nun tempo no que a sociedade civil e as persoas que a compoñen o están pasando moi mal e temos que mesturarnos nesa sociedade civil e amosarlles a nosa presenza canda ela. Amosarlle, en fin, unha toma de postura austera na que as decisións de gasto se afasten do que se poida entender como prescindible. Neste contexto, é o noso propósito adiantar nos vindeiros días unha percentaxe de reducción de gasto no que se refire a altos cargos. Un recorte exemplarizante que nos poña no contexto dunha entidade que precisa de cartos para atender as súas necesidades máis reais, que as ten e moitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.