7 feb 2010

PROMOCIÓN DA UNIVERSIDADE DE VIGO. ABSOLUTAMENTE TODO POR FACER

Nos diarios de maior tirada estatal se difundiu esta semana a 4ª feira de universidades unitour, unha especie de mostra na que as Universidades teóricamente máis competitivas do Reino de España amosan os seus proxectos, os seus plans de estudos e a súa identidade corporativa ao obxecto -entre outros- da captación de alumnado. Están na feira perto de setenta institucións públicas e privadas, entre elas, desde logo, gran parte das Universidades públicas.

A Universidade de Vigo non está, mais que no mes de decembro se celebrou unha sesión da Feira no pazo dos Escudos de Vigo. Ao mellor é porque a nosa institución, dabondo coñecida, non precisa de espazos de divulgación. No caso galego si está, no canto a Universidade da Coruña e, curiosamente, a Escola de Negocios Caixanova. Ao ver a presenza desta Escola, xa me tranquilicei, porque cando menos teño a seguridade de que os títulos de ADE da Universidade de Vigo van ser publicitados pola Escola de Negocios ao mesmo nivel que o título adscrito á Universidade da propia Escola de Negocios. Estou certo de que dita publicidade está na parte oculta do pacto entre o reitor saínte e Caixanova!

Sen ironías, pero con moita mágoa, enxergamos unha vez máis a inoperatividade do grupo de goberno. A nosa política de captación de alumnado debería ser, nos tempos que corren, eixo prioritario das relación institucionais. A UVigo non pode estar fora destes eventos de difusión nen un minuto máis. É unha mostra máis do que foi a súa pegada social nestes anos: inexistente. Aínda que lle quedan moi poucos meses, hai que pedirle ao equipo que remata o seu mandado algo de operatividade. Que non sintamos esa soidade propia da falla de liderado e de dirección política. Merecemos algo mellor que esta incompetencia cósmica no eido institucional.

Os tempos son chegados dunha viraxe total. As direccións dos centros reflicten unha perplexidade case unánime diante desta atonía. É máis, mesmo refiren que, na realidade, as vicerreitorías competentes se comportan como un lastre para unhas actuacións de difusión minimamente operativas. Entrementres, algúns latrican paroladas insubstanciais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.