Os máis recentes meses da
presidencia de Obama están a ser notabeis. En particular, a súa decisión de
regularización migratoria constitúe un dos acontecementos de política interna
máis fermosos –ademáis de elementais, en lóxica política- desde os tempos de
eclosión dos dereitos civís.
Que fale de desigualdade non é
casual. Xa pode gabarse de recuperación económica e de baixada do desemprego,
pero no contexto dunha sociedade inxusta na que as diferenzas se incrementaron
exponencialmente desde hai moitos anos, e en particular desde comezos da década
dos oitenta.
Está ben que se estableza unha
fiscalidade máis progresiva que afecte ás rendas máis altas e, desde logo, que
se incremente o gasto público. Sen dúbida, as posibilidades de que se poida aprobar
un orzamento destas características vense escurecidas pola maioría republicana
no Congreso. Pero empresas máis difíciles chegaron a bo porto.
Con todo, quizáis os problemas
máis estruturais e difíciles de abordar están na regulación do mercado de
traballo e no marco de relacións laborais. Cunha taxa de cobertura
especialmente baixa dos convenios colectivos, que non chega ao 10 por 100 na
empresa privada, a inmensa maioría dos traballadores está sometida a condicións
de emprego precarias nas que se impón a doutrina do despedimento libre e nas
que case non contan con protección por parte da lexislación estatal e da propia
Constitución. A normativa antidiscriminatoria apenas chega aos lugares de
traballo e a discrecionalidade da empresa ten o máis absoluto respaldo
xudicial.
Ademáis, os dereitos colectivos
dos traballadores, recoñecidos a nivel federal na xa moi antiga Lei Wagner do
1935, foron moi devastados pola actuación do Tribunal Supremo, que sistemáticamente
tomou postura pola limitación da sindicación, da negociación colectiva e, moi en
particular, do dereito de folga. Nestas condicionantes, era obvio que a
sindicación se tiña que desplomar, como sucedeu hai máis de trinta anos.
Que estos problemas configuren a
axenda política está fortísimamente condicionado polas barreiras obxectivas
para a súa solución práctica. Porén, non hai dúbida de que están na cerna das
desigualdades das que expresou o presidente americano o seu concernemento.
Cando aborda unha política expansiva noutros ámbitos nunha liña de tendencia
que debería avergoñar ás socialdemocracias europeas , tamén fai referencia a
unha situación laboral de gran precariedade e inxustiza, que foi agromando
desde a crise dos anos 70. E que a desigualdade laboral se afronte vai ser
outra gran páxina por escribir, nun tempo no que hai que prantexar obxectivos
igual de ambiciosos dos que se abordaron nos anos sesenta do pasado século
canto aos dereitos civís das minorías.
Cando estos días eu traducía ao
castelán un traballo dunha profesora da Cornell University, Risa Lieberwitz,
relativo aos dereitos fundamentais no ámbito laboral en USA, as iniciativas
políticas de Barack Obama de loita contra a desigualdade cobraban toda a súa
expresividade. A desigualdade é a herdanza que nos deixa –tamén en USA, pero,
en xeral, no mundo occidental- a aplicación na política real das recetas máis
liberais, que tanto se espallaron polo mundo nas últimas décadas.
O actual presidente representa o
mellor da tradición demócrata americana. Cando lle pase a testemuña a outra
presidencia demócrata, cómpre agardar que da misma liña política, habería que
contar cunha proposta integral de mellora do marco normativo federal nas relación
laborais. Logo virán os Estados, pero sempre no marco que estableza aquel. A
Constitución de USA ten bimbios suficientes para xerar dereitos tamén no campo
das empresas privadas. Sería unha mensaxe moi potente de xustiza social que precisamente
en Washington comezara o camiño de retorno da desgrazada andaina ultra-liberal
que comezou nos oitenta e contaxiou a todo o mundo civilizado. A que provocou o
movemento desregulador que hoxe padecemos en toda a súa crueza.
Namentras, as primeiras
iniciativas xa encetaron. No Congreso, e contando coa feroz oposición
republicana, se tramita un proxecto de lei que ten como obxectivo a
dinamización dos procedementos nas empresas para a elección do sindicato
representativo. Logo xa virá a negociación do convenio. Pero a prioridade está
clara: o comezo polo suxeito sindical, como piar de todo o eficicio de relacións
laborais. Logo ten que vir todo o demáis.
A oposición máis ultra-liberal
resposta a golpe de Constitución federal, arroxándoa como un mamotreto contra
os dereitos dos traballadores. É curioso, pero coincidencias con outras
realidades máis pequenas hainas, a que si? Con todo, a iniciativa é xérmolo de
esperanza. Cando menos, o suxeito representativo entra na cerna do debate, como
ten que ser.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.