Aparentemente, estos partidos “de centro” que
abrollan como fungos, en particular UPyD, pero agora tamén Ciutadáns, están
abrazando a proposta de contrato único que tan afervoadamente ven defendendo
FEDEA, esta plataforma think-tank do pensamento da Economía. Xa hai tempo que a
relación dos seus compoñenentes con profesores de Dereito do Traballo afíns
produciu certo “tuneamento” do mesmo (vid., vg., http://documentos.fedea.net/pubs/dt/2012/dt-2012-09.pdf).
De feito, se admitiu a salvedade da necesaria protección dos dereitos fundamentais
e libertades públicas, e así mesmo se puntualizou que o contrato único tería
que convivir con certas modalidades de contrato temporal e mesmo coa actividade
das empresas de traballo temporal. Con todo, mantén os seus rasgos estruturais
básicos. Non por casualidade, Luis Garicano apareceu como a fichaxe estrela do
partido de Albert Rivera.
Á marxe das referidas colaboracións ailladas, e
dalgunha editorial puntual en Relacións Laborais, o certo é que o contrato
único non mereceu ata hoxe un interese particular pola doutrina iuslaboralista.
Suxeriuse, con razón, a súa difícil compatibilidade coas obrigas internacionais
do Reino de España –en particular, co Convenio 158 de OIT e co art. 24 da Carta
Social Europea-. Tamén se prantexaron outras obxeccións xa superadas coas
matizacións que o propio grupo de FEDEA engadiu á súa proposta inicial.
Hai que
recoñecer que é a proposta máis seria que se ten formulado nos últimos anos de
reforma do mercado de traballo. Curiosamente, tenta alinearse nun espazo
político ubicado entre a socialdemocracia e o pensamento liberal. O que, de
seu, produce unha fonda preocupación, polas ideas que están agromando neste
ámbito ideolóxico. Máis, cando se ten que contrastar coa realidade laboral de
hoxendía, lastrada pola crecente precariedade e vulnerabilidade que afecta á
clase traballadora. Tamén á que, en apariencia, ten un contrato indefinido típico.
Hai poucas dúbidas de que esta proposta vai incidir en máis precariedade e máis
vulnerabilidade. De feito, propostas similares, como o contrat unique en Francia ou o contratto
único, se debaten nos países veciños con bastantes similitudes ao modelo
que se tenta implantar no Reino de España e as obxeccións adoitan ser parellas.
Á marxe doutras, máis de detalle, hai catro
cuestións centrais:
-A primeira, o evidente risco de que os
traballadores queden “pegados” nos estadios do contrato con menor protección
laboral. O modelo non explica nada ben por que vai reducir a rotación laboral.
Ao contrario, a dita rotación aparentemente se fomenta máis coa escasa
protección que se ofrece nos primeiros anos do contrato. En particular, certos
colectivos son candidatos claros a quedar “varados” nos primeiros anos de
contrato, co evidente efecto segmentación que se tenta eliminar.
-A segunda, a rotunda renuncia ao principio de igualdade
entre traballadores atípicos e traballadores típicos. O Tribunal de Xustiza da
Unión Europea, no seu recente fallo do asunto Poclava, xa deixou claro o seu entendemento formal do termo “contratos
de duración determinada”, que non afecta, vg., ao contrato de apoio a
empregadores. Polo tanto, para a Corte de Luxemburgo non habería problema por que
nos primeiros anos dun contrato único apenas houbese protección fronte ao
despedimento inxusto. Pero a consecuencia evidente sería que os traballadores “indefinidos”
do contrato único, ata reuniren certa antiguidade, serían máis vulnerables que
os actuais traballadores temporais.
-A terceira, parece obvio que a proposta supón unha
discriminación indirecta por razón de xénero, polo feito de que as mulleres,
segundo estatísticas concluíntes, teñen menos antiguidade que os homes. Se o
Tribunal de Xustiza da Unión mantén a súa doutrina –vg., asunto Seymour Smith- o modelo proposto por
FEDEA é incompatible co art. 157 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
-A cuarta, parece obvio que, en termos
comparatativos, a proposta vai redundar en máis atipicidade, porque deixa
moitas portas abertas: que pasa coas categorías de traballadores máis
vulnerables (TRADES, on-call, empregados domésticos, traballadores a tempo
parcial, en risco de exclusión social…) Como se integran estos colectivos –e outros-
. Non hai para eles ningunha norma específica que os integre? Que propón polo
miudo para crises de empresa? Vaise rescatar a proposta de capitalización da
indenización por despedimento? Nese caso, que desincentivo vai ter o empresario
para non despedir aos traballadords maiores e quizáis con competencias
obsoletas? Que protección pode ofrecer o modelo aos traballadores non
cualificados?
Son unha chea de preguntas, e habería moitas
outras, que arroxan dúbidas, incertidumes e inseguridades. Todo o contrario do
que pretende, segundo os seus defesores, aportar o contrato único.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.