O pasado martes participei nun
seminario relativo ao grupo parlamentario dos “Euro conservadores e reformistas”
–ECR-. Un profesor novo da Universidade de Lancaster, Martin Steven, fixo unha
moi interesante introducción a un amplo debate verbo deste grupo parlamentar no
que discutimos do papel que vai xogar. En número, é o terceiro, xusto por
detrás dos socialdemócratas e por diante dos liberais. É moi complexo ter
seguridades, porén si que cómpre prantexar hipóteses do que vai ser a liña de
actuación política dos autodenominados “eurorealistas”. Eu suxeriría as cinco seguintes:
1ª.- Comparten co grupo popular
do presidente da Comisión a mesma devocación pola competitividade, polo libre
mercado e pola puxanza do capital. Neste marco, non cabe esperar nada disonante
do ECR. Mesmo no seu credo, plasmado nos Principios de Praga, a libre empresa e
o libre mercado aparecen como alicerces do seu pensamento político. É un dado
de moito relevo que tres dos catro grupos maioritarios lle dean a máxima
importancia a estas claves políticas.
2ª.- Manifestan un fondo
rexeitamento á evolución e ao mantemento das políticas sociais, entendidas como
restriccións á liberdade de mercado. Todas as políticas sociais, en particular
as desenvolvidas desde o Tratado de Maastricht, deberían desaparecer da axenda
dos órganos europeos. E, por suposto, a interpretación dos dereitos colectivos
polos organismos internacionais –nomeadamente a OIT e os órganos do Consello de
Europa- non debería de ter nada que ver coa Unión Europea. A libre circulación
de traballadores ten que ser despoxada de todo concepto de cidadanía para
manter a súa esencia de liberdade ao servizo dun mercado común.
3ª.- Coidan que a senlla federalista
na que por hipótese se podería orientar a Unión Europea é rexeitable. Comparten
a idea de C. de Gaulle da Europa das patrias. A soberanía das nacións debería de
ser un principio fundante de primeiro nivel do proxecto europeo. Parten, xa que
logo, dun intervencionismo mínimo das institucións comunitarias e dunha
redimensión do principio de subsidiariedade, que recobre o seu “xenuíno” papel
de dique fronte a sobredimesión da burocracia europea e a súa “intromisión” en
competencias nacionais.
4ª.- Constitúen un grupo
heteroxéneo en apariencia, pero homoxénero na práctica. Incorporan a alemáns
contrarios ao euro e a polacos socio-conservadores que impoñen certa axenda
pro-familia, entendida esta na súa traducción máis conservadora. Pero a cerna é
a dun grupo liderado polos tories británicos
e na que predominan os Estados de novo ingreso na Unión Europea. É o que Bush
fillo definiu hai anos como “a nova Europa”, fronte a “vella Europa” de Alemaña
e Francia. É dicir, é un grupo que ten como sinal de identidade o opting out das políticas de cohesión
política e social. Concédelle á UK un papel de liderado nunha Europa na que os
fillos políticos de M. Thatcher se sintan cómodos.
5ª.-
Rexeitan toda tentativa de avance no proceso de integración Europea. Na súa
visión, Europa non debería trascender do concepto que da CEE tiña, como moito,
a Acta Única Europea. É como se a súa
concepción da Comunidade se prantexara como o negativo do proxecto no que se
embarcou desde comezos dos noventa J. Delors.
Nestas coordenadas, seica non son
euroescépticos, pero se lles parecen moito. Sen dúbida, non forman parte dos
partidos racistas e de ultradereita do grupo “Europa da Liberdade e a Democracia
Directa” pero na súa praxe política comparten con eles aspectos programáticos.
Pero, o máis grave: como xa advertiu hai máis de vinte anos LORD WEDDERBURN,
chegan para quedarse. Non van ser flor dun día. O “eurorealismo” que eles
predican sen dúbida que é un principio político que ten moitos potenciais
adeptos. Polo de agora, sen dúbida, e por desgraza, van condicionar bastante a
axenda do Grupo do Partido Popular Europeo cara ás axendas máis alérxicas das
políticas sociais. Pouco cabe esperar, xa que logo, dos vindeiros cinco anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.