O pasado 10 de decembro, á
mañanciña, collín un taxi en Hull que me levou á estación de tren. A taxista
era unha muller algo máis nova ca min de acenos moi educados e agradabeis.
Axiña comezamos a conversar. Contoume no traxecto da miña casa á estación que
era romanesa e que había tres anos se mudara a vivir de Bucarest a Hull, co seu
home e a súa filla. En Bucarest traballara de directora dunha oficina bancaria,
pero o seu salario apenas chegaba a 600 euros ao mes, contía que non lle
abondaba para as necesidades familiares. Na actualidade, como autónoma do taxi,
tiña asignada unha retribución de algo máis de 1000 libras ao mes que, coas
achegas do seu home, lle permitían unha vida máis ou menos desafogada. Por máis
que botaba de menos o seu país, estaba satisfeita da súa nova vida, aínda que
algo alarmada polas intencións do goberno inglés cos inmigrantes. Ben é certo
que deixara un traballo cualificado, pero cun salario indigno.
Despedímonos logo da carreira á
estación e quedei matinando, namentres tomaba un café á espera da saída do
tren, en que parella é a situación de Romanía e de Galiza e canto se están
achegando últimamente. A emigración económica da xente nova cualificada que
está sangando o noso futuro, como sempre. A nosa mocidade renuncia aos seus
títulos e ás súas carreiras profesionais e marcha ao Norte de Europa a mellorar
as súas capacidades noutros idiomas e a establecerse nas profesións que poidan
obter. Porque o que lle espera aquí é, no mellor dos casos, un salario de menos
de 700 euros que non poderán mellorar en moitos anos. Eis as consecuenzas desta
reforma que aínda hai que escoitar como defenden algúns!
Dicíame esa muller que Romanía
quedara despoboada de profesionais e que únicamente vivían alí as persoas sen
posibilidade de marchar. Probablemente, o comentario teña algo de esaxeración,
pero é o mesmiño que nos pasa a nós. É o que pretendeu o Partido Popular:
achegarnos aos modelos produtivos búlgaros, romaneses e dos países máis pobres
de Europa. Converter nosa clase traballadora en persoas subcualificadas con
salarios de pobreza sen capacidade de consumir no mercado interno. En tanto que
outras partes de Europa crezan, que Galiza manteña súa espiral de encollemento,
destrución e desaparición a longo prazo. Galiza e outras partes do Estado, agás
as máis dinámicas.
En Galiza as causas de que baixe
o desemprego –e de que non creza tanto cando toca- son a morte, o
avellentamento e a emigración. Desta, xa non marcha a xente non cualificada,
que non a queren en ningures, únicamente a que ten estudos. Meus fillos, con
seguridade, marcharán. Xa veremos para traballar en que. Estou certo de que nos
próximos vinte anos, se ninguén o remedia, apuraremos na nosa andaina de
despoboamento.
Non conto nada que non se saiba.
O trasego de poboación do mundo subdesenvolvido cara a outras rexións máis
dinámicas é unha constante no mundo. Que Galiza ten menos poboación hoxe que
hai cincuenta anos é cousa sabida. Como que as empresas galegas desapareceron
ou se fixeron madrileñas ou catalás. Pero que está moito peor que hai seis anos
non o pode negar ninguén que teña a máis pequena obxectividade. Alguén lle pode
dicir aos nosos estudantes que van ter un futuro profesional na nosa terra? Que
van poder se construíren unha vida aquí? Eu non, desde logo. Moito terían que
cambiar as cousas.
Seguro que, a nivel español,
saberemos darlle resposta a esta devaluación social dos últimos anos. Pero en
Galiza todo pinta peor. A taxista romanesa, ou os taxistas portugueses de
Luxemburgo, terán compañeiros galegos, sen dúbida, con flamantes títulos de
enxeñeiros, avogados ou químicos, entre outros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.