24 may 2012

FRIJOL, CAMPIÓN DO BENESTAR

Hoxe Don Habichuelo gabouse de mellorar o Estado do Benestar que deixou o bipartito. Como diría noso ilustre Duque Don Leopoldo, noso presidente “es muy jacarandoso”. Eu descoñecía que Anxo Quintana lle deixara en herdanza a Feij009 un Estado de Benestar. Non era tan mala a herdanza do bipartito? Pero ollo, noso presidente mellorouno, coa intercesión da Consellería de Traballo e Benestar. Con todo, hai que rifarlles. Que non se esquezan de que, se hai benestar en Galiza, é porque había un home que tiña un Estado na cabeza e que hormijonara Galisia toda, como dicía un alcalde, que aínda lle quedaban cartos no banco.Quintana nada fixo na súa vicepresidencia. Si, mercou audis e cadeiras a cachón. E mesmo mercou unha neveira para o coche que lle costou medio presuposto da Xunta. Hai que dicir a verdade: en Galiza avanzou sen dúbida o Estado do benestar do ano 2009 para diante. Sen dúbida ningunha. Quen diga o contrario minte: hai máis xubilados que antes. E máis viuvas, claro. E moitísimos máis desempregados. Aínda máis: desde que chegou á Moncloa Don Mariano, máis Estado de Benestar para Galicia: aínda máis desempregados. Cada día, Galiza vive máis do benestar e menos dos activos. Os galegos e as galegas vivimos do Welfare, como dirían os acollidos aos programas sociais en USA. Don Alberto leva moita razón. Banzo a banzo, máis xente vive do Benestar. Como xa non temos Caixa galega, nen banco galego temos, aínda viviremos máis subsidiados. Desde logo, hai que recoñecerlle un mérito grande a Núñez no avance do Benestar en Galiza. Mágoa que o Benestar avance en Galiza como unha planta invasora, que non autóctona. O que avanza son as prestacións de Seguridade Social. Esas que antes nos denegaba o Zapatero e agora nos recoñece Dazoy. Non unha rede de servizos sociais de orixe galega. Hai semanas asistimos a un guiñol no que un monicreque dicía non sei que de que era xusto conxelar as prestacións de dependencia. Logo dimitiu. Bah, dimitírono, que máis da. Por certo, tiña un audi caralludo, seguro que herdado do bipartito. Pero deixou o traballo feito: non hai espazo para recoñecer máis prestaciósns de dependenza. Pero…non é que Habichuelo melloraba o Estado do Benestar? As parellas novas galegas xa non poden mandar aos seus cativos ás Escolas Infantís, porque na Galiña Azul non entran máis que nenos de boas familias con recursos. Que para iso son as escolas do PP. Claro que os nenos nesas escolas están de carallo. Están no benestar. O mellor é facer todo isto sen débedas: investir en políticas sociais, como din que invisten. Quen o discuta, é que non sabe. E levan razón: Galiza é o reino do subsidio, da esmola, da compra de votos e da carretaxe. Esa si que é a política do benestar de Feijóo. Pero, en realidade, xa estaba moi aprendida, mesmo antes de que chegara Don Manuel. O Estado do Benestar de Feijóo rexistra marcas, iso si, nunca coñecidas: en baixo número de activos, en emigración económica da mocidade, en baixa natalidade…Pero, ten os cartos todos na caixa, como o rei do hormigón. Por todo iso, hai que renovarlle a confianza a Don Alberto. Para que en catro anos os camposantos estean cheos de pensionistas galegos e galegas e aínda cadren mellor as contas. Eses expensionistas estarán para sempre no Benestar: ceibados da mágoa de veren aos seus netos outra vez en Alemaña, ese país do que algún día pensaran que voltaban para sempre…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.