7 may 2012
DESEMPREGO, AVELLENTAMENTO, BAIXA TAXA DE EMPREGO, EMIGRACIÓN: EIS A HERDANZA QUE DEIXA O PP EN GALIZA
Recomendo con énfase a lectura do artigo que hoxe publicou no País meu admirado Manuel Rivas, A marabillosa crise de Galicia. (http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/05/03/galicia/1336071337_288800.html). Trátase dun texto hilarante, que destila o amargor que sinte quen lle quere ben ao seu país. Porque debaixo da súa retranca emerxe a tristura dunha realidade ruín, anana e cativa xestionada por un goberno da Xunta aínda máis parvo e miserento. A súa lectura produce en nós, galegos que ben lle queremos a este anaquiño do mundo, a anguria e a mágoa dun proxecto de país esnaquizado por políticos curtos de vista, con intereses e obxectivos mesquiños.
No canto, non recomendo a lectura das declaracións da conselleira de Traballo e Benestar Social, que reflicten o nivel do Consello da Xunta de Galiza. Non acertou máis que a dicir que é a situación de incertidume a que está a incrementar o desemprego no noso país, derivada da recesión e do freo do consumo. Xa está. Como sempre, a Xunta non ten culpa ningunha. Por máis que o desemprego creza e creza, por riba da media estatal. Que máis da! Culpa terán outros…Xamais Frijol e seus membros do Consello.
A realidade de Galiza deteriorouse moitísimo do 2009 ate hoxe. Logo da entrada no Goberno deste remedo de axente 009 que nos caeu en desgraza. É incríbel que suba o desemprego en Galiza, porque esta suba se engade a outros factores diferenciais que están afundindo o país sen que se albisque a esperanza no curto e medio prazo. Non é que creza o desemprego, que é. É que Galiza segue a ver como a súa poboación se avellenta e que o número de pasivos xa hai tempo que lle deu o sorpasso ao número de activos. É que a mocidade galega emigra, ante a falta de futuro. É que a taxa de emprego baixa, por mor de milleiros de persoas que xa perderon a esperanza de atopar emprego. Nestas tendenzas inobxectabeis, que suba o paro é demoledor, e que suba máis que na media española é para que emigren para sempre os nosos gobernantes. Pero, pola nosa desgraza, eles non emigran…agás que lles dean un despacho en Madrid.
Que a conselleira busque as culpas fora é patético. Amosa toda a súa ruindade. Toda a súa incapacidade de comprender ao país e á súa xente. A súa incompetencia sideral. Aínda que non é máis que un exemplo dos moitos que hoxe amosan todos os membros da Xunta. A realidade é clara: a situación de Galiza en termos de número de activos resulta catastrófica. Tanto ou máis que no caso dos “campións do desemprego” dos que moito se mofa o noso presidente ao se referir a Andalucía. Mesmo hai un certo paralelismo entre o maldicer de Sarkozy verbo de España e de Zapatero na súa campaña e as verbas de don Habichuela ao falar dos nosos irmáns andaluces. Claro que Galiza non é Francia, mal que lle pese a un político ao que pola súa desgraza lle tocou gobernar un país no que non acredita e que non lle importa ren.
Xa vai sendo unha necesidade inadiable que os partidos todos de progreso se xunten para que,canto antes, botemos a esta manda de ineptos e para que os anos de Feijóo sexan, o máis cedo posible, un mal pesadelo do que xa acordemos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.