17 may 2012
PENSIÓNS DE XUBILACIÓN: DÉIXENAS EN PAZ, COÑO!
As vangardas da deregulación xa queren converter a reforma de Seguridade Social do 2011 en entullo. Onte me entrevistou Radio Voz por mor dunha ocorrencia que guindaron aos medios de comunicación os de PwC: que había que derrogar os prazos transitorios da Lei 27/2011 e elevar desde xa a idade de xubilación aos 67 anos. Hoxe leín nos xornais as desafortunadísimas declaración do vicepresidente da patronal española nas que afirmaba que había que revisar xa o período de cómputo para o cálculo das pensións de vellez e que non abondaba con conxelar e mesmo con diminuír as pensións.
Canto ao líder de CEOE-CEPYME que así se expresou, cómpre, desde logo, retrucar que non hai marxe para a baixada das cotizacións sociais, se tan urxente é recalcular a pensión, por moito que D. Cristóbal Manstesoiras deveza agora por subir o IVE. Se as contas están en risco, o están con todas as consecuencias, E, ademáis, xa arriscou abondo o Goberno a sostibilidade da Seguridade Social con todas as parvadas que fixo no RD-lei 3/2012, en particular arredor do enxendro de contrato de apoio a empregadores.
Alén do desprezo que poidan causar as verbas dese personaxiño, hai que pedirlle á sociedade civil un pouco de seriedade co tratamento das cousas importantes. Das cousas do comer, como dicía miña aboa. É certo que hai que pedirlle unha seriedade da que carece o Goberno de España, pero hai o que hai. Xa temos moita xente cismando en Nuevos Ministerios como para que haxa que dar ideas desde fora!
As reformas todas de Seguridade Social precisan de prazos transitorios. Máis as que cambian moito as reglas de xogo, como a do 2011. Subir a idade do 2013 ao 2029 é un proceso longo, pero no que están afectadas persoas que hoxe teñen 50 anos ou máis. As súas decisión verbo da xubilación non se poden improvisar. E moito menos no caso da xente que hoxe ten 64-65 anos. Non é lícito cambiar as cartas da baralla no medio da partida. E non únicamente por seguridade xurídica e económica. Tamén por xustiza social. Cando o desemprego da poboación de idade madura está case tan inzado como o da mocidade é sinxelamente inmoral adiarlles a única expectativa que teñen de seguridade económica.
A Lei 27/2011 fai un dano inmenso ás rendas máis baixas e aos desempregados de 60 anos ou máis. Na práctica lles impide a xubilación anticipada. Ou, se se prefire, os condena a unha situación de pobreza ata os 65 anos. Agora PwC quere incrementarlles a pobreza ata o 67 anos. Cun pouco de sorte para o sistema, xa morren no camiño! Que saiba D. Jesús Terciado que na súa Comunidade Autónoma de Castela-León, como en Galiza, as pensións están moi por debaixo da media. E que a reforma do 2011 perxudica máis, polo tanto, á súa xente. Fará que pasen fame. Aínda que teño a impresión de que é deses que esquecen o amor á terra nai cando poñen a gravata, como tantos galegos que esqueceron e esquecen as súas orixes.
As súas verbas canto ao recálculo da base reguladora non merecen comentario. Poñen de manifesto, cando menos, que non se leeu a Lei 27/2011. Aconséllolle que antes de falar diante dun altofalante estude un pouquiño.
Algúns non acreditamos na reforma do ano 2011. Pero, cando menos, recoñecemos que aporta un mínimo de seguridade ata o 2029. Probablemente, o prazo máximo para facer prediccións solventes. A seguridade económica, esa virtude que fai que uns pouco vellos e vellas aínda poidan adurmiñar nas solleiras das súas casas acariñados polas raiolas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.