7 sept. 2012

PARTI QUÉBÉCOIS


Que o partido de Pauline Marois gañara as eleccións provinciais en Quebec é unha nova que ten esa especial capacidade de suxerir analoxías co que pode suceder con outras nacións sen Estado. Que ademáis gañe un partido de indubidable raizame socialdemócrata e nunha federación tan especial como Canadá suxire moitos paralelismos e diferenzas coa nosa realidade preelectoral. Con todo, oxalá o noso goberno fose dirixido por alguén como o liberal Jean Charest e non polo trapalleiro de Mr. Bean.
O verán pasado paseino en Montreal coa miña dona e cos meus tres fillos. Foi unha experiencia inesquencible. Tiven a oportunidade de estudar na –anglófona- Universidade McGill. Pero, ademáis de estudar, de convivir coa xente e sentir esa capacidade especial de integrar que teñen. Cando, de volta en setembro, o noso avión despegou do aeroporto Trudeau, as bágoas dos meus fillos amosaban que deixabamos un cachiño pequeno pero importante das nosas vidas nesa cidade e nesa sociedade tan engaiolante.
Repaso os nosos sentimentos e os meus propios para expresar que tanto me tiña deixar Canadá ou Quebec. Poucas semanas antes morrera o carismático líder do New Democratic Party –asemade socialdemócrata e federalista- Jack Layton, na súa doutrina totalmente repetuosa co dereito de autodeterminación.  A Federación xunta por un principio de estrita voluntariedade na que os quebequeses eran unha parte integrante da mesma polo xenuíno desexo de pertenza. A defensa radical dunha socialdemocracia integradora, multicultural, arriquecida polas diferenzas, multirracial, ecolóxica, igualitaria e baseada nos dereitos fundamentais esvaecía as diferenzas entre o PQ e o NDP alén da explícita defensa daquel pola lingua e polas singularidades nacionais desta provincia. É máis o modelo de sociedade que o modelo de nación o que estaba en xogo nas eleccións. E Charest perdeu polo seu desgaste, pero tamén pola evidente necesidade de cambio xeral, nunha realidade na que o pobo canadiano, en xeral, non se recoñece no primeiro ministro Stephen Harper, esgotado xa na primeira metade do seu terceiro mandato.
Hoxe non me gustou a editorial do País, que facía unha análise parella a esta do trunfo do PQ. Non me gustou porque outra vez expresa ese sentimento maniqueo de que os independentistas son xente de inferior calidade moral. Como se Canadá –como España- fosen en si mesmos valores morais. Para os cidadáns quebequeses que votaron  o PQ o valor moral é, en termos xerais,  a defensa dos seus referentes democráticos e integradores, da súa lingua e do seu feito diferencial. Se todo isto se pode desenvolver como parte de Canadá, abonda.
En Galiza non hai independentistas. Hainos, pero moi poucos. Hai unha lingua que esmorece polo desleixo –cando non pola agresión-do propio goberno galego. E hai un goberno que non quere integrar, nen tolerar, nen fomentar a multiculturalidade, nen defender a nosa natureza e os nosos espazos naturais. Un goberno autonómico que obedece sen máis a outro español. E que fai que vivamos rexeitando a nosa realidade e a nosa contorna. Os que fan políticas sociais son lacazáns despilfarradores. Dar servizos sociais nos tempos que corren é para eles inaceptable. E a única vara de medir é cantos cartos se deixaron de gastar, por moi amolado que estea o pobo.
Namentras agroma unha alternativa que quere integrar a un NDP respectuoso co dereito de autodeterminación. Que quere sumar, acoller ao diferente, defender a nosa costas, os nosos montes, a nosa sociedade…Quere que haxa cidadáns e cidadás con dereitos. Quere unha esquerda moderna, centrada na igualdade e na non discriminación e nos dereitos fundamentais. E un país dinámico, no que a xente quera ir, como quere ir a Quebec e non marchar canto máis lonxe mellor. Un país novo no que medren nenos e nenas con expectativas de darlle un futuro. Nesta dinámica de suma hai que pedirlles aos nosos PQ a xenerosidade abonda para integrar ás persoas que levan unha meniña no colo.
Os quebequeses se lembran. Je me souviens, temos que dicir a xente galega co noso voto para rexeitar aos de sempre, ao atranco do noso futuro colectivo. Se ese futuro é no Reino de España, está ben. Pero nun Estado que nos recoñeza, na nosa identidade e na nosa diferenza, e nos quera como somos. Cos nosos dereitos como pobo. E que integre e non discrimine. Unha España moi diferente á que goberna o PP.
Mágoa que xa non teño unha botella de Caribou para brindar por Pauline Marois. Que haxa unha, do que sexa, para o 21 de outubro á noitiña. Abrirémola, sen dúbida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.