25 sept 2012

CONSELLEIROS LABORAIS RECADANDO VOTOS PARA MR. BEAN




Desde latinoamérica cheiro moi ben o recendo desta poxa de votos da xente galega da diáspora. Onte  me chegaron comentarios moi concretiños de Brasil e do meu moi querido Montevideo. Os novos e flamantes conselleiros laborais das dúas Embaixadas xa están a facer seu traballo, botando cadansúas redes de favores. A imaxe que chega a Galiza, distorsionada, é a de xente que vende o voto por unhas miaxas, normalmente a prol do partido que goberna as institucións que teñen a chave da caixa. Por iso son tan importantes os conselleiros laborais en épocas preelectorais e por iso o BOE botou fume cando se achegaban as eleccións no noso país para nomear a estos remedos de Mr. Marshall. Agora traballan os dous conselleiros a destallo, ante o adianto electoral galego.
Que estas prácticas as fagan os dous partidos maioritarios -PP e PSOE, PSOE e PP, a mesma merda é- non xustifica a ningún dos dous. Hai que engadir, no caso do PP, que nin siquera respectou o pacto dos anos noventa da cota reservada ás partes sociais, cando este verán removeu á conselleira de Colombia, proposta por CCOO. Tanto ten, en Colombia apenas hai galegos. O feito é que nen Uruguay nen Brasil son Guadalix da Serra nos anos 50 do pasado século. Son dous países modernos, moi diferentes un do outro. O Brasil de hoxendía, que incorporou case á metade da poboación ás clases medias cos gobernos de Henrique Cardoso, Inacio Lula e Dilma Rousseff e o Uruguay que na actualidade é modelo en Latinoamérica da man do extupamaro José Múgica pola súa integración social e pola súa política de reconciliación nacional. Parece mentira que o país do anano Mr. Bean-Feijóo merque votos nestas feiras!
Claro que estas cousas son eficaces. E seica lle dean un escaniño máis en Pontevedra, ou en Ourense, quen sabe. Oxalá non se consume este engano á democracia. A xente galega da diáspora é moito máis digna do que quixeran estes mequetrefes que nos gobernan. Por iso votan pouco e por iso os conselleiros laborais cada vez súan máis para que cando chega o noso presidentiño a Montevideo ou a Sao Paulo haxa quen o escoite e lle faga claqué. A xente de aquén do mar –hoxe escribo desde Santiago de Chile- prefire, claro está, un asado, que escoitar ao pillabán de Mr. Bean. Neste caso, Guadalix da Serra está sociolóxicamente máis perto de Galiza que de Uruguay.  Mr. Feijóo-Marshall-Bean xa non é recibido coa mesma ledicia nestes países como era Don Iribarne na terrible crise latinoamericana dos estertores das dereitas corruptas de hai quince anos. Galiza non ten, en Brasil ou en Uruguay o “tronío de ese gran pueblo con poderío”.
A galeguidade non se outorga por unha lei que agora promete Mr. Bean. Practícase todos os días cando estas familias galegas manteñen teimosamente a súa identidade e o seu agarimo á nosa terra desde tan lonxe, con independencia de que uns poucos patufos se arrostren como cobras pedindo, como esmola, un puñado de votos. Lationamérica xa non é o país dos ananos de Rafael Caldera.

1 comentario:

  1. ESpléndido, querido amigo. Una denuncia bien fundada y poco conocida. Y escrita muy bien, como es costumbre. Enhorabuena desde los Apeninos a los Andes (o al pie de estos montes)
    A.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.