12 sept. 2012

PRESTACIÓN FARMACÉUTICA


Ven este comentario a conto dos méritos do noso flamante presidente Alberto Núñez, Mr. Bean, para recuncar nun segundo mandato. Onte e antonte estiven en Toledo, como membro do tribunal nunha tese relativa á asistencia sanitaria, á súa organización e ao seu nivel de descentralización. Aproveito para felicitar ao seu autor, Vicente Lomas, polo seu traballo. A súa lectura corroborou punto por punto as impresións que podía ter verbo das decisións da Xunta neste tema tan central das políticas públicas. E as corroborou cunha enxurrada de datos que non deixan dúbida dun xeito de gobernar que se ten que acabar xa.

É un paradoxo que alguén que se gaba da súa lealdade constitucional teña tan pouco reparo en ditar normativa relativa ao dereito á prestación de asistencia farmacéutica. Non é que a min me pareza mal que se diten decretos da Xunta verbo desta materia, pero cabería dicirlle ao noivo de Irma Gobb que se está aos títulos competenciais ou non se está, como tivo que recordarlle o Consello de Estado con este asunto do noso Cataloguiño de produtos farmacéuticos.

Pero aos que pensamos e acreditamos na capacidade das Comunidades Autónomas para regular nestas materias con base nos títulos competenciais estatutarios, o que nos amola é como utiliza estas competenzas noso homiño. Un aventaxado na práctica de recurtar antes que ninguén e sen que ninguén lle o pida. Nestas semanas preelectorais hai que recordarlle á xente do noso país que a calidade da nosa prestación farmacéutica é inferior ás outras Comunidades Autónomas do Estado, cando menos á espera de que se desenvolva ese Real Decreto lei de abril 2012 –o 16/2012- que aprobou o Goberno de Madiano Dajoy obediente ás consignas de Cristóbal Manstesoiras. O Tribunal Constitucional non declarou constitucional o Cataloguiño, unicamente alzou unha suspensión cautelar da súa aplicación. Por que? Porque o abogado do Estado non convenceu aos maxistrados do perigo real para a saúde da súa aplicación.

Menos mal que os galegos somos pouco dados ás enfermedades raras. Debemos ser raros abondo como para que precisemos destas enfermedades. Porque a prescrición polo prezo menor ten estas cousas. O prezo menor, baixo a ameaza de que ao facultativo médico se lle abra un expediente se non xustifica acaídamente por que se sae do barato-barato. Case mellor non arriscarse a que lle metan unha sanción, aínda que sexa a risco de que o prezo menor implque unha saúde menor.

Agora Dª Pilariña Farjas traballa para Ana Mato –por certo, era tan incompetente Leire Pajín?- e así vai haber un “cataloguillo” en Madrid. Pero os adiantados somos nós. Levamos máis dun ano coa nosa saúde mellor, porque unicamente tomamos xaropes baratiños e eses non matan. Mandámoslle un Magno ou un Soberano cando algo nos doe e o médico da primaria xa o sabe. Se temos unha enfermidade rara, é que nos deu un mal e nos fumos. Non foi sempre así? Para que menciñas caras?

Eu non cobro de Farmaindustria e dubido moito da xente que invoca a sacrosanta liberdade de prescrición dos facultativos médicos. Pero menos me fío dos que nos queren situar na vangarda do recorte. Como dicía miña avoa, o barato sae caro. E pregúntome se as contas da Consellería de Sanidade eran tan catastróficas como para adoptar unha medida tan de aforro. Señor Bean sempre dixo que non. Pero se a fiabililidade do Albertiño é para asegurarmos que seguiremos a ser os primeiros en ter recortes para garantir que os demáis os terán máis tarde, máis nos paga a pena ter alguén menos fiable. Ao mellor lle gañaría a presidenta de Castilla-La Mancha na percura de novos recortes. Por certo, ao noso inquilino de Monte Pío lle saiu unha fote competidora. Estamos moi ben porque recurtamos dereitos antes que ninguén! Somos os mellores recurtando dereitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.