2 ago 2012

O TRABALLADOR QUE ENVILECE: UN PARADIGMA




Antonte despraceime de Ribadeo a Monforte para abrir unha mesa de negociación no Concello relativa á amortización de prazas. Previamente houbo que pedirlle informe ao comité de empresa e aos delegados do persoal funcionario. Todo isto por unha moción presentada –como non?- polo PP e secundada, para vergoña dese partido, polo PSdG-PSOE, na que pedían a supresión de catro prazas. Aos do PP habería que pedirlles iniciativas parellas na Deputación de Ourense, en Esgos, en Nogueira de Ramuín, en Barbadás, en Celanova, en Oímbra e en tantos e tantos Concellos nos que enchufaron ás súas familias e deudos. Pero…o interese xeral para a dereita é un concepto moi casuístico.

Ao que ía: non me sorprendeu, pero encheume de tristura algún comentario illado de membros do comité de empresa: amortizar postos do grupo A1 e A2 non está mal, para procurar que non se amorticen os do grupo C2. Máxime cando algún daqueles está vacante. Finalmente, semella que non vai haber problemas para que o informe sexa negativo ao que pretende o PP, por certo dunha antixuricidade aberrante. Pero á volta a Ribadeo lle daba voltas a como a dereita está conseguindo ese propósito tan seu de emporcar a moral da clase traballadora e emerxer a parte máis vil e egoísta de cada un de nós. Baixaba polas abas da serra de Lourenzá e enfitaba a Bretoña, nun dos paisaxases máis fermosos do noso País ao solpor matinando estas cousas, e pensaba que sen dúbida eses comentarios se debían ao medo e ás ameazas que os medios lle transmiten aos empregados públicos das entidades locais. Por máis que –eles o saben- o Concello de Monforte leva nove anos gobernando por xente digna que procurou un evidente desenvolvemento desta cabeceira de comarca tradicionalmente esquecida. En realidade, miña viaxe do martes era unha travesía entre as dúas cabeceiras de comarca de Lugo que son modelo dun desenvolvemento sostible.

O medo da clase traballadora é un obxectivo permanente da dereita desde país e da dereita globalizada. Ese medo que creba a solidariedade e nos fai a uns destrutores do emprego dos outros, na ara do noso interese individual. Nós mesmos como verdugos e ao servizo dos intereses do PP. En realidade, podía pór outros exemplos que me sucederon esta semana, pero abonda con este comentario nun órgano que debería ser de defensa unitaria de todos os traballadores da empresa. Un órgano estragado pola lapa da insolidariedade acesa polas políticas da dereita.

A eficacia do medo, baixo a torpe coartada dunha liberdade teórica, que non real. Onte me lembraba do pensamento de LORD WEDDERBURN, morto este ano nunha realidade laboral tan distinta desa na que el acreditou. Cando dicía, nos anos 70, que os traballadores non queren outra cousa do Goberno que que se esqueza deles. Claro, no mundo das relacións laborais do sindicato como suxeito central e desde o voluntarismo na negociación colectiva que tanto engaiolou a KAHN FREUND. Pero, por desgraza, no ano 2012 case dicimos o mesmo: o mellor que lle pode pasar aos traballadores é que o Goberno se esqueza deles. Claro, para non bater máis neles.

E tamén leía o artigo de ROMAGNOLI no último número da Revista de Dereito Social, coa súa capacidade de expresar a realidade: como hoxe xa non non arrepía dicir que o traballo é unha mercadoría, en claro desprezo da Declaración de Filadelfia. Como a economía global vai clavando banderiñas no sindicato para que morra pouco a pouco. Como os dogmas liberais van deixando ás persoas sen liberdade, agás aos membros das oligarquías dominantes. Como os traballadores perden a súa identidade cando o traballo se deixa de declinar en singular e se declina nunha constelación de traballadores atípicos.

E no medio, o individuo aillado, enaxenado, temeroso e disposto a executar ao seu compañeiro para manter, un chisquiño máis e ata que non lle toque a el, ese traballo que foi carta de cidadanía para vivir con dignidade nunha sociedade que hoxe esmorece. O peón de obras do Concello de Monforte como paradigma desta sociedade enaxenada, vil e decadente, na que non hai máis que individuos que teñen medo e que non acreditan máis que en vivir un día máis, a conta do que sexa. A conta do seu compañeiro, desde logo.

3 comentarios:

  1. Hola
    Comenta vostede: “lle daba voltas a como a dereita está conseguindo ese propósito tan seu de emporcar a moral da clase traballadora e emerxer a parte máis vil e egoísta de cada un de nós”

    Sendo totalmente certo, me xurden algunhas cuestión ó fio disto:
    * ¿Qué non hai máis conservador que a chamada “clase traballadora”?
    * ¿U-lo aquel concepto antigo da “conciencia de clase”?
    * ¿Non é dar demasiado mérito á dereita cando levamos xa moitos anos de narcosis obreira?
    * ¿Qué é primeiro o ovo ou a galiña? Logo ¿os sindicatos amarillean porque a súa afiliación non responde ou é a afiliación quen non da atopado o seu sitio nas estructuras sindicais? * ¿Ou quizais unha mistura de todo o anterior?

    En todo caso, como conclúe vostede, o individuo é reo do medo e da alienación.

    Saúdos

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, conclúo con vostede, en parte. Cando falo de clase traballadora, é para salientar os aspectos comúns e os intereses colectivos, fronte a unha individualización qué é ferramenta de fragmentación de intereses comúns. E claro que nós temos parte da culpa, pero xa abonda de non afondar nas agresións externas. A mensaxe de Mario Draghi de onte era arrpeiante, e ademáis enunciada coma se defendese o interese xeral. E o RD-lei 20 2012, por exemplo, coa coartada de axustar gastos, é unha agresión ideolóxica en toda regla ao mundo sindical. Por exemplo, desmantelando as estruturas representativas na Administración Pública coa nova definición das unidades electorais. Os recortes son a xustificación, pero a agresión ideolóxica é o que prevalece. Saúdos.

      Eliminar
  2. "E no medio, o individuo aillado, enaxenado, temeroso e disposto a executar ao seu compañeiro para manter, un chisquiño máis e ata que non lle toque a el, ese traballo que foi carta de cidadanía para vivir con dignidade nunha sociedade que hoxe esmorece"

    Gran frase; a mágoa é que é totalmente acertada.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.